27/11/15

Peticións de arranxo e melloras nos viais e outros espazos públicos

O pasado luns dia 23 de novembro membros directivos deste colectivo reuníronse con responsables do departamento municipal de Vías e Obras na parroquia de Chan de Brito.
Nesta xuntanza esta Asociación pediulles que realizasen diversas actuacións de arranxo e mellora en varias vías municipais, fontes, servizos, así como nos parques infantís, e que xa viñan sendo demandadas por escrito dende hai dous anos.

Entre esas actuacións, cabe destacar as seguintes:
- Reposición e colocación de sinalización de tráfico nas Rúa das Laxes e de Chandebrito. Estudar a implantación de pasos elevados ou lomas nesta última.
- Reposición de reixas en mal estado en dúas vías.
- Reparación de fochas e substitución de asfalto en mal estado nas estradas de Chandebrito, camiño da Lapela cara a Valadares e Rúa da Barreira.
- Retirada de poste de enerxía eléctrica na Rúa do Torreiro.
- Melloras no parque infantil da Igrexa.
- Reiterar petición de ensanche e acondicionamento da Rúa de Pracíns.
- Mellora de cunetas en dous viais.
- Mellora de catro fontes de auga de uso público nos lugares da Igrexa, Laxes e Pracíns.
- Ampliación da rede xeral de sumidoiros ás Pereiras e á parte alta da Rúa das Laxes.
- Ensanche de vial na rúa da Igrexa.
- Melloras na pranta baixa da escola infantil.

Por outra banda, despois das peticións que fixemos por escrito á Deputación, comezouse estes dias a limpar as marxes da estrada de Pracíns, así como a mellorar as cunetas da mesma cun perfilado, xa que se atopaban nun estado de conservación moi deficiente.

10/11/15

Celebrada a I Festa do muiño dos Matos

O domingo 8 de novembro dende as 10.00 ata as 16.00 h. celebrouse a I Festa do Muiño dos Matos, organizada por esta Asociación e coa colaboración económica do Concello de Nigrán e a participación do grupo de gaitas "Lume de Candela" de Bembrive, os ecoloxistas César Lema e Afonso Rodríguez, a muiñeira Rosa Misa, o zoqueiro artesán Carlos "Tango", o cesteiro Rubén Berto, o panadeiro Julián Sio e o agricultor bio Ricardo Gómes (Horta do Val), entre outros colaboradores.
A todos eles, o noso máis sinceiro agradecemento porque fixeron desta xornada unha moi grata velada.
Despois de 41 anos abandonado (no 1973), volveu funcionar o muiño dos Matos, no que  ademáis de moer millo durante este dia especial, realizouse unha exposición de fotografías antigas relacionadas cos cereais cultivados na zona, de utensilios empregados con estes traballos, de pezas do muiño e de variedades locais de millo.