Tras a aprobación provisional do PXOM no pleno municipal do 1 de xullo
no que o alcalde o cualificou como un día histórico para o municipio, esta
Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” considera que vai ser un día
histórico para lembrar como se aprobou un Plan xeral de urbanismo, con
falta de transparencia e desprezo á cidadanía, indebidamente tramitado e
con un resultado final dun traballo técnico totalmente deficiente,
principalmente pola cartografía utilizada, en parte debido ao paso de tres
equipos redactores, pero sobre todo debido a incompetencia do actual
alcalde que nos últimos once anos non soubo xestionar a consecución
deste documento urbanístico tan importante para o municipio.
Desde a Aprobación Inicial no ano 2013 os cambios no documento foron
constantes, na maioría dos casos non correspondendo a reclamacións
alegadas senón a indicacións do goberno municipal ao último equipo
redactor. No ano 2023 alcalde mostrou publicamente o borrador do
documento elaborado no que se observaron cambios profundos e
sustanciais respecto á aprobación inicial, abrindo unha especie de período
de exposición para detectar posibles incorrecións e recoller suxerencias e
que según as súas propias palabras foron 405 suxerencias. O resultado
desta última exposición no ano 2023 conlevou novamente a que no
documento que foi levado definitivamente ao pleno municipal para a
Aprobación Provisional se introducisen tamén cambios sustanciais
respecto ao borrador de 2023 e algún deles non corresponde a ningunha
suxerencia. Trece anos seguidos de cambios profundos no documento
desde a aprobación Inicial sen facer unha segunda exposición publica e
deixando a moitos veciños na indefensión e esta inseguridade xurídica
pode levar a que se presenten numerosos contenciosos contra este
PXOM.
Respecto ao desenvolvemento do pleno non se entende porque ningún
dos dous grupos da oposición someteu a votación deixar o expediente
sobre a mesa até o mes de setembro para que os propios corporativos e a
cidadanía puideran coñecer e examinar con tempo suficiente o
documento e os informes do mesmo. Mais si se ten en conta que esta era
a petición das asociacións e colectivos veciñais ante as presas do alcalde
para levar o asunto a pleno motivadas para que non se coñecera tan
pronto o favoritismo urbanístico no PXOM aplicado a familiares do
goberno municipal e tamén por pura estratexia de supervivencia política
pola proximidade das eleccións locais.
Tampouco se entende a actitude servil do grupo do PP ante o desprezo do
alcalde e menos aínda o seu voto colaborando así neste tema co goberno
municipal.
É incomprensible que se aprobe un Plan Xeral faltando o último informe
de Patrimonio, posterior a que este organismo lle requirira ao Concello a
incorporación de elementos patrimoniais que faltaban no documento e
que moitos deles foran comunicados a Dirección Xeral de Patrimonio
Cultural por esta asociación veciñal.
Incomprensible tamén que non se tiveran en consideración as
advertencias do Técnico de Administración Xeral e da Interventora
Municipal nos seu informes, parece que o único importante era aprobar o
PXOM antes do verán sen importar o que poida pasar no futuro.
Esta Asociación contestará publicamente nos próximos meses a todas as
falsas informacións e promesas que verte o alcalde nos medios de
comunicación, a modo de exemplo cando afirmou que haberá unha oferta
real estimada de case catro mil vivendas, con un 30% de vivendas
protexidas, cando a gran maioría dos PERIs e Solos Urbanizables non se
van executar polo sistema de compensación por estar tecnicamente mal
programados, con numerosas cargas internas e externas aos ámbitos de
execución. O alcalde está creando falsas expectativas á veciñanza de
Nigrán, xa que haberá como moito unhas poucas mais licenzas directas en
Solos de Nucleo Rural Común (e tamén IBI e plusvalías no caso de herdar a
parcela), e moitas menos en Solo Urbano de licenza directa.
