29/6/18

Solicitude de medidas por danos de vehiculos pesados


Esta Asociación recibiu queixas da veciñanza respecto dos importantes danos sufridos
nas redes xerais de abastacemento de augas veciñal, nas vivendas (por vibracións,
fumes e pó) e no pavimento de varias das vías municipais de Nigrán situadas na
parroquia de Chan de Brito (Estrada de Chandebrito, Rúa de Pracíns, e
especialmente, nas Rúas do Torreiro e das Laxes), con motivo da circulación continua
de grandes camións de transporte de madeira nos últimos meses, moitos dos cales
proceden de montes de outras zonas, cun peso moi elevado que provoca serios danos
e molestias ás persoas residentes.

Tendo en conta o establecido no artigo 25.2 da Lei 7/1985 reguladora das Bases de
Réxime Local, sobre as competencias propias exercidas polos municipios, vimos de
solicitar ao Concello que se estude e se adopten as medidas axeitadas para evitar máis 
danos á poboación da zona e ás súas vivendas (como por exemplo, limitar a circulación 
deste tipo de vehículos pesados polos viais citados). Asi mesmo, solicitóuselle que se 
requira aos responsables a reparación dos danos causados.

27/6/18

Punto limpo para recollida de residuos na parroquia


O Concello de Nigrán, a través da concesionaria Cespa Ferrovial, ven de estrear un punto limpo móbil que percorrerá todas as parroquias do municipio co obxectivo de facilitar á veciñanza a reciclaxe de pequenos residuos especialmente contaminantes sen necesidade de desprazarse ao punto limpo fixo situado na rúa Gándara.

O sistema consiste nun remolque habilitado para poder depositar en compartimentos diferenciados pequenos electro-domésticos, pilas, aceite, halóxenos, baterías, radiografías ou aerosois, residuos que se xeran en todos os fogares en pequena cantidade pero que raramente os cidadáns achegan ata o punto limpo fixo pese a súa alta toxicidade.

Este punto limpo estará xunto a marquesina de Chan de Brito (no lugar do “Cocho das Entre Paredes”) durante as seguintes datas:

-      Do dia 23 ao 29 de xullo
-      Do 24 ao 30 de setembro
-      A continuación, unha semana enteira cada 9 semanas

Os grandes electrodomésticos, restos de poda, entullos de obra e vidros (agás botes) deben levarse ao punto fixo da Ramallosa, de luns a venres de 16 a 19 horas e venres e sábados de 10.00 a 14.00 h.

A recollida a domicilio de restos voluminosos como mobles ou colchóns pode concertarse coa empresa concesionaria chamando ao teléfono gratuíto 900 700 111.

Esta Asociación repartirá unha guía sobre a correcta clasificación de residuos, para fomentar o coñecemento de cales se poden depositar e como, co obxectivo principal de coidar máis o noso medio ambiente.

21/6/18

Enquisas sobre o transporte público na parroquia


Resultado de imagen de vitrasa 29

Desde a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 estamos realizando unha enquisa entre a veciñanza da parroquia coa finalidade de presentalas ante a compañía de transportes e o Concello, solicitando que se valore prestar na zona o servizo de transporte público por estrada, especialmente nos desprazamentos a calquer punto do municipio de Vigo.
Esta consulta á poboación ten en conta todo tipo de desprazamentos, e non só os relacionados co traballo.
Polo momento xa recollemos unhas trinta enquisas, realizadas por homes e mulleres con idades comprendidas entre os 20 e os 80 anos aprox.
Esta Agrupación leva desde a seu inicio, hai máis de dez anos, pedindo e propoñendo melloras no servizo de transporte público, especialmente coa localidade viguesa, ao ser un lugar frecuentado pola gran maioría da poboación de Chan de Brito.
Todos aqueles que desexen cumplimentar o impreso ou ter máis información ao respecto, poden escribir un correo electrónico ao enderezo chandebrito1807@gmail.com 

20/6/18

Proposta no Parlamento para creación dun parque comarcal de bombeiros

A Asociación Chandebrito 1807 promoveu a recollida de sinaturas xunto cos grupos Gondomar CABE, Nigrán Decide e EU de Baiona para presentar como iniciativa popular a creación por parte da Xunta dun parque público de bombeiros no Val Miñor.
Esta proposta, avalada por case catro mil firmas, debatiuse onte no Parlamento de Galicia (defendida polo grupo En Marea), pero o PP co seu voto en contra botouna abaixo.
Unha mágoa que se faga este tipo de política botándolle toda a culpa ao goberno da Deputación da inexistencia do parque (cando o propio PP gobernou esta durante moitos anos ata o 2015), unha cousa tan necesaria, tendo en conta ademáis a graves consecuencias que tiveron os lumes do pasado 15 de outubro.
Á veciñanza pouco ou nada nos importan as disputas entre partidos políticos, e só pedimos a tódalas institucións con competencias na materia que se deixen de pelexas institucionais e se poñan a traballar en conseguir estas cuestións básicas.
Queremos agradecer á veciñanza do Val Miñor a acollida que tivo esta iniciativa e a súa colaboración nesta campaña, así como a defensa da proposta que fixo a Deputada do grupo parlamentario de En Marea Eva Solla.