8/9/18

Entrevista co concelleiro de medio ambiente e urbanismo

O pasado 20 de agosto mantivemos xuntanza co concelleiro de medio ambiente e urbanismo do concello de Nigrán.

Nesta entrevista expuséronselle diversos asuntos de interese da parroquia de Chan de Brito, que o edil se comprometeu a estudar e tratar de poñer en marcha:

- Posta en valor do muíño de auga de arriba de Rodas e da súa contorna.
- Catalogación de 38 bens culturais inventariados por esta Agrupación e posta en valor de algúns deles.
- Aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal recollendo as alegacións desta Asociación, corrixindo diversos erros, ampliando núcleos rurais, e promovendo un crecemento ordenado de vivendas. Tamén se lle pediu que se convoque a Asemblea do Consello Sectorial do PXOM, donde están representadas todas as Asociacións do municipio.
- Inclusión de catro viais no inventario de camiños públicos e corrección de 58 erros detectados por nós no actual inventario municipal.
- Colaboración en actuacións de mellora do muíño dos Matos, sendeiro e a súa contorna.
- Reparación de viais públicos: Parte urbana da Estrada de Chan de Brito, Camiño da Lapela.
- Melloras no transporte público por estrada, prolongando o servizo do bus urbano que chega ata Fragoselo para que dea cobertura á parroquia, e co uso efectivo do transporte escolar, para o que esta Asociación presentou enquisas realizadas a máis do 10 % da poboación de Chan de Brito no Concello e en Vitrasa.
- Ensanche e mellora da estrada de Pracíns.
- Diversas reparacións na escola infantil e contorna.
- Limpeza de fincas con maleza.

Reparación da estrada de Chan de Brito

Tal e como solicitaramos en multitude de ocasións por escrito desde a Asociación Veciñal Chandebrito 1807, no mes de setembro vaise reparar a Estrada de Chan de Brito, repoñendo o firme do tramo urbano que está en mal estado de conservación, tanto o que presenta fochas (baches) como o afundido por mor da rede xeral de sumidoiros.
Desde esta Agrupación tamén se volverá pedir a sinalización horizontal desta vía e da Rúa das Laxes, ao consideralas dúas das principais da parroquia, co fin de mellorar a seguridade vial na zona.