11/2/13


MEDIDAS PARA A MELLORA E CONTRA A SUPRESIÓN DO SERVIZO DE TRANSPORTE PÚBLICO EN CHAN DE BRITO

A Asociación "Chandebrito 1807" presentará alegacións para que a Xunta denegue a proposta de reestruturación da concesión do servizo de transporte público por estrada en Chan de Brito, presentada pola empresa ATSA, pola que se deixaría a esta parroquia sen servizo algún (na actualidade existe un servizo a Vigo ás 7.00 e outro a Nigrán ás 8.00 horas da mañá).

Actualmente o Servizo de Mobilidade de Pontevedra, someteu a trámite de información pública dende o 31/01/2013 o expediente de reestruturación da concesión de servizo público regular permanente de uso xeral de transporte de viaxeiros por estrada V-7008; XG-382, A Guarda-Vigo-A Guarda, con anexos.
Dende esta Asociación entendemos que o transporte público é un servizo público necesario para a mobilidade da poboación. Calquera redución vai a supoñer unha perda de dereitos da cidadanía nos seus dereitos á accesibilidade a outros servizos como poden ser a educación, a sanidade, a cultura, etc. Polo tanto é necesario manter dito servizo público con calidade.


A empresa ATSA aceptou en marzo de 2010 (fai tan so 3 anos) a prorroga da totalidade da concesión de servizo público regular permanente de uso xeral de transporte de viaxeiros por estrada V-7008; XG-382, A Guarda-Vigo-A Guarda, con anexos, até o 25 de setembro de 2020. A pretensión de cambiara agora ditas condicións poden vulnerar os principios da competencia, xa que o feito de aceptar a prorroga da concesión impediu que outra empresa tivera a posibilidade de prestar todos os servizos incluidos na concesión.

Por outra banda, cabe recordar que esta Asociación leva dende o ano 2007 entrevistándose cos responsables da Consellería de Transportes en Pontevedra, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, os distintos Alcaldes de Nigrán, etc. presentándolles por escrito propostas para a mellora do transporte público por estrada, sen que non se adoptase ningúnha medida, tendo en conta ademáis que o propio Concello aprobou unha moción no ano 2006 para realizar as xestións oportunas no asunto.

Ademáis, esta Asociación está recollendo sinaturas contra a reestruturación que suporá a desaparición do único servizo de transporte público en Chan de Brito mediante bus.


O Portavoz da Asociación "Chandebrito 1807", Carlos Gómez, entrevistándose co Alcalde Efrén Juanes a finais do ano 2008 para que se fagan as xestións oportunas co fin de mellorar o servizo de transporte na parroquia.