16/12/20

Solicitude de convocatoria do Consello Sectorial do PXOM de Nigrán

No ano 2008 o Concello de Nigrán creou o Consello Sectorial do Plan Xeral de Ordenación Muncipal, órgano que segue a estar vixente, pero que desde hai uns dez anos só se convocou en contadas ocasións para ser informado de forma xeral polo goberno municipal, pero non para non para a participación efectiva, asesoramento, consulta, proposta, información e debate nas cuestións relacionadas con PXOM.

Tendo en conta o establecido no Regulamento orgánico aprobado o 28.05.2008 coa finalidade de regular este órgano para canalizar a participación da veciñanza na tramitación do referido documento urbanístico, a Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 (que forma parte do mesmo) ven de solicitar ao Concello de Nigrán por escrito que se convoque o Consello Sectorial do PXOM para a participación efectiva, asesoramento, consulta, proposta, información e debate nas cuestións importantes relacionadas co Plan Xeral. 

9/12/20

Instamos ao Concello de Nigrán a reparar deficiencias en lugares públicos de Chan de Brito

No dia de hoxe, a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 ven de solicitar por escrito ante o Concello de Nigrán que se realicen os arranxos e melloras oportunas en varios viais municipais da parroquia de Chan de Brito, amplamente solicitadas pola veciñanza e que teñen na maior parte dos casos a finalidade de evitar posibles danos e prexuízos aos usuarios das mesmas ao existir defectos que causan perigo.

En concreto, e de xeito resumido, as actuacións son as seguintes;

-  Corrección de fochas na rede de sumidoiros na Estrada de Chandebrito.

-  Modificar valo metálico e posta en rasante de muro localizados na estrada na Rúa da Igrexa 9

-  Arranxo de valo métálico na Estrada de Chandebrito, sito a uns 500 metros desde o límite con Coruxo

-  Adecuación de dous noiros ubicados na Rúa da Igrexa, que causan desprendementos.

-  Substitución dunha superficie de 140 m2 de asfalto por adoquinado de pedra na Rúa da Igrexa, entre os números 41 e 24, no lugar das Eiras, ao tratarse dun dos núcleos poboacionais máis antigos da parroquia e ao atoparse o pavimento actual moi deteriorado e con moitos parches de cemento.

-  Pintado de dúas marquesiñas nas paradas de bus ubicadas na Rúa de Chandebrito

-  Arranxo de camiño entre a estrada de Pracíns e o lugar do Horto.

-  Colocación de placas indicadoras estragadas dos viais municipais Camiño das Pereiras e Estrada de Chandebrito.

-  Arranxos na parcela municipal sita na R/ Igrexa núm. 2, na que se localiza a antiga escola e parque infantil: tellado edificación auxiliar, cancela e peche do parque, pintado de paredes, reparación do piso. Remitiuse memoria valorada das obras que se consideran máis necesarias, que ascenden a un importe total de 5.521, 23 € (IVE incluido).

Algunhas das actuacións citadas anteriormente, en especial a primeira e a última, trátanse de reivindicacións realizadas por esta Agrupación desde hai varios anos, xa que o estado de conservación das instalacións referidas é deplorable, sen que polo momento fosen atendidas polo goberno municipal.

Importantes fochas sobre a rede de saneamento na Estrada de Chandebrito

Barreira metálica perigosa por deficiencias graves na Estrada de Chandebrito a Coruxo

Muro e valo que causan importante risco de accidentes na Rúa da Igrexa 9

Deficiencias na cancela do parque da escola infantil, actualmente tirada no chan

Deficiencias no tellado de edificación auxiliar da escola infantil, con perigo por desprendemento de tellas

Deficiencias no peche do parque da escola infantil, con risco de caidas á vía pública desde gran altura


22/8/20

Novo ataque ao patrimonio cultural

Esta Agrupación formula nestes días denuncia ante a Garda Civil por un atentado ao patrimonio cultural da parroquia. 

Entre os días 15 e 21 de agosto unha persoa descoñecida ocasionou danos en placas de pedra indicadoras dos nomes de lugar (topónimos), colocadas nas vías públicas da parroquia de Chandebrito, danos consistentes en rotura e pintado de cor azul, co obxecto de ocultar a información que proporcionan as citadas placas. A valoración dos bens danados é de 450 euros.

Os lugares nos que se sitúan estes indicadores son: Rúa da Igrexa á altura do cruce coa Rúa da Barreira; Rúa da Igrexa á altura do número 43-45; e Estrada de Chandebrito na confluencia coa Rúa das Laxes.

Trátase dun atentado ao rico e interesante patrimonio cultural da zona (difundido en varios medios de comunicación a nivel local e autonómico, ademais de publicarse un libro ao respecto elaborado por dúas asociacións sen ánimo de lucro coa colaboración do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, obra que se pode consultar na páxina web https://toponimia.xunta.gal/es/node/169 e https://www.nigran.es/wp-content/uploads/toponimia_chandebrito.pdf – páx. 3 a 10-).

Sospeitamos que se trata dalgún veciño desta parroquia e que os feitos poden continuar producíndose nos próximos días, xa que hai máis de 20 placas de pedra colocadas na referida parroquia.

Así mesmo solicitamos a apertura dunha investigación co obxectivo de determinar a persoa ou persoas responsable/s dos danos mencionados, a imposición das sancións que procedan, e a reparación dos danos para devolver os bens ao seu estado orixinal.

Desde esta Entidade non imos consentir que estas agresións queden impunes.

ESTAS SON ALGUNHAS DAS PÁXINAS WEB DE INFORMACIÓN RELACIONADA COA OBRA:

http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/a-revista-fds-2413339 (entrevista grabada in situ e publicada no Telexornal A Revista Fin de Semana, da Televisión de Galicia, do 16/10/2016, minuto 23:16 ata 27:07, especialmente min. 25:50).
https://www.farodevigo.es/comarcas/2016/08/23/chandebrito-busca-nombres/1520062.html 
https://valminortv.com/2018/03/09/presentacion-do-libro-toponimia-de-chandebrito/ 
https://www.farodevigo.es/comarcas/2018/03/13/750-nombres-chandebrito/1853390.html 


1/7/20

Obradoiro gratuíto de Introdución á lingua de signos (I)

Esta agrupación convocou o primeiro obradoiro de introdución á lingua de signos, que dará comezo este xoves dia 2 de xullo en horario de 10:00 a 12:00 no seu local social, a antiga escola infantil de Chan de Brito.

Esta actividade desenvolverase tódolos martes e xoves dos meses de xullo e agosto (un total de 17 xornadas de dúas horas cada unha).

En cumprimento da normativa reguladora para a xestión da crise sanitaria provocada polo coronavirus, Covid-19; recoméndase aos participantes que leven mascarilla axeitada (se algúen non leva poderase proporcionar unha á entrada o primeiro dia), e informamos que se ventilará o local convenientemente, disporemos de xel hidroalcohólico no acceso á aula -así como demáis material preciso- e cada un dos asistentes estará como mínimo a 1,5 metros de distancia entre sí.

Este obradoiro é completamente de balde, incluido o material didáctico necesario (principalmente fotocopias), pero cadaquén pode levar unha libreta para tomar notas, se o desexa. As persoas participantes poderán colaborar con esta Agrupación no que desexen, que iría destinado ao mantemento desta, do local social, e/ou a fins sociais.


As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono 620097930 e as inscricións poderán realizaranse por whatsapp no mesmo número ou dirixindo un e-mail a chandebrito1807@gmail.com . Indicarán nome e apelidos, idade, núm. de teléfono e enderezo de correo-e.

Coa realización desta actividade, agardamos avanzar nos dereitos sociais de tódalas persoas, romper barreiras e a plena integración das persoas discapacitadas, ademáis de que os asistentes disfruten e que lles sexa útil.


28/2/20

Xornada de iniciación ao enxerto



Esta Asociación, tendo en conta o éxito do curso de enxertos que organizou no ano 2017, convoca unha nova xornada de iniciación ao enxerto, que terá lugar o vindeiro luns dia 9 de marzo ás 19.00 horas no local desta Agrupación, sito na Rúa da Igrexa núm. 2- Chan de Brito.  As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán enviar un correo-e ao enderezo chandebrito1807@gmail.com indicando nome e apelidos, idade, lugar de residencia, núm. de teléfono de contacto e e-mail (se dispoñen del).

Alegacions ao inventario municipal de viais públicos

Esta Agrupación veciñal presentou alegacións ao novo inventario de viais públicos, aprobado inicialmente hai poucos meses polo Concello de Nigrán.

Estas alegacións teñen como finalidade primordial que se respete a toponimia tradicional da zona, de conformidade á publicación do libro da Toponimia de Chandebrito, proxecto do Clube Espeleolóxico Maúxo e da Asociación Chandebrito 1807.

Por poñer un exemplo, non é admisible que se denomine oficialmente ao vial que une a parroquia coa de Valadares como "Estrada do Alba", cando gran parte do percorrido deste transcorre polo monte da Lapela -nome xa documentado hai centos de anos e aínda vivo a día de hoxe-, motivo polo que esta Asociación solicita que se chame "Camiño da Lapela".