28/10/13

TRABALLOS DESENVOLVIDOS CON PERSOAL DE TBC

Ante a falta de interese da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Chandebrito en manter o monte de xeito correcto; a Asociación "Chandebrito 1807" está desenvolvendo traballos diversos no mesmo para protexer e poñer en valor o patrimonio cultural e natural que temos na parroquia de Chan de Brito, entre outras cuestións.

Por elo, a principios de 2013, realizamos un extenso plan de traballo para todo o ano, a executar con persoal que debe cumplir penas con traballos en beneficio da comunidade e que abrangue entre outras, as seguintes actuacións:

- Roza de maleza no monte veciñal, arredor das propiedades particulares (nos barrios da Igrexa e de Pracíns) e da escola infantil (rúa da Igrexa núm. 2).

- Roza de vexetación, poda de arborado e sinalización nos accesos e entorno de bens culturais (muíños rupestres da Cañoteira e da Lapa do Piñeiro; dos muíños da Presa, do Outeiro e dos Matos, e do castro.)

- Roza de vexetación en diversas rutas de sendeirismo (Camiño do Gabián, dos Matos, do Valiño, camiño do Costal, ruta histórica e etnográfica de Chandebrito). Limpeza e restauración duns 300 m. do antigo camiño dos Matos hacia a igrexa de Camos (nos límites entre as dúas parroquias). Roza de camiños veciñais, como o que comunica a Rúa da Barreira á altura da vivenda núm. 2 e a estrada de Pracíns núm. 6).

- Limpeza de marquesiñas e entorno (Cruce da rúa de Chandebrito coa Rúa das Laxes).

- Reposición duns 30 metros de valo de madeira e roza de maleza na muralla exterior musealizada do Castro e do acceso ao seu cumio.

- Recollida de lixo nas rúas do Torreiro, campo de fútbol e parque forestal.

- Limpeza de fontes de auga de uso público (Cocho de Abaixo, das Laxes, da Penís, etc.).

- Realización de placas de pedra gravadas cos topónimos (nomes tradicionais dos lugares da parroquia) que se colocarán nos muros en lugares visibles dende a vía pública, para o que se asinan convenios de colaboración cos veciños (este ano 2013, realízanse un total de 7 placas con 11 nomes).





Para o ano 2014 realizarase un novo plan de traballo, que agardamos completar a roza  limpeza do monte veciñal lindeiro ás vivendas do barrio das Tomadas; a limpeza de máis rutas de sendeirismo e camiños veciñais; dos muíños de Rodas e da canle do muiño dos Matos. Proseguiremos tamén coa limpeza do acceso e do entorno de petroglifos que están moi descoidados, tales como os da Lapela, a Gabacha, Peneites, As Ventaniñas, etc.). Ademáis, colaboraremos na limpeza de cunetas de viais de uso público, recollida de lixo nestes e no monte e a mellora de fontes de auga, entre outras cuestións.

27/10/13

SEGUNDA FASE DA RESTAURACIÓN E POSTA EN FUNCIONAMENTO DO MUIÑO DOS MATOS



Dende a Asociación "Chandebrito 1807" imos a executar nos vindeiros meses a segunda fase de restauración do muíño dos Matos, situado nas Rozadas, parroquia de Chan de Brito.

Ao igual que na 1ª fase (roza, eliminación de terras e vexetación perxudicial no muiño e no seu entorno, reconstrución das paredes, colocación de tellado, porta e fiestra -tal e como se pode apreciar nas fotografías-), esta actuación é posible grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, á que hai que sumar o voluntariado e o persoal que temos dentro do convenio de realización de TBC.

As obras consistirán en instalación de pezas e mecanismos (moega, quenlla, moa, caixón, sateira, vara, rodicio, etc.), restauración da canle e posta en funcionamento do muíño, e estarán rematadas antes do 31 de marzo de 2014.

Esta actuación enmárcase na recuperación e posta en valor do Camiño dos Matos, un sendeiro que abrangue 4,2 Kms., no que se poden observar outros tres muiños de auga (un deles en funcionamento) e que discorre á beira da parte alta do río Muíños (o máis importante de Nigrán). Outros traballos realizados foron a sinalización, roza e limpeza do camiño (na que colaborou o Concello); edición de trípticos informativos, recuperación dun tramo duns 300 metros do antigo camiño; limpeza do rio e do entorno dos muiños.

Todas aquelas persoas que queiran colaborar neste proxecto, poden dirixirse a este colectivo a través do correo electrónico cmchandebrito@yahoo.es ou chandebrito1807@gmail.com .

18/10/13

Convocatoria de curso de cestería en palla


A Asociación Veciñal de Cultural de Chandebrito, coa finalidade de recuperar e divulgar os oficios tradicionais, organiza un curso - obradoiro de cestería en palla coas seguintes características:



“Creación dun cesto de palla de centeo, empregando as técnicas tradicionais desta nobre arte”

ORGANIZA: ASOCIACIÓN VECIÑAL E CULTURAL “CHANDEBRITO 1807”

ARTESÁN: RUBÉN BERTO COVELO (CARTA DE ARTESÁN: 4045)

DURACIÓN E DATAS: Novembro e Decembro de 2013 e Xaneiro de 2014. Tódolos luns de 18.00 a 20.30 horas (dende o 04/11/2013 ata o 27/01/2014)

Nº DE PARTICIPANTES: 8 min. – 12 máx.

LUGAR: Pranta baixa da antiga Escola de Preescolar de Chandebrito (Rúa da Igrexa, nº 2 – Chandebrito – Nigrán)



TÉCNICA: COSIDO EN ESPIRAL CON PALLA DE CENTEO

ELABORACIÓN DE CESTOS QUE CONTEÑAN GRANS E SEMENTES

MATRÍCULA: Data límite de inscrición: 31 de outubro. Prezo por persoa: 25 € mensuais (10 horas / mes).

Inscricións: Indicando nome e apelidos, núm. teléfono e dirección de e-mail, no teléf. nº. 667 380 223 ou no correo electrónico: chandebrito1807@gmail.com e cmchandebrito@yahoo.es