28/3/18

Esta Agrupación está recibindo queixas polos recibos do Imposto municipal sobre Bens Inmobles (IBI, comunmente chamado Contribución) remitidos pola ORAL, que exixe o pago antes do 30.04.2018 de cuantías derivadas da regularización catastral dos 4 últimos exercicios.

Segundo comprobamos, algún veciño deberá pagar case 600 € por unha pequena vivenda. 

Por elo, ven de solicitar ao Concello de Nigrán o aprazamento e/ou fraccionamento do pago do citado Imposto municipal sen que se apliquen xuros de mora.

3/3/18

Execución do proxecto de estudo de arte rupestre na Chan das Tomadas



Proximamente, levaranse a cabo tarefas de limpeza, delimitación e rexistro gráfico do petroglifo da Chan das Tomadas, redescuberto por esta Agrupación, e do que xa existían referencias polo investigador Xulio Fernández Pintos e dos membros do Clube Espeleolóxico Maúxo.






O proxecto promovido pola Asociación Chandebrito 1807, redactouse por Data gestión cultural, e na súa execución colabora o citado Clube, coa dirección do arqueólogo Eduardo Méndez.



Representante da Asociación promotora, propietarios dos terreos
e o director do proxecto, xunto ao petroglifo


Tanto este como outros petroglifos e demáis bens culturais de Chan de Brito que se atopan sen inventariar, serán obxecto de estudo e de protección legal grazas á insistencia desta Asociación, que leva dez anos solicitando por escrito á Xunta de Galicia e ao Concello de Nigrán a súa catalogación e a adopción de medidas axeitadas para conservalos e poñelos en valor.





Publicación do libro de recuperación da toponimia de Chandebrito

En datas recentes vense de publicar o libro titulado "Toponimia de Chandebrito", traballo que recompila un total de 750 nomes de lugar (topónimos) ubicados nesta parroquia e nas zonas próximas a esta (en Coruxo, Valadares, Vincios e Camos).




Este traballo, proxecto da Asociación "Chandebrito 1807" e do Clube Espeleolóxico Maúxo, foi coordinado por Carlos Gómes Costas e Xavier Groba González e desenvolveuse durante todo o ano 2017, aínda que xa se realizara a búsqueda de información nos anos 2008 e 2009.



Entre as súas 32 páxinas a toda cor, atópanse 9 láminas con voos aéreos nos que se localizan 607 topónimos (os 143 restantes cítanse pero non se recollen nos planos, ao non ter a certeza da súa ubicación exacta). Tamén se engaden fotografías do voo americano do ano 1956, doutras fotos antigas e recentes, e de algunhas das moitas placas de pedra realizadas e colocadas por esta Agrupación para sinalizar diversos lugares de Chandebrito cos seus respectivos nomes tradicionais.



Con este traballo, pretendemos recuperar e preservar unha parte moi importante do patrimonio cultural da zona, como é o da denominación dos lugares, algo que durante centos de anos e ata hai pouco era imprescindible para a vida da veciñanza.




Por último, queremos agradecer á veciñanza informante (preto de 30 persoas), aos colaboradores, e o apoio económico do Colexio Estudio, Casa Turística das Rozadas, Concello de Nigrán e Deputación de Pontevedra.



Pódese descargar unha versión do libro en formato pdf accedendo á seguinte páxina web:
http://www.nigran.es/wp-content/uploads/Toponimia_chandebrito.pdf 


Críticas á modificación das NNSS e do incumprimento do acordo urbanístico sobre a parroquia

A ASOCIACIÓN “CHANDEBRITO 1807” CUESTIONA A MODIFICACIÓN DAS NNSS E CRITICA O INCUMPRIMENTO DO ACORDO PLENARIO URBANISTICO RESPECTO Á PARROQUIA DE CHANDEBRITO

A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” ante a pretensión do goberno municipal de Nigrán de querer aprobar inicialmente unha modificación das Normas Subsidiarias (NNSS) de Planeamento Municipal no próximo pleno do mes de marzo, despois de fracasar no seu intento no pasado pleno do mes de febreiro, considera que non se trata dunha proposta exclusivamente técnica como manifestan desde o goberno municipal senón dunha que ten un maior calado e transcendencia e que podería levar á presentación de numerosas alegacións na exposición pública no caso de chegar a aprobarse.
Na opinión desta agrupación o interese do goberno municipal na aprobación desta modificacións das NNSS non obedece a unha demanda social, como sería a aprobación do PXOM, senón a intereses de particulares afectados por obras realizadas fóra da ordenación urbanística por incrementos de edificación en determinados solos, retranqueos, baixo cubertas ou alteracións das rasantes.
Chama a atención que por parte do goberno municipal se tramitase o expediente desta modificación urbanística que nadie formalmente demandou e sen consultar cos demais grupos municipais e polo contra se deixase de lado o acordo plenario tomado por unanimidade de 24 de novembro de 2010, a proposta do actual grupo gobernante, consistente en iniciar os tramites administrativos para axustar os Nucleos Rurais da parroquia de Chandebrito á lexislación vixente. Non deixa de sorprender que o alcalde non fixera nada ao respecto naquel mandato cando se tomou o acordo plenario no que era concelleiro de urbanismo nin ao comenzo do actual xa como alcalde, pero cando estaba na oposición lle esixía ao ex-alcalde do PP o cumprimento de dito acordo plenario. Esta forma de actuar só pode calificarse de hipocresía política e engano á veciñanza de Chandebrito, como agora se pretende enganar a todo o municipio de Nigrán con esta modificación das NNSS.
Ademais non ten sentido actualmente a aprobación dunha modificación das NNSS unha vez que a Xunta de Galicia ten previsto aprobar moi proximamente o Plan de Urbanismo Básico Autonómico, directrices para aqueles concellos con normas subsidiarias municipais ou plans xerais non adaptados a Lei do Solo de 2016, porque o que se aprobe agora pode entrar en contradición con dito plan autonómico.