27/11/08

Chandebrito nos medios: Chapuza en Chandebrito


Esnaquizar ao redor de 200 metros da rede de evacuación de augas pluviais é última actuación polémica que leva a firma da comunidade de montes de Chandebrito, en Nigrán.

Esta entidade xa arrasou o ano pasado unha vía romana que atravesaba o centro da parroquia logo de cubrila con cascallos procedentes das obras de saneamento para facer máis ancho o acceso.


Seguir lendo na Voz de Galicia

14/11/08

Limpeza das pistas forestais


Despois de recibidas multitude de queixas por parte da veciñanza e visitantes pola existencia da densa maleza que invade camiños forestais da parroquia, establecemos contacto coa delegación de medio rural para que se ordene a realización de traballos de roce da vexetación das marxes do camiños, ou, no seu caso, que se lle requira á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chandebrito, como propietaria dos terreos, para que o faga; de conformidade ao establecido na Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais.


Pola seguridade das persoas que transitan por eles e para organizar mellor o combate do lume e tamén salvagardar os investimentos forestais dos propietarios dos montes da zona, sería necesario rozar as marxes dos seguintes camiños forestais:


* Camiño da Rúa do Torreiro (Chandebrito) ao parque forestal de Vilar (Camos), ata o cortalumes que separa as dúas parroquias, situado nos montes de “Sanomedio”.


* Camiño Chans de Rapadouro, dende o Colexio concertado “Estudio”, uns 500 m. en dirección norte, así como o entorno do citado colexio, nos montes de “Sanomedio”.



* Presa dos Soldados cara Coruxo e entorno do petroglifo “As Ventaniñas” (considerado BIC), no monte “Sanomedio”.


* Pista da Lapela, que comunica o barrio Igrexa co monte Alba en Valadares (tramo dende a presa da Lapela ata a entrada nordeste da canteira), no monte “Regamán”.


* Camiño Alto das Rozadas – A Lama, paralelo ao estrada de enlace coa autoestrada AG 57 “Puxeiros–Miñor”, no monte “Rozadas” (entre as parroquias de Chandebrito e Camos).


11/11/08

Reunións co alcalde


A asociación leva mantidas varias xuntanzas co alcalde de Nigrán (a última tivo lugar o 10 de setembro), nas que se expuxeron os seguintes puntos:


- Reclamar ante a Deputación a mellora da seguridade viaria da estrada Vincios a Nigrán ao seu paso por Chandebrito (coa execución do proxecto de mellora da mesma); así como a xestión conxunta coa concellería de Vías e Obras para a dotación de capa de rodadura do camiño de Lapela (para a comunicación con Valadares) e dun tramo de 600 m. na Rúa das Rozadas.


- Execución da 2ª fase da rede xeral de sumidoiros para as vivendas da Rúa das Tomadas, parte alta da Rúa das Laxes, Rúa da Barreira, Rúa das Rozadas e parte alta da Rúa da Igrexa (contestounos que se comezarían as obras a principios do ano 2009)


- Xestionar ante a Dirección Xeral de Transportes da Xunta a mellora do transporte público por estrada e ter mellores comunicacións con Vigo (apuntando a posibilidade da ampliación do autobús urbano núm. 29 de Vigo, que chega a Fragoselo, dentro do transporte metropolitano da área de Vigo)


- Información do proxecto de recuperación do Río Muíños dende o seu nacente en Chandebrito


- Convocatoria de subvencións para actividades socio culturais no ano 2008


6/11/08

Chandebrito nos medios: A cabaza xigante


Unha cabaza xigante creceu no alto dunha viña. Non é ciencia ficción. Ocorreulle a un veciño da parroquia de Chandebrito, en Nigrán. Manuel Gómez Costas non sae do seu asombro cando observa a descomunal hortaliza que pesa ao redor de 50 quilos.


Viuna crecer durante os últimos meses sobre unha parra na entrada da súa vivenda e xamais se puido imaxinar que chegase a alcanzar semellantes dimensións.


Continua na Voz de Galicia


Tamén no Faro de Vigo




5/11/08

Fontes de Chandebrito


Nos últimos meses véñense de realizar unha serie actuacións no rico patrimonio de fontes do que conta Chandebrito, coa solicitude a empresa Novo Contorno, S.L. encargada do inventario das fontes a que inclúa no catalogo tres delas que non aparecen como son a fonte Nova, a fonte do Regueiro e a Fonte do Cocho para que se comunique á empresa Lema y Bandín, encargada da recollida e análise das mostras das augas das fontes do municipio semestralmente, así como a proceder á colocación de placas indicadoras coa potabilidade das súas augas, similares ás colocadas no ano 2005 – 2006.



Enviamos unha relación das cinco fontes de auga de uso público localizadas en Chandebrito que necesitarían de pequenas actuacións de mellora, polo que solicitamos na consellería de Vías e Obras que se faga unha valoración do estado de conservación e, no seu caso, que se proceda á realización das melloras necesarias nas seguintes fontes:


- Fonte do Cocho de Abaixo

- Fonte de Juan ou da Penís

- Fonte Nova

- Fonte do Regueiro

- Fonte dos Piollos


E por ultimo temos aumentado o patrimonio de fontes, suman xa catorce as fontes de auga de uso público, dende o pasado mes de marzo coa iniciativa para a reconstrución dunha fonte de auga para o uso público, no mesmo lugar no que antigamente existía a Fonte do Cocho de Abaixo (Pracíns), fonte que desapareceu hai xa moitos anos.