22/4/13

Solicitudes en apoio aos afectados por produtos bancarios

A Federación Veciñal comarcal, a petición desta Asociación, remitiu escritos a principios deste mes dirixidos aos responsables de Novagalicia Banco e da Xunta de Galicia, solicitando a mediación do Instituto Galego de Consumo para que se adopten medidas co fin de devolverlle aos aforradores os importes totais depositados por estes en obrigas subordinadas e participacións preferentes. Do contrario, esta Federación estudará a posibilidade de exercitar as accións legais que estime oportunas, ademáis de promover outro tipo de medidas contra os responsables deste espolio, goberno e banco.
Ademáis, na mesma instancia, pediron tamén entrevistarse cos máximos responsables tanto do banco como da Xunta de Galicia.

A Asociación "Chandebrito 1807" colabora coas festas da parroquia


Esta Asociación, ao igual que nos anteriores anos, ven de confirmar á Comisión de Festas de Chan de Brito a súa colaboración nas festas do Cristo da parroquia, que se celebrarán os dias 7, 8 e 9 de xuño.
A axuda consistirá nunha achega económica para un grupo de música local que actuará o sábado, ademáis da solicitude de subvencións ante as Administracións públicas, e da remisión de notas de prensa aos medios en relación ás actividades, entre outras cuestións.

13/4/13

REITERACIÓN DA SOLICITUDE DE MELLORAS NA PARROQUIA  AO CONCELLEIRO DE VIAS E OBRAS

Ao non ter resposta ás peticións que lles remitimos os dias 15 e 24 de marzo e 4, 14 e 29 de abril, 13 de maio e 9 de xuño de 2012, e de conformidade á visita realizada hai uns meses á parroquia de Chandebrito co concelleiro de Vías e Obras; envióuselle novamente as solicitudes presentadas no Rexistro xeral do Concello de Nigrán a mediados do ano 2011 dirixidas ao citado concelleiro e que polo momento están sen contestar, nas que se pide a execución de diversas obras de pequena envergadura pero bastante necesarias en Chandebrito, coa finalidade de que sexan atendidas á maior brevidade posible:


-          Trasladar ao lugar máis axeitado o poste sito entre as vivendas nº. 27 da Rúa das Laxes e a nº. 1 da Rúa do Torreiro (na intersección destas dúas vías municipais), xa que quedou dentro desta última vía pública con motivo da obra de ensanche da mesma por parte do Concello no 2003 e constitúe un importante obstáculo e supón un grave perigo tanto para os vehículos como para os peóns que circulan pola zona (solicitouse a Fenosa dende novembro de 2009, enviando presuposto por importe total de 2.765,73 € (prezo válido ata o 31/05/2011). Este asunto solicitouse no Concello en abril de 2011.

-          Fixación de tapas de arquetas da rede de sumidoiros que se moven (causando ruidos constantemente e risco de desperfectos nos vehículos), na R/ Laxes, entre os nº 10 e 14 e R/ Igrexa, do nº 24 (Cruce do Cño. Pereiras) ata cruce da R/ Chandebrito.

-          Reparación ou substitución de reixas de arquetas de augas pluviais rotas e/ou soltas perigosas, na R/ Laxes entre os núm. 17 – 19 e 21.

-          Reposición de asfalto na Subida a Mirador Castro – pista de Lapela ao Monte Alba á altura da presa de Lapela e canteira; completar a sección en curvas (presa de Lapela; preto da entrada á canteira; preto do límite con Valadares; etc.)

-          Mellora do camiño das Regueiras á Lapela por Socrasto (capa de xabre pisado).

-          Mellora do acceso do Camiño de Cordiñas (rebaixar entrada), situado entre o cruce da R/ Chandebrito coa Rúa Igrexa e o núm. 1 desta vía.

-          Ensanche da curva ou colocación de espello na R/ Laxes no cruce de acceso ao Colexio Estudio (perigo por falta de visibilidade no acceso). Acondicionar Camiño campo de fútbol – Colexio (convenio con este).

-          Requerir á Deputación a execución do proxecto da obra de ensanche da Rúa de Pracíns (E.P. 2102 Vincios – Nigrán), ou cando menos, as curvas á altura dos nº. 1, 3, 6, 21, no límite con Vincios e no Osqueiro (entre Camos e cruce Chandebrito -valla), buscando a cesión dos propietarios. (xa solicitado en numerosas ocasións).

-          Instalación de sinalización de tráfico: Reposición de sinal vertical “Stop” no acceso á Rúa de Chandebrito dende a Rúa das Laxes.

-          Crear pasos elevados na R/ Laxes (limitada a 30 Kms./h.) e na R/ Chandebrito, pola excesiva velocidade dos numerosos coches e buses que se dirixen ao Colexio Estudio.

-          Limpeza de marquesiña no cruce da R/ Laxes coa R/ Chandebrito (parte posterior).

-          Mellora de 4 fontes de auga de uso público e adecuación do seu entorno (fontes do Cocho de Abaixo; Fonte Nova; Rapadouro e Penís (de Juan).

-          Estudar ampliación da rede xeral de sumidoiros na Rúa Laxes (dende a vivenda núm. 27 á 32) e nas Pereiras, (dende a R/ de Chandebrito núm. 15 ata as nº 29 – 31).

-          Mellora das instalacións deportivas: colocación de postes e rede na parte norte do campo de fútbol (tirados polo vento), substitución de reixas frente aos vestiarios (causan perigo), dotación de cuberta metálica en vestiarios (arrancada polo vento), reparación de porterías de futbito e substitución de alambrada do peche na pista polideportiva de cemento (colocada hai uns 10 anos e moi deteriorada).

Se seguimos sen ter respostas positivas a estes asuntos durante este mes, pediremos publicamente de novo a dimisión do mencionado concelleiro, ademáis de adoptar outro tipo de medidas de presión, posto que non é de recibo estar durante dous anos solicitando reiteradas veces estas cuestións sen recibir resposta.

11/4/13

OBRADOIRO DE ELABORACIÓN DE PAN BIO

Esta Asociación desenvolverá un curso / obradoiro de pan ecolóxico no seu local social (antiga escola de preescolar) o sábado 11 e o domingo 12 de maio, impartido polo biólogo, investigador e permacultor César Lema, que conta cunha ampla experiencia neste eido.

Horarios e programa *:
- Sábado 11, 10.00 - 14.00 h. e 16.00 - 20.00 h.: teoría e práctica do pan de levadura nai.
- Domingo 12, de 10 a 14.00 h.: pan de landra.

Prezo: libre, podendo aportar o que cada quen considere ou ben aceite doméstico usado.

Material necesario: Os participantes deberán levar un bol para amasar, uns trapos para tapar o pan e 1 Kg. de fariña de trigo integral bio (que tamén se poderá adquirir no curso).

O número máximo de persoas será de 15 e terá que asistir os dous dias que dura o obradoiro.

Os interesados poden inscribirse ata o dia 8 de maio a través do teléfono núm. 667380223 ou no correo-e chandebrito1807@gmail.com .


* Explicación do programa:
 
A primeira hora do sábado falarase do formento "levadura madre", cómo conseguila e conservala, a importancia de face-lo pan con formento, tamén sobre os diferentes cereais, a fariña, a auga, a moenda, etc.
Sobre as 13:00 - 14:00 h comezaremos a face-lo pan, explicaremos as diferentes fases de amasado.
Ás 17:00 h farase o formado e segunda fermentación ata as 19:00 h no momento que o pan estará para metelo ao forno, cada participante leva a masa fermentada para casa e o mete no seu forno.
Entre 16:00 e 19:00 h. volveremos a falar sobre qué lle ocurre a masa durante as fermentacions, o corte do pan, a coción: tempos, vapor...., os tipos de fornos e a conservación do pan.
 
O Domingo a 1ª hora farase a cata dos pans do sábado e elaborarase pan de landra, explicando o procesamento da landra ata chegar a fariña desamargada.
Ás 11:00 h comezarase co amasado de fariña de trigo cun pouco de fariña de landra para cada participante (ésta levaráa César Lema).
Ás 13:30 realizarase o formado dos bolos e deixarase 1,5 h de segunda fermentación e as 15:00 h cada participante na súa casa meterá o pan no forno.
 
Os participantes deberán levar:
- Un bol de madeira, porcelana, cristal ou metal (ainda que non é o mellor) e non pode ser plástico porque o medio ácido pode arrastrar contaminantes do plástico para a masa.
- Un trapo que non cheire moito a suavizante nin a xabro e algo de lan ou abrigoso para tapar o pan cando o leven para casa.
- 1 Kg de fariña de trigo bio integral ou semiintegral (tamén a poden mercar no curso).

Pódese descargar o cuaderno do pan bio nesta dirección da internet:

PRIMEIRA PUBLICACIÓN SOBRE O SENDEIRO DOS MATOS


Esta Asociación ven de publicar nestes dias, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, un tríptico informativo do sendeiro dos Matos, recuperado no ano 2005 entre os veciños e o Concello de Nigrán.

Deste xeito, nas rutas que se fagan deste sendeiro poderánse entregar de xeito gratuito aos participantes unha información detallada da historia, das características e dos elementos de interese que ten o mesmo (catro muíños de auga, pontellas medievais, a beleza do curso do río Muíños, a natureza, etc.).

Este camiño ten unha grande importancia histórica-etnográfica para os veciños da actual parroquia de Chandebrito, xa que foi empregado durante centos de anos ata o 1786 para ir á antiga igrexa de Camos, parroquia á que pertencían os catro barrios históricos que hoxe forman Chandebrito.

Ademáis de recuperar o muiño dos Matos durante as vindeiras semanas, prevese facer tamén a curto prazo a limpeza do carreiro de pés que pasa por este e por unha antiga pontella medieval que se localiza uns cen metros máis abaixo deste muiño. Deste xeito, de cara a esta primavera / verán todos poderemos disfrutar da beleza deste camiño e comprender mellor o interese que ten.

CURSO AVANZADO DE CESTERÍA PRÁCTICA TRADICIONAL


A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", ante o alto grao de éxito obtido nos cursos prácticos de iniciación á cestería tradicional con vimbio (celebrados entre novembro de 2012 e abril de 2013), nos que se incribiron 23 persoas de todo o Val Miñor e área de Vigo; convoca un novo curso avanzado de cestería, que comezará o luns 22 de abril e se desenvoverá no seu local social, a escola de preescolar de chan de Brito, durante oito luns consecutivos en horario de 18.30 a 21.30 h (24 horas).

Tódolos interesados en participar neste novo curso poden inscribirse chamando ao teléfono núm. 667380223 ou indicando os seus datos persoais no enderezo de correo-e: chandebrito1807@gmail.com . Farase un único grupo de entre 6 e 10 persoas por riguroso orde de inscrición. Ao igual que nos cursos de iniciación, ao remate desta actividade entregaráselle aos participantes o correspondente diploma acreditativo.

Gracias á importante labor do mestre cesteiro Rubén Berto Covelo, ao que temos que agradecerlle o seu interese por ensinar a todos aqueles interesados que descoñecen unha forma de artesanía, vida e cultura que o home elaborou dende os albores da humanidade, pois a cestería incluso e anterior a cerámica, arte que con moi poucas modificacións durante milenios, demostra que a idea primixenia e a súa realización foron perfectas dende un principio, cousa que raras veces se consigue.

Non cabe dúbida, por tanto que os cesteiros, ó igual que outros oficios practicados en Galicia por desgracia esmorecen a causa dos avances das novas técnicas e do tan gabado progreso, asistindo á transformación das artes, oficios, tradicións e calquera tipo de manifestación da nosa cultura, polo que con este tipo de cursos tratamos de manter viva a tradición e cultura levada a cabo durante milleiros de anos polos nosos antepasados, non podendo permitir que se perda.

10/4/13

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA "UNHA VOLTA POLO MUNDO"

Este fin de semana pasado, a Asociación "Chandebrito 1807" inaugurou unha exposición de fotografías tomadas por dous veciños da parroquia de Chan de Brito, que permanecerá aberta durante dous meses no baixo da escola de preescolar de Chan de Brito, e que se poderá visitar os luns de 17.00 a 19.00 horas, os mércores de 19.30 a 21.30, ou ben chamando ao núm. de teléfono 667 380 223.

Trátase dunha seleción de 240 fotografías de entre máis de tres milleiros realizadas por Antón Amorín, nas visitas a 13 países entre os anos 2002 e o 2013: Cuba, Exipto, China, Rusia, Siria, India, Italia, Etiopía, República Checa, Togo, Benin, Marrocos e Turquía. Baixo o título de "Unha volta polo mundo", nas imaxes pódense contemplar as paisaxes, os monumentos e a vida cotiá das persoas que habitan diversos pobos deses países.