20/1/18

Solicitude de reparación de luz pública nas Laxes

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807, solicitou en dúas ocasións por teléfono ao Concello de Nigrán a reparación dos 7 puntos de luz pública localizados en 5 postes no traxecto comprendido entre o cruce da Rúa das Laxes coa Rúa do Torreiro e o Colexio Estudio, no núm. 31 do Cño. das Laxes.

Tendo en conta a total escuridade do lugar, no dia de hoxe solicitouse ao Concello por terceira e última vez a reparación da iluminación nos lugares mencionados.

Irregularidades no cobro da taxa de entrada de vehículos

A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” quere cuestionar publicamente ao alcalde de Nigrán pola aprobación do padrón de contribuíntes e posta ao cobro ata o próximo 12 de febreiro do recibo da Taxa por “Entrada de vehículos a través das beirarrúas” do exercicio 2014, sen solucionar aínda as numerosas irregularidades existentes na confección do padrón de contribuíntes.
En primeiro lugar o alcalde debería explicar publicamente por qué razón fixo deixación das súas funcións na posta ao cobro desta taxa, xa que chegou ao goberno municipal en xuño de 2015 e non puxo ningún recibo ao cobro ata ano e medio despois, período de tempo no que tampouco resolveu debidamente os recursos presentados polos afectados contra a elaboración do padrón da taxa. As consecuencias son que a veciñanza de Nigrán está pagando unha taxa con catro anos de atraso a pesar das falsas promesas de que se buscaría unha fórmula de evitar o pago dos recibos atrasados.
 
Entre as moitas irregularidades detectadas por esta agrupación e que seguen sen solucionarse  están:
-Emitíronse recibos para o cobro do exercicio completo a contribuíntes que recibiron a notificación da alta de oficio na metade de dito exercicio e incluso unha vez rematado, cando non procedía o carácter retroactivo do cobro e máis aínda tendo en conta un acordo plenario o 30-10-2014 neste sentido co voto favorable do PSOE.
- Cobrase a taxa de entrada de vehículos a pesar de carecer a entrada da concesión dun “vado permanente” coa correspondente placa e incluso nalgún caso co agravante de ser o propio concello o que negou a concesión do vado, co cal non se garante o aproveitamento especial efectivo da beirarrúa.
- Fixéronse cobros irregulares por entrega da placa de vado permanente e nalgún caso que seu reclamou o importe non foi atendida a solicitude.
- As vivendas unifamiliares con dúas entradas na maioría dos casos computan só un acceso, pero nalgúns casos as dúas, creando así un agravio comparativo entre veciños.
- Nalgún dos casos de vivendas colectivas computáronse máis prazas de vehículos das que realmente existen.
- Non se atenden as solicitudes de baixa da taxa pretendendo así convertela en obrigatoria aínda que o servizo non se queira por parte da veciñanza, cando o concello podería resolver facilmente o problema aceptando a baixa e elevando o borde da beirarrúa.


* Todas as irregularidades que se mencionan están documentadas.

Solicitude melloras no servizo de transporte

Ante o anuncio do Concello de Vigo sobre a desaparición o 31 de marzo de 2018 do instrumento coñecido como tarxeta verde do servizo municipal de transporte urbano prestado pola empresa Vitrasa, substituíndoo pola tarxeta "Vigo" só para os empadroados no municipio vigués, o que ocasionará un prexuízo económico á veciñanza de Nigran usuaria do mencionado servicio pola perda de descontos, que sumado ao deficitario transporte nas áreas rurais de Nigrán, como a de Chan de Brito, producirá un importante quebranto na calidade de vida dos nosos veciños e veciñas.

Esta Asociación leva dende o ano 2003 solicitando melloras no servizo, ata que se anunciou publicamente que na xuntanza mantida entre os dous alcaldes en agosto de 2015, o de Nigrán pediu ao de Vigo prolongar a liña núm. 29 de Vitrasa para que chegase de Fragoselo ata Chan de Brito (un traxecto duns 2,5 Kms.), e que este último sinalou que estudaría a petición, enmarcada dentro das competencias que tería a futura Área Metropolitana de Vigo.

Transcorreron case dous anos e medio desta entrevista sen ter resposta algunha coñecida, e consideramos que Vigo debería asumir o convenio de transporte metropolitano asinado.

Por elo, no dia de hoxe, esta Asociación solicitou ao Concello de Nigrán que se dirixa ao de Vigo coa finalidade de xestionar melloras para o transporte no municipio de Nigrán, especialmente na parroquia de Chan de Brito, tales como manter os descontos actuais e a integración no transporte metropolitano favorecendo que os autobuses poidan chegar á citada parroquia.

Tamén se lle pediu que informe a esta Agrupación das medidas adoptadas neste sentido e das respostas do concello de Vigo.

13/1/18

Concluíron satisfactoriamente os traballos en beneficio da comunidade

A Asociación Chandebrito 1807 concluiu o pasado dia 30 de decembro de 2017  a campaña de 2017 de traballos en beneficio da comunidade (con orixe nun convenio asinado co Goberno Central o 30.10.2012), e que contou co apoio de dúas persoas que realizaron diversas labores de mantemento e adecuación de bens de uso común na parroquia de Chan de Brito no segundo semestre do ano pasado.

Membros desta agrupación mantiveron hai poucos meses unha xuntanza con responsables do Centro de Inserción Social de Vigo, dependente do Centro Penitenciario de A Lama, encontro no que, ademáis de reorganizar o correcto cumprimento das penas, incidiuse sobre a necesidade de proporcionar medios para desenvolver dun xeito máis eficiente os citados traballos.

Deste xeito, a parroquia e a súa veciñanza favorecéronse de xeito gratuíto das melloras realizadas, e as persoas prestadoras do servizo cumpriron a súa pena preto dos seus domicilios sen ter que pagar multas. Os traballos realizados durante un total de 164 horas, dende o 18 de agosto ata o 30 de decembro de 2017 foron os seguintes:

-       Roza e limpeza de monte veciñal en man común.
-       Roza, limpeza acceso e contorna de bens culturais (petroglifos, castro).
-       Roza, limpeza e adecuación de camiños veciñais.
-       Limpeza da superficie de viais públicos e das súas cunetas.
-       Mantemento e sinalización horizontal dunha ruta de sendeirismo (7 Km)
-       Gravado de dúas pedras con varios topónimos para sinalizar lugares.
-       Roza e limpeza exterior dos muíños dos Matos e das Chans.
-       Recollida e reciclaxe de lixo en camiños, viais e equipamentos públicos.
-       Reparación de fonte e lavadoiro de Rapadouro e conservación de outras
-       Limpeza e arranxo de piso de corcho da antiga escola – local social.
-   Roza e limpeza manuais do antigo camiño de uso común denominado “Campos do Paso”, en Pracíns.
-       Recollida e reciclaxe de lixo nos camiños da mesma zona.

Ao mesmo tempo, esta Agrupación sen ánimo de lucro seguirá recollendo as propostas que realice a veciñanza neste sentido, coa intención de realizar as actuacións de interese público que propoña a mesma na próxima campaña.

Algunhas das imaxes das labores realizadas nesta última tempada son estas:

 1. Limpeza de cunetas e superficie do camiño da Lapela


 
2. Recollida de lixo e limpeza do camiño medieval do Soeido

 
3. Limpeza de cunetas da Estrada de Chandebrito á altura da Areíña e O Estripeiral

4. Realización de placas de pedra
 indicadoras de topónimos tradicionais

5. Roza e limpeza da contorna e do muiño dos Matos