7/2/26

Pedimos paralizar e anular a licitación do contrato de recollida de lixo

A ASOCIACIÓN “CHANDEBRITO 1807” PIDE PARALIZAR E ANULAR A LICITACIÓN DO CONTRATO DE RECOLLIDA DE LIXO. 

Tamén denuncia que se anuncie como NON PÚBLICO o acto da apertura dos sobres das ofertas económicas 

A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 quere denunciar publicamente que no Perfil do contratante dos Contratos públicos de Galicia figura a convocatoria dunha reunión da mesa de contratación para o novo Servizo de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias para o próximo xoves día 12 ás 12:30 horas como un acto NON PÚBLICO no departamento de contratación para a apertura do sobre C correspondente ás ofertas económicas presentadas polos licitadores, cando o estipulado no prego das cláusulas administrativas da contratación na páxina 45 se estipula que o acto será PÚBLICO, ademais se debería celebrar no salón de plenos como é habitual nestes casos e non no departamento de contratación. 

Esta última actuación é unha chafallada máis que xa non sorprende e esta Agrupación, e quere recordar que esta contratación está moi cuestionada porque primeiro o goberno municipal a través do concelleiro encargado defendía o informe dunha consultora externa, Intoconsulting, pagada con fondos municipais, que puntuaba a Unión Temporal de Empresas COPASA-GESECO-ORESA como a oferta máis valorada, e unha vez que a mesa de contratación esixe a eliminación desta UTE por incumprimento dos pregos, o alcalde decide manobrar modificando a mesa de contratación, excluíndo como membro da mesma ao secretario do Concello e incorporando como presidenta da mesma á enxeñeira municipal e encargándoselle a esta que informe non só se era correcta a exclusión da UTE por incumprimento dos pregos, senón que sospeitosamente se aproveitou para facer novas puntuacións de todas as empresas licitadoras, e que sorprendentemente resulta completamente diferente ás puntuacións da consultora externa, que pese a supoñer un custo para o concello non serviron para nada. 

Ante estes feitos, as sospeitas de amaño e favoritismo encenden todas as alarmas nunha tramitación caracterizada por escurantista, falta de transparencia e sen participación da oposición nin colectivos sociais. 

Esta Asociación considera que se debe aproveitar esta convocatoria da mesa de contratación para o día 12 para propoñer paralizar e anular o proceso de licitación antes de abrir os sobres das ofertas económicas, e pensa que así o ten que considerar o goberno municipal, e senón deben esixilo os grupos da oposición. Unha vez anulado o proceso teríase que valorar a remunicipalización total ou parcial do servizo, excluíndo a limpeza de praias, e, no suposto de non ser viable ou aconsellable, iniciar unha nova licitación con outro prego de contratación menos complexo e custoso. 

Se os actuais membros da corporación porfían en continuar adiante coa contratación prevista, pagaremos no futuro as consecuencias toda a veciñanza cun recibo excesivamente caro e un servizo de difícil fiscalización.



6/2/26

Segunda edición do Obradoiro de Cosmética natural

O vindeiro venres dia 20 de febreiro, en horario de 18:00 a 19:30 h. a Asociación Chandebrito 1807 desenvolverá a segunda edición dun obradoiro gratuíto de cosmética natural fresco e sustentable, no seu local social, sito na Rúa da Igrexa 2, en Chan de Brito.

As inscricións poden realizarse ata o mesmo dia enviando un correo-e ao enderezo chandebrito1807@gmail.com , co nome e apelidos, lugar de residencia, enderezo de correo-e e  núm. de teléfono de contacto.