2/11/12

Exposición de fotos e documentos históricos da escola de Chandebrito

A Asociación "Chandebrito 1807" realizará durante os meses de novembro e decembro unha exposición de máis de trinta fotografías e outros tantos documentos históricos da antiga casa escola de Chandebrito, que poderán ser visitados neste mesmo local (Rúa da Igrexa, 2- 1º) de luns a venres polas tardes.

Durante estes meses previos recopiláronse moitos documentos, (o máis antigo data do ano 1923 -momento no que comeza o funcionamento da escola-), contando coa valiosa colaboración de mestras e familiares de mestras que estiveron ao frente do centro educativo, polo que agradecemos ás mesmas a súa achega, xa que sen ela este traballo non sería posible.

Con elo, esta Asociación quere render un merecido homenaxe a esta escola, na que se formaron moitos veciños da parroquia ata que desafortunadamente se procedeu ao seu peche no ano 2009 por falta de matrículas suficientes.

Convenio para realizar Traballos en Beneficio da Comunidade

Esta Asociación, despois de que a súa Xunta Directiva tomase o respectivo acordo, asinará un convenio coa Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias para que os diferentes persoas da zona poidan cumprir as penas que se lle impoñan por parte dos xuices realizando tarefas en beneficio da comunidade. Para elo, xa se iniciaron as xestións pertinentes co organismo.

Deste xeito, ao mesmo tempo que se lle facilita aos penados o cumprimento da pena nun lugar preto da súa residencia e nun horario compatible coas súas circunstancias familiares e laborais, a parroquia de Chandebrito beneficiarase do traballo que desenvolvan estas persoas en asuntos como a limpeza, mantemento e adecuación de camiños veciñais, do local social, de bens culturais (petroglifos, muíños de auga, etc.), entre outros.

Comeza un novo curso de cestería tradicional

O luns dia 5 de novembro dará comezo unha nova edición do curso de Cestería tradicional con vimbio, impartido polo mestre cesteiro vigués Rubén Berto.

A actividade, promovida pola Asociación "Chandebrito 1807", desenvolverase tódolos luns de novembro e decembro de 18.30 a 21.30 horas no local deste colectivo, a escola de Preescolar (Rúa da Igrexa, nº 4- Chandebrito). A duración do mesmo é de 24 horas e o custo é de 20 euros mensuais por alumno.

A acollida do curso foi todo un éxito, xa que se interesaron por él preto de vinte persoas non só de diversos lugares do municipio nigranés, senón tamén de Soutomaior, Porriño, Baiona, Vigo, etc., aínda que o número máximo de alumnos é de dez, polo que esta Asociación procurará realizar outra edición a partires do vindeiro mes de xaneiro, co fin de que todos os solicitantes poidan participar no mesmo.

Esta Asociación considera que a cestería é un dos oficios tradicionais máis antigos e importantes e, por elo, quere fomentar a súa recuperación e posta en valor, para que non se perda este patrimonio cultural inmaterial.