14/12/15

I Taller de turróns artesáns

O vindeiro venres dia 18 de decembro desenvolverase no local social desta Asociación (Rúa da Igrexa, 2 - Chan de Brito) o I obradoiro de elaboración de turróns artesáns.
Os interesados poden optar por unha das dúas quendas programadas: de 18,30 a 20,30 ou de 20,30 a 22,30 horas.
O donativo por persoa é de 20 euros, que inclúe tódolos gastos e o material (cada unha só debe levar dous envases baleiros de tetra brick).
Poden obter máis información ou inscribirse chamando ao teléfono núm. 667380223 ou escribindo un correo-e ao enderezo: chandebrito1807@gmail.com ata o xoves 17.
Este Nadal crea os teus propios turróns e lévaos para casa !!.


10/12/15

Solicitude de parque biosaudable

Esta Asociación ven de presentar nestes dias diversa documentación solicitando ao Concello de Nigrán que se instale un parque biosaudable en Chan de Brito formado por varios equipos de ximnasia, que permitan manter a forma física e previr ou tratar diferentes doenzas e lesións concretas; propoñendo para elo unha chan de 15 x 3 metros localizada na parte Sur do parque da antiga escola infantil, única parcela de titularidade municipal nesta parroquia. Neste espazo poderíanse instalar ata 6 aparatos deste tipo.

Tanto nesta como na súa contorna non existe parque biosaudable algún no que a veciñanza da mesma poida realizar exercicio físico axeitado para levar unha vida sá; tendo que desprazarse como mínimo a uns 10 Kms. para elo.

Estes parques ó aire libre están compostos por diferentes equipos de ximnasia, que permiten manter a forma física e previr ou tratar diferentes doenzas e lesións concretas. Están deseñados para a práctica de exercicio físico de adultos a partires de 40 anos e son especialmente recomendados para maiores de 60, porque lles permiten mellorar a mobilidade, aumentar a flexibilidade e tonificar a musculación de todo o corpo. Potencian unha vellez saudable, dinámica e autónoma e constitúense como alternativa e complemento perfecto ás prácticas dirixidas que hai xa anos veñen organizando outros concellos da contorna.

As vantaxes fundamentais dos circuítos biosaudables, dende o punto de vista dos profesionais do deporte céntranse en que:
- Permiten realizar un exercicio físico completo que incide favorablemente sobre todos os compoñentes da condición física saudable dos maiores.
- Permiten realizar exercicio físico adaptado a este colectivo específico e seguro. Isto é importante porque se realiza sen supervisión.
- A nivel articular, supón sen dúbida un gran avance para a prevención de dexeneracións articulares, que a longo prazo adóitanse converter en lesións e polo tanto en perda de calidade de vida para o suxeito.
- Biomecánicamente é unha gran vantaxe poder traballar en primeiro lugar cun gran percorrido articular e segundo co propio peso do individuo, isto evita forzar as articulacións e os músculos, algo que pode ocorrer co traballo coas resistencias.
- Permite realizar un traballo muscular lento e controlado cun sinxelo manexo e efectividade.

Precisamente, unha das propostas de actuación para esta parroquia, realizadas na campaña electoral das pasadas eleccións locais do 24 de maio de 2015 polo PSdeG-PSOE de Nigrán, que goberna nese Concello, é “Dotaremos aos barrios de Chandebrito de pequenas instalacións deportivas que melloren a calidade de vida dos veciños/as e permitan o esparexemento dos máis novos/as.” Cabe ter tamén en conta que os concellos deben promover a práctica de deporte, e en xeral, o fomento dunha vida sá.

27/11/15

Peticións de arranxo e melloras nos viais e outros espazos públicos

O pasado luns dia 23 de novembro membros directivos deste colectivo reuníronse con responsables do departamento municipal de Vías e Obras na parroquia de Chan de Brito.
Nesta xuntanza esta Asociación pediulles que realizasen diversas actuacións de arranxo e mellora en varias vías municipais, fontes, servizos, así como nos parques infantís, e que xa viñan sendo demandadas por escrito dende hai dous anos.

Entre esas actuacións, cabe destacar as seguintes:
- Reposición e colocación de sinalización de tráfico nas Rúa das Laxes e de Chandebrito. Estudar a implantación de pasos elevados ou lomas nesta última.
- Reposición de reixas en mal estado en dúas vías.
- Reparación de fochas e substitución de asfalto en mal estado nas estradas de Chandebrito, camiño da Lapela cara a Valadares e Rúa da Barreira.
- Retirada de poste de enerxía eléctrica na Rúa do Torreiro.
- Melloras no parque infantil da Igrexa.
- Reiterar petición de ensanche e acondicionamento da Rúa de Pracíns.
- Mellora de cunetas en dous viais.
- Mellora de catro fontes de auga de uso público nos lugares da Igrexa, Laxes e Pracíns.
- Ampliación da rede xeral de sumidoiros ás Pereiras e á parte alta da Rúa das Laxes.
- Ensanche de vial na rúa da Igrexa.
- Melloras na pranta baixa da escola infantil.

Por outra banda, despois das peticións que fixemos por escrito á Deputación, comezouse estes dias a limpar as marxes da estrada de Pracíns, así como a mellorar as cunetas da mesma cun perfilado, xa que se atopaban nun estado de conservación moi deficiente.

10/11/15

Celebrada a I Festa do muiño dos Matos

O domingo 8 de novembro dende as 10.00 ata as 16.00 h. celebrouse a I Festa do Muiño dos Matos, organizada por esta Asociación e coa colaboración económica do Concello de Nigrán e a participación do grupo de gaitas "Lume de Candela" de Bembrive, os ecoloxistas César Lema e Afonso Rodríguez, a muiñeira Rosa Misa, o zoqueiro artesán Carlos "Tango", o cesteiro Rubén Berto, o panadeiro Julián Sio e o agricultor bio Ricardo Gómes (Horta do Val), entre outros colaboradores.
A todos eles, o noso máis sinceiro agradecemento porque fixeron desta xornada unha moi grata velada.
Despois de 41 anos abandonado (no 1973), volveu funcionar o muiño dos Matos, no que  ademáis de moer millo durante este dia especial, realizouse unha exposición de fotografías antigas relacionadas cos cereais cultivados na zona, de utensilios empregados con estes traballos, de pezas do muiño e de variedades locais de millo.
















29/10/15

I FESTA DO MUIÑO DOS MATOS, EN CHAN DE BRITO


O domingo 8 de novembro realizaremos a I Festa do Muiño dos Matos, que restauramos o ano pasado. Ás 10.00 da mañá partiremos dende o barrio de Pracíns cun roteiro guiado hacia este muiño de auga, donde se haberá música folk, moenda, demostracións, charlas, exposicións, oficios tradicionais e posto de produtos realizados coa fariña de cereais.

Trátase dun muiño encravado nun fermoso lugar, cun alto grao de interese etnográfico ao ser sitio de paso para os veciños de Chan de Brito, que tiveron que acudir á igrexa de Camos durante centos de anos ata o 1786. Probablemente construiuse a principios do século XVIII, e aparece rexistrado no Catastro da Ensenada no ano 1753, sendo abandonado no ano 1973. No ano 2009 a Asociación conquire a cesión do seu uso e a autorización por parte dos propietarios herdeiros para a súa restauración e uso por este colectivo. Entre os anos 2013 e 2014 restáurase completamente.

26/10/15

Remate das obras de restauración dos muros do muiño das Loureiras

Hai aproximadamente un mes, finalizáronse as obras de restauración dos muros do muíño de auga das Loureiras (situado na marxe dereita da estrada de Chandebrito preto de Coruxo), probablemente construido a principios do século XVIII, e abandonado sobre o ano 1932.
Antes desta actuación estaba nun estado completamente ruinoso, coas paredes derribadas e cuberto de maleza, polo que esta Asociación conqueriu hai uns meses e por escrito a cesión do seu uso por parte dos seus propietarios herdeiros, que autorizaron á súa rehabilitación, realizada este verán pasado co financiamento da Deputación de Pontedra por importe de 2.000 €, e a man de obra de voluntariado e dos penados con traballos en beneficio da comunidade. O estado actual refléxase nas seguintes fotografías.







20/10/15

V Xornadas Micolóxicas de Chan de Brito 2015

O domingo 25 de outubro de 2015, a partires das 10 da mañá celebrarase a quinta edición das xornadas micolóxicas de Chan de Brito (débese ter en conta o cambio de horario do sábado para o domingo, xa que hai que atrasar os reloxos unha hora). A xornada guiarase por Jose Luis Tomé Ortega, secretario da Federación Galega de Micoloxía, membro da Asociación Brincabois, e experto en micogastronomía.

A programación é a seguinte:
De 10.00 a 10.30 h., na contorna do Colexio Estudio: Pequena charla de introdución e entrega de información.
Ás 10.30 h.: saída e percorrido polos montes.
Ás 13.30 h. (aprox.): Regreso ao punto de partida.
Ás 17.00 h.: apertura de exposición de diversos tipos de cogumelos.
Ás 17.00 h.: Conferencia ("As texturas na cociña das setas").
Ao remate da charla, degustación dun caldo de cogumelos.

Máis información e inscricións: ata o venres dia 23 de outubro, no teléf. 667380223.


XESTIÓNS PARA REPARACIÓN DE DANOS NA ESTRADA DA LAPELA E MELLORA DOUTROS VIAIS

Ante os constantes danos producidos na estrada da Lapela, que comunica o barrio da Igrexa en Chan de Brito co monte Alba, en Valadares, a causa da explotación da canteira granítica situada no lugar da Lapela, e ante a total pasividade da Comunidade de Montes da parroquia de Chan de Brito; a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 mantivo en agosto unha entrevista co alcalde de Nigrán para pedirlle o arranxo do tramo deste vial na parte inferior da citada canteira, e que se lle requira á empresa arrendataria a colocación dunha adecuada sinalización de perigo nesta via e a reparación de danos, tales como limpeza de lodos na superficie (producidos coa escorrentía das augas pluviais), arranxo do pavimento no tramo próximo ao término municipal de Vigo, etc. Esta petición realizóuselle novamente ao rexedor no dia de onte.
Por outra banda, lembróuselle a necesidade de ensanchar a sección da Estrada Provincial de Pracíns, outra das demandas históricas da veciñanza, cuxa obra xa resultou aprobada hai máis de dez anos, pero que segue sen executarse, co conseguinte perigo para os vehículos e peóns que circulan por este vial tan estreito e de visibilidade escasa.

Ademáis, acábanse de manter contactos co concelleiro de Vías e Obras para o arranxo dun camiño de acceso ao lugar dos Matos, moi deteriorado polo efecto das choivas.

Outro aspecto que consideramos importante neste eido, é a corrección e actualización do inventario municipal de viais públicos, asunto no que xa incidiu esta Asociación presentando unha solicitude en agosto de 2014 na que se pedia corrixir 58 erros e a inclusión de tres camiños da parroquia no referido documento.


Fotografías do estado actual da estrada de Lapela, que une Chan de Brito con Valadares:




12/9/15

Bailes latinos 2015-2016


A Asociación Chandebrito 1807 convoca por segunda vez consecutiva novas clases de Bailes LATINOS, que se desenvolverán na escola infantil (Rúa da Igrexa, 2 - Chan de Brito) os venres de 19:00 a 20:00 h. 

O inicio deste curso 2015/2016 está previsto para o venres dia 2 de outubro.

As modalidades a practicar serán: salsa, merengue, bachata, roda cubana e chachachá. 

A cuota a pagar por persoa, equivalente aos gastos que ten este colectivo, será de 11 € ao mes.

Os interesados poden consultar sen compromiso no teléfono 667380223 ou a través de correo-e chandebrito1807@gmail.com 


Convocatoria de curso de cestería en palla (III)

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", consciente do éxito obtido noutras edicións realizadas e co fin de recuperar e poñer en valor un dos oficios tradicionais máis antigos, convoca para esta nova tempada 2015/2016 un curso de cestería tradicional, denominado CESTERÍA EN PALLA DE CENTEO (III), coas seguintes características:

TÉCNICA: COSIDO EN ESPIRAL CON PALLA DE CENTEO.
ELABORACIÓN DE CESTOS QUE CONTEÑAN GRANS E SEMENTES.
 
IMPARTIDO POR RUBÉN BERTO COVELO (VIGO), MESTRE CESTEIRO ARTESÁN.
 
FERRAMENTAS QUE DEBERÁ LEVAR O ALUMNADO: NAVALLA E PUNZÓN.
 
LUGAR: ESCOLA INFANTIL DE CHAN DE BRITO (RÚA DA IGREXA, 2).
 
DATASTÓDOLOS LUNS DENDE O 5 DE OUTUBRO DE 2015 ATA O 28 DE DECEMBRO DE 2015 (AMBOS INCLUIDOS) (12 SESIÓNS).
 
HORARIO: DE 18.00 A A 20.30 H.  (2,5 HORAS SEMANAIS).
 
Nº PARTICIPANTES: UN MÍNIMO DE 8 – E UN MÁXIMO DE 12 .
 
MÁIS INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS: ATA O DIA 30 DE SETEMBRO, A TRAVÉS DO CORREO ELECTRÓNICO chandebrito1807@gmail.com OU NO TELÉFONO 667380223.



19/8/15

I xornada de xogos populares de Chan de Brito

O vindeiro sábado dia 29 de agosto realizarase a primeira xornada demostrativa de xogos populares tradicionais de Galicia en Chan de Brito.

Esta actividade gratuíta, que comezará ás 17.30 h. cunha duración aproximada de tres horas, terá lugar no torreiro vello da igrexa desta parroquia e está organizada pola Concellería de Cultura e a Asociación Chandebrito 1807.

Esta Asociación, dentro da súa pretensión de conservar e poñer en valor o noso patrimonio cultural, tomou esta iniciativa co obxectivo de que a veciñanza e o público en xeral coñeza, valore e recupere os xogos "de toda a vida", ofrecendo unha sana alternativa de ocio e tempo libre e coa intención de fomentar as relacións sociais entre as persoas.


27/6/15

Exposición de noticias antigas da parroquia

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" organiza unha exposición de noticias antigas relativas á parroquia de Chan de Brito, baixo o título "O que contaron de nós, Chan de Brito na prensa do século XX".

Trátase dunha selección de máis de 70 noticias da colección persoal de Carlos Gómez, composta por centos de artigos en prensa ordeados cronolóxicamente, co que se pretende, entre outras cuestións, dar a coñecer mellor a historia da parroquia e amosar certas curiosidades. As noticias escollidas publicáronse entre o ano 1898 e o 1999 en 9 periódicos diferentes do país (26 delas son anteriores ao 1976).

A exposición permanecerá aberta dende principios do vindeiro mes de xullo, e poderase visitar de xeito gratuito e guiado na escola infantil (Rúa da Igrexa, núm. 2) os martes de 20.00 a 21.00 h., e tamén os sábados pola tarde concertando cita previamente no teléfono 667380223 ou no correo-e chandebrito1807@gmail.com .

Vista xeral da exposición.






 

Amosando unha noticia do ano 1959 na que se dá conta do premio outorgado a unha parella da parroquia por ser a que tivo máis fillos en toda a provincia (16). Moi probablemente trátase dos primeiros veciños de Chan de Brito dos que se publica unha foto nun periódico.
 


 

Unha das noticias máis antigas que forma parte da exposición, publicada no 1904. Informa do xuízo motivado por un tiroteo no lugar das Tomadas contra dous veciños, no ano 1903.

Servizo de atención integral á veciñanza



A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" prestará un servizo de asesoramento, recollida de peticións, queixas e suxerencias, etc. á veciñanza de Chandebrito para trámites ante as administracións públicas (Concello, Deputación, Xunta de Galicia, etc.). que se realizaría de xeito experimental na pranta baixa da escola infantil tódolos martes do mes de xullo en horario de 20.00 a 21.00 horas.

Con esta actuación, preténdese dar unha maior participación e implicación nos asuntos públicos aos habitantes desta parroquia e achegarlles información do seu interese, xa que aínda a día de hoxe, teñen dificultades para chegar ás administracións, canalizando así as súas solicitudes, suxestións, etc. Ademáis, cabe ter en conta que ás veces, estas tampouco facilitan a participación cidadá do xeito máis oportuno.
 

Solicitude de primeira entrevista co novo alcalde de Nigrán

A Xunta Directiva da Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" acaba de solicitar unha entrevista co Alcalde de Nigrán, para tratar diversos temas de interese para a parroquia de Chan de Brito, entre os que destacan os seguintes:

- Actuacións para a protección do patrimonio cultural e medio ambiental
- Plan Xeral de Ordenación Municipal.
- Mellora do servizo de Transporte público por estrada para conexión con Vigo.
- Terceira fase e dotación da rede xeral de sumidoiros ao 100 % das vivendas.
- Colaboración coa Deputación de Pontevedra para a mellora da Estrada de Pracíns (E.P. 2102 Vincios - Nigrán).
- Mellora do Camiño da Lapela (barrio da Igrexa ao Monte Alba, Valadares) e outros.

Agardamos poder reunirnos axiña co rexedor municipal para poder valorar estes asuntos e buscarlles a mellor solución posible, e así executar canto antes as actuacións necesarias.

O ensanche da sección da Estrada de Pracíns é un dos asuntos pendentes e de importancia polos que esta Asociación leva pelexando dende o ano 2007, debido ao paso continuado de camións e autobuses escolares por este estreito vial con moitas curvas sen visibilidade, o que provoca un alto risco de accidentes.

6/6/15

II Obradoiro de elaboración de pan bio con formento


Os dias 20 e 21 de xuño de 2015 celebrarase na antiga escola de Chan de Brito a segunda edición do obradoiro de pan ecolóxico da parroquia.


Presentación:

A agricultura e a panificación ecolóxicas actúan baixo un mesmo espírito. O agricultor favorece a actividade biolóxica do chan, o panadeiro favorece a actividade biolóxica da masa. O agricultor biolóxico non utiliza pesticidas nin abonos químicos; o panadeiro biolóxico non utiliza aditivos nin mellorantes. Para lograr seu obxectivo o agricultor utiliza métodos culturais (compostaxe, abonos verdes, rotacións, asociacións, etc); o panadeiro basea súa técnica en métodos de panificación utilizados durante xeracións (fermentacións longas e utilización do formento).

O pan bio pretende recuperar a idea do pan como alimento básico. Elaborado a partir de fariñas sen residuos e fermentado con “formento” (“lévedo nai”) volve ser o alimento básico de sempre. A elaboración na casa devólvenos o control sobre a nosa propia alimentación e permite facer un pan san e nutritivo.

Obxectivos:
1.    Explicar cales son as bases da elaboración do pan na casa, cales son os principais problemas que poden xurdir e como solucionalos.
2.    Coñecer as virtudes nutritivas do pan biolóxico feito con formento e do pan de landra.
3.    Recuperar antigas formas de elaboración do pan que permitan a autosuficiencia para o control de nosa propia alimentación.

Dirixido a:  Calquera persoa interesada en elaborar seu propio pan na casa

PROGRAMA:

Modulo Teórico:
v  Pequena historia do pan
v  Tipos de cereais e características
v  Vantaxes da moenda en muíño de pedra
v  Tipos de fariñas e composicións
v  Características do formento (“lévedo nai”)
v  Propiedades nutritivas do pan feito con formento
v  Ingredientes e aditivos utilizados en panadería bio e convencional
v  Procesado da landra para facer pan

Modulo práctico
v  Elaboración do formento e conservación do mesmo
v  Distintas formas de amasado
v  Principios e condicións durante a fermentación
v  Elaboración pan de trigo e pan de landra
v  A cocción en un forno “doméstico”
v  Problemas e solucións

Profesorado:  César Lema Costas. Apañador e Panadeiro biolóxico non profesional

Duración: 11 horas. Sábado 20 de 10 a 14 h. e de 16 a 19 h., e Domingo 21 de 10 a 14 h.

Número de participantes: Máximo de 13

Orzamento:  Prezo Libre: Ti pos o valor en función da calidade do obradoiro e da túa economía. (Prezo Libre non é de balde, nin é un donativo)

Infraestrutura e equipamento do local: Mesa para amasado, Ordenador e Canón proxector.

Materiais que deberá achegar cada participante:
-  Un recipiente (tipo bol) para amasado (con capacidade para 2 litros mínimo, e que non sexa de plástico), panos de liño ou algodón e unha prenda de lá para tapar o pan d camiño a casa.
-  Cada participante no obradoiro pode traer 2 Kg de trigo integral bio (ou espelta integral bio), ou ben compralo no propia aula deste obradoiro.

Máis información e inscricións: No teléf. 667380223 ou correo-e  chandebrito1807@gmail.com