Fai algo mais dun ano daba comezo a andaina da asociación Chandebrito 1807, foi o día 1 de xullo de 2007 cando naceu a asociación conformada por Silvia Costas (presidenta), Patricia Gómez (vicepresidenta), Carlos Gómez (secretario), Jorge Costas (tesoureiro) e Josefa Romero (vocal), e co apoio de varios veciños e veciñas, co fin de contribuír a que se dote á parroquia de Chandebrito das melloras necesarias en obras e servizos e de loitar pola conservación e posta en valor do patrimonio cultural e natural de que dispón esta parroquia que, ata hai pouco tempo, sufriu diversos ataques en petroglifos e incluso o emblemático Castro, sufriron danos de consideración, así como o medio ambiente en lugares próximos a este.
Dende o inicio da nosa andaina, elaboramos informes e realizamos un extenso traballo onde se recolleron 38 bens culturais non inventariados, documentos entregados hai uns meses na Consellería de Cultura e no Concello de Nigrán para a súa protección. Así mesmo, está previsto realizar unha labor educativa para que as futuras xeracións sexan o máis conscientes posibles de que hai que respectar ese patrimonio. Tamén se realizaron trípticos co roteiro histórico da parroquia e solicitouse a condición de Ben de Interese Cultural para o Castro.
Consideramos transcendental a elaboración dun PXOM de Nigrán dentro do máximo respecto a ese patrimonio, para o cal esta asociación estará presente no Consello Sectorial, para o que xa recibiu asesoramento.
Hai diversos asuntos que se deben resolver axiña, xa que son moi necesarios para todo o pobo, e así llo expuxemos ao alcalde e concelleiros en varias reunións, ademais de dirixirnos á Xunta e á Deputación Provincial, como son: viais a mellorar (estrada de Pracíns, rúa das Rozadas, pista de Lapela e sinalización da estrada de Chandebrito e dos límites da parroquia); mellora do transporte público (solicitando a ampliación do percorrido do bus urbano nº 29 de Vigo); construción da rede de sumidoiros para Tomadas e Rozadas e completar o das Laxes, Pracíns e Igrexa; control da velocidade excesiva na Rúa das Laxes; solicitude de recollida de vertidos en varios puntos; reordenación de colectores do lixo; instalación de canles dixitais no repetidor de TV das Rozadas; son entre outras, as solicitudes presentadas
Así a partir de hoxe co inicio deste blog pretendemos crear un punto de comunicación e difusión das novas e información de interese da nosa parroquia, para os nosos veciños e veciñas, pero tamén para a xente de fora da parroquia que gusta dela, pero resúltalles mais complexo coñecer as novas.
Contamos con todas as persoas que vos animedes a lernos e participar para entre todos e todas conseguir que a parroquia de Chandebrito sexa un lugar que conte con servizos que hoxe en día aínda carece ou están deteriorados e sobre todo un lugar máxico, onde se manteña a salvo o noso gran tesouro que é o patrimonio cultural e natural.
No hay comentarios:
Publicar un comentario