23/3/17

Solicitude investigación depósito de lixo no Castro

Esta Asociación Veciñal comunicou no dia de hoxe á Comunidade de Montes desta mesma parroquia que o dia 20 de marzo varios veciños e veciñas informaron a esta Agrupación que observaron cómo se depositaban na entrada e nos arredores do Castro da parroquia de Chandebrito e en camiños do entorno do mesmo grandes moreas de lixo no que predominaban entullos de obra, ademáis de conter restos de plásticos e outros residuos perigosos para a natureza e as persoas. Algúns deles extendéronse pola zona, e os restantes impiden a visitantes e á veciñanza o acceso ao castro, ofrecendo un alto impacto visual e medio ambiental.

Por elo, ao estar en terreos da citada Comunidade, dentro da área de protección do castro, do muiño das Chans e dos cruceiros (bens culturais inventariados no catálogo da Xunta de Galicia), e de conformidade ao que establece a lei 2/2016 do solo de Galicia e a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural; pedíuselle á mesma que tomen as medidas que consideren adecuadas, tales como investigar de donde procede o lixo e requerirlle ao responsable do vertido que o retire.

Asi mesmo, informóuselles que este asunto comunicarase tamén ao Concello de Nigrán, e ao Seprona da Garda Civil, ós efectos oportunos.

Esta Asociación, que leva dez anos promovendo a conservación e valorización do patrimonio cultural e da natureza, non pode permanecer calada ante estas brutais agresións que atentan gravemente contra os valores que defende, polo que levará esta cuestión ata donde sexa preciso.


17/3/17

Curso de cestería: forrado de botellas e garrafóns con vimbio (I)

Dende o vindeiro luns dia 3 ata o 24 de abril, tódolos luns do mes en horario de 18.00 a 20.30 h. (un total de 10 horas), desenvolverase na escola infantil de Chan de Brito unhas xornadas de cestería consistentes no forrado de botellas e garrafóns con vimbio, de xeito artesán, guiadas polo investigador Rubén Berto, e organizadas por esta Agrupación cultural.

As persoas interesadas en participar nas mesmas, deben solicitalo antes do 31 de marzo, podendo remitir un correo electrónico a chandebrito1807@gmail.com , indicando nome e apelidos, lugar de residencia, enderezo de correo-e e núm. de teléfono de contacto.

O número mínimo de participantes será de 6 e o máximo de 12. O importe total é de 30 euros por persoa (equivalente aos gastos), con todo incluído agás o garrafón.