Mostrando entradas con la etiqueta Solicitudes ou peticións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Solicitudes ou peticións. Mostrar todas las entradas

24/9/26

Presentamos alegacións ao novo modelo de transporte da Xunta en Chandebrito

A Asociación Chandebrito 1807 ven de presentar alegacións ao anteproxecto do novo plan de transporte de viaxeiros da Xunta de Galicia para a comarca de Val Miñor, contrato XG883


https://share.google/bRbhpWup6jnQHMauU


Esta Asociación maniféstase en contra da proposta realizada pola Xunta de Galicia, ao comprobar que elimina completamente as liñas de bus que percorren as parroquias de Camos, Chandebrito e Parada do Miñor. A nova planificación deixa ao rural nunha situación aínda máis desfavorable.

 

Consideramos que a proposta supón un gran retroceso para a mobilidade da veciñanza destas zonas, que perderían o seu enlace directo con Vigo, mantido desde principios dos anos 1970.

 

O servizo municipal de transporte non debe repercutir no detrimento do servizo autonómico, xa que a veciñanza de Chandebrito está moito máis vinculada en tódolos sentidos (ensino, traballo, comercio, estudos, etc.)  co municipio de Vigo que co de Nigrán e/ou resto da comarca, atopándose o centro da cidade olívica a quince minutos en coche desde a referida parroquia. Así o levamos demandado por escrito en varias ocasións desde, cando menos, o ano 2003, incluso aprobándose propostas polo pleno do Concello de Nigrán para a ampliación do bus urbano de Vigo desde Fragoselo-Coruxo ata Chandebrito (a uns tres quilómetros de distancia).

9/6/26

PEDIMOS TRANSPARENCIA NA PRESENTACIÓN DO PXOM DE NIGRÁN

Esta Asociación, ante as afirmacións do goberno municipal de Nigrán de que vai aprobar provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) o próximo 1 de xullo, con esta decisión de aprobar un documento tan importante para o desenvolvemento urbanístico do municipio nun escaso periodo de tempo, considera que non se corresponde cun equipo de goberno que practique a transparencia e a participación das entidades veciñais antes de levalo ao pleno municipal. De feito, este alcalde utilizou o Consello Sectorial só para anunciar o que xa tiña decidido aprobar, pero non para a participación cidadá na elaboración de propostas como correspondería a un órgano deste tipo.

Esta Asociación veciñal esixe unha maior transparencia e participación cidadá e pide que a posible aprobación se leve a pleno despois do verán e se poña o documento canto antes na páxina web do Concello e non esperar a facelo pouco antes do pleno, ademáis de entregar de inmediato unha copia física do documento as asociacións veciñais para a súa valoración.

Na opinión desta Asociación, necesítase como mínimo tres meses para analizar debidamente o resultado final deste plan urbanístico, mais aínda si se ten en consideración que o documento da aprobación inicial é totalmente diferente ao que se pretende aprobar agora e haberá que comprobar que o equipo redactor e os técnicos municipais incorporaron todas as correcións tanto das alegacións ao documento de aprobación inicial como ao borrador do documento exposto polas parroquias no ano 2023 e no que se observaron numerosos erros.

18/4/26

Xestionamos reparacións e melloras en varios viais públicos

A Asociación Chandebrito 1807 realizou nas últimas semanas diversas xestións para a reparación e/ou mellora de viais públicos da parroquia:

- Xestionamos con persoal do Concello de Nigrán a reposición de diversos espellos estragados na Estrada de Chandebrito e na Rúa das Laxes, o que quedou realizado hai semanas.

- Tamén se lles pediu o arranxo das tuberías de augas pluviais situadas entre a vivenda núm. 31 da Rúa das Tomadas e o lugar da Devesa, no barrio das Tomadas, xa que a auga circula por enriba da pista de terra facéndoa intransitable.

- Requerimos da empresa Nature, adxudicataria da obra de Mellora da rúa da Igrexa e ampliación de saneamento, reparacións e melloras da actuación executada hai meses (recolocación de sinais, tomado de xuntas con cemento, posta en rasante de adoquinado de pedra, reposición de muros, mellora de cunetas, arranxo de arquetas de augas de regadío e de arquetas de saneamento da rúa da Igrexa, etc.). Nestes días procederon a iniciar os traballos oportunos.

- Solicitamos á Parroquia Eclesiástica que procedan a reparar o muro de contención de terras da finca de súa propiedade situada por baixo da igrexa parroquial, así como a retirada dunhas pedras de grandes dimensións caídas do citado muro hacia o camiño de Cordiñas, xa que impide o paso por este vial público e causa perigo para as persoas por novos desprendementos. Recibimos compromiso de arranxo nos próximos dias.

- Ademáis, nestes dias, estamos realizando a roza e limpeza de camiños de uso público que se atopaban con maleza en distintos lugares.

- Por outra banda, agardamos resposta do Concello de Nigrán ás diversas solicitudes que presentamos por rexistro, relativas á mellora da antiga escola infantil, roza e limpeza de camiños de titularidade municipal sobre os que nunca se actuou; arranxo da calzada da rúa da Barreira, da Rúa da Igrexa na contorna da igrexa parroquial, do camiño das Pereiras, e da Rúa das Tomadas entre os núm. 15 e 19, donde existen tuberías esnaquizadas á vista, entre outros viais.


1/4/26

Información sobre desestimación das alegacións ao orzamento de Nigrán 2026

Esta Asociación critica que o grupo de goberno do Concello de Nigrán, na comisión informativa celebrada o pasado 30 de marzo dictaminou desfavorablemente a alegación desta Asociación presentada para que se recollese unha partida no orzamento xeral para o exercicio 2026 para investir na antiga escola de Chandebrito, de titularidade municipal, que se usa por parte de dúas asociacións sen ánimo de lucro para actividades abertas ao público e tamén como local electoral, e que se atopa en mal estado de conservación tanto no interior como no seu exterior ao non ser obxecto de intervencións desde hai uns 20 anos.

Esta Asociación presentou diversas solicitudes por rexistro cando menos desde o ano 2015 para que se adoptaran medidas dirixidas a frear o deterioro deste inmoble, solucionar as eivas sinaladas, garantindo a seguridade, salubridade e accesibilidade, e así tratar de evitar os riscos para a poboación.

Este asunto de desestimación de reclamacións ao presuposto xeral levarase á sesión plenaria do vindeiro luns dia 6 de abril, e previsiblemente contará co voto a favor do alcalde e grupo do PSOE, que polo exposto, non parece ter interese en arranxar un ben municipal que causa mal aspecto e risco de danos ás persoas usuarias. O máis curioso é que o propio alcalde nos dixese hai pouco que estaban mirando de darlle cabida no presuposto, e que despois neste documento non se contemple nada para elo, o que demostra unha vez máis a falta de palabra e contradicións do mandatario.

Asi mesmo, esta Asociación critica que o Sr. Alcalde tilde á mesma de inoportuna e de tratar de poñer trabas á aprobación do orzamento presentando a citada reclamación a última hora, cousa que tampouco é certa. Este debería saber a estas alturas do seu vagaxe político que calquera asociación e veciño do municipio teñen dereito por lei a presentar reclamacións ao orzamento dentro do prazo de 15 días desde a publicación do acordo de aprobación inicial, cousa que fixo esta Asociación, e máis, entendendo que a administración local debería defender, conservar e arranxar os bens da súa titularidade con uso, como neste caso.

27/3/26

Reclamamos a inclusión nos Orzamentos dunha partida para obras de mellora da antiga escola

Ante o acordo de aprobación inicial polo Concello de Nigrán do Orzamento Xeral para o ano 2026 na sesión ordinaria do pleno celebrada o 03.03.2026, publicado no BOP do 05.03.2026, esta Asociación ven de presentar reclamación ao mesmo xa que no citado Orzamento non se recolle partida presupostaria algunha para o arranxo e mellora da antiga escola infantil de Chandebrito, un inmoble de titularidade municipal desde o ano 1960 usado desde o 2011 por dúas Asociacións desta parroquia que desenvolven actividades abertas a tódalas persoas.

Neste ben non se executaron obras de conservación, mantemento ou reparación como mínimo desde hai uns 20 anos, polo que se atopa nun deficiente estado de conservación, especialmente o parque infantil (con xogos que causan risco de danos e prezuízos para usuarios); bancos enterrados; papeleiras esnaquizadas; parcela forestal moi descoidada (con abundante matogueira que provoca risco de danos graves no caso de lume forestal); tellado estragado en edificación anexa (con desprendementos de tellas que poden causar danos ás persoas en caso de ventos fortes); piso de corcho moi deteriorado e levantado (provocando tropezóns); carencia de rodapés; pintura das paredes interiores e entre as dobres fiestras en moi mal estado e con suciedade; mobiliario moi estragado (mesas, armario e outros); carencia de aseos no baixo; xuntas da soleira de pedra no exterior da parte superior da edificación sen tomar con cemento (motivando que as herbas medren a carón do inmoble); valos coa pintura estragada; partes metálicas oxidadas; cancela de acceso ao parque estragada e tirada; peche de finca con aramado moi deteriorado (provocando risco de caídas desde varios metros de altura sobre a vía pública); etc.

Este mal estado de conservación provoca risco de danos e prexuízos a todas as persoas usuarias, polo que esta Asociación presentou diversas solicitudes no rexistro do concello de Nigrán para que se adoptaran medidas dirixidas a frear o deterioro deste inmoble, solucionar as eivas sinaladas, garantindo a seguridade, salubridade e accesibilidade, e así tratar de evitar os riscos para a poboación. Estas solicitudes, presentadas no rexistro municipal en novembro de 2015, maio de 2016, o 07.02.2017, o 09.12.2020 (xunto cunha memoria valorada), e o 27.05.2025, entre outras, non foron atendidas polo momento.


A principios deste ano, volvéuselle solicitar directamente a mellora deste ben ao Sr. Alcalde, respostando este que o goberno estaba traballando nos orzamentos deste exercicio, e que se contemplaría a dotación necesaria para atender este asunto, que el consideraba necesario, polo que adquiriu unha obriga ao respecto.

Trátase do único inmoble do Concello de Nigrán na parroquia de Chandebrito que pode ser obxecto de uso por parte da administración como local electoral nas eleccións europeas, xerais, autonómicas e local. De feito, utilízase para tal fin desde o ano 1979.

Ademáis, é un inmoble cun importante valor histórico e etnográfico para a veciñanza e a vida da citada parroquia, construido no ano 1918 e con actividade educativa pública documentada desde o ano 1923 (máis información en https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/9464346.pdf ), que se atopa formando parte e na contorna dun conxunto de bens inventariados do patrimonio cultural (igrexa parroquial, reitoral, palco e torreiro da festa).

Por elo, solicitouse ao Concello de Nigrán que non se aprobe definitivamente polo pleno o Orzamento Xeral para o exercicio 2026 tal e como se atopa, e se recolla unha partida orzamentaria para o arranxo e mellora da antiga escola infantil de Chandebrito, de titularidade municipal, polos motivos expostos.

13/2/26

Solicitamos a reparación da Estrada da Lapela e da Rúa das Tomadas

Esta Agrupación recibiu diversas queixas da veciñanza da zona en relación ao mal estado de conservación dos viais municipais da parroquia de Chandebrito denominados Estrada da Lapela e Rúa das Tomadas. 

En diversos tramos do primeiro deles, as augas pluviais atravesan a calzada dun lado a outro, provocando que a capa de asfalto esté moi deteriorada. 

No caso da segunda existe un tramo estreito con tuberías de auga esnaquizadas e á intemperie. 

Todo elo causa importantes danos en vehículos e situacións de risco de accidentes de tráfico, polo que se roga ao Concello de Nigrán as actuacións necesarias nas citadas zonas á maior brevidade posible. 

Por iso, esta Asociación acaba de solicitar á citada administración a execución das seguintes obras de reparación de viais municipais situados en Chandebrito: 

- Estrada da Lapela, entre acceso ao castro e o límite con Valadares (Vigo): Reparación sub-base e reposición de asfaltado estragado, e limpeza, retirada de terras e entullos das cunetas e marxes da vía. 

- Rúa das Tomadas, entre as vivendas núm. 15 e 19: Reposición de tuberías de auga estragadas, execución de sub-base e dotación de pavimento de aglomerado asfáltico.



24/1/26

Reiteración de solicitude á Comunidade de Montes para arranxo do Parque e Torreiro das Laxes

Esta Agrupación presentou hai días unha segunda solicitude ao Presidente e Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Chandebrito, á que se achega informe fotográfico no que se detallan diversas deficiencias graves observadas na contorna do parque infantil do Torreiro das Laxes, en Chandebrito, situados en terreos de propiedade desa Comunidade de Montes. Esta solicitude vai asinada por máis de 60 veciños/as.

Concretamente, algunhas deses defectos son os seguintes:

Xogo de balancín de muelle sen agarradeira; pedra lonxitudinal con arestas vivas no lateral Oeste do parque; postes metálicos no chan con puntas sobresaíntes;  poste con baleas de ferro sobresaíntes; placa con desprendementos; entullos de obra sen protección; e bordo de placa e escalóns de cemento en palco con desprendementos.


Entullos de obras sen protección e placas con desprendementos
Columna coas varillas sobresaíntes
Fileira de pedras coas arestas vivas

Estas eivas, presentes desde hai moitos anos e postas en coñecemento desta Asociación pola veciñanza desta parroquia, que apoia esta solicitude; precisan dunha subsanación urxente por ocasionar risco de accidentes graves.

Por elo, e tras remitir petición similar por correo certificado o 19/12/2025 sen que a Presidencia desa Comunidade a recollese; solicitamos novamente se atenda esta solicitude á maior brevidade posible, co fin de evitar danos importantes, que ademáis podería ocasionar un grave prexuízo económico a esa Comunidade.

3/1/26

Solicitamos a execución de obras da senda peatonal na E.P. 2102 entre Chandebrito e Camos

Esta Asociación presentou no dia de hoxe solicitude á Deputación de Pontevedra que dí así:

Na procura de que teñan en conta a nosa petición como algo ineludible e necesario, apelamos a esa parte mais sensible, empática e humana que as veces, as persoas, deixamos de escoitar por priorizar a economía e outros intereses que pouco teñen que ver coa mellora das condicións de vida dos que temos mais preto, a cidadanía.

Seguindo co argumentario, consideramos que non se debe demorar mais o inicio das obras reclamadas, pois ademais do dito na documentación aportada coas sinaturas, constitúen xa de por si un dereito de obrigado cumprimento, pois xogámonos de cotío a vida e a nosa integridade física e mental, cada día e cada hora que temos que facer uso da estrada que nos atinxe, sexa como viandantes ou como condutores. Que dicir cabe que as circunstancias, se non se acomete a obra reclamada ou similar, van a mudar a peor.

Primeiro, porque a actuación que si se está a acometer, a colocación de valos quitamedos pegadas ó firme asfaltado, ó ser a estrada tan estreita, sen liña divisoria de carril sequera, dificulta aínda mais a circulación e maniobrabilidade dos vehículos. Para os peóns, ciclistas e ciclomotores, ó ser os mais desprotexidos e lentos, xa non queda escapatoria posible.

Segundo, pero igual de transcendente, porque ademais do devandito aumento de tráfico experimentado nos últimos anos, por ser unha vía que vertebra poboacións que están crecendo de forma exponencial, Nigrán, Camos, Chandebrito, Vincios ou Valadares, e porque nos vindeiros meses, coa creación do futuro parque forestal Matos-Táboas, esta estrada será a principal vía de acceso ó único parque forestal do Concello de Nigrán.

Se poñen en dúbida algo do que aquí se lles expón, emprazámolos a que veñan nos seus vehículos, que cada vez, para mais contraste, os fabrican mais anchos, a comprobar in situ a veracidade das nosas afirmacións e argumentos.

Emprazámolos, como non, a que se acheguen a esta estrada que lles merece tan pouca importancia. Tanto a vostedes, señoras e señores do ente provincial, como as señoras e señores do Concello de Nigrán, pois a pesares de que agora estes últimos queren apuntarse un tanto cara a galería, polo que se desprende da derradeira nota de prensa enviada a un medio de comunicación, na que eluden toda responsabilidade da paralización dun proxecto do que participaban no 30%, e para mais atrevemento, mentres a cidadanía estamos dando a cara e facendo o traballo que eles tiñan que encabezar, permítense mentir en canto quen está propiciando a recolleita das sinaturas de apoio da petición, branqueando a súa xestión e a das asociacións inoperantes que manteñen, pretendendo aproveitar as coiunturas que os demais coas nosas inquietudes e conciencia, lles brindamos.

Polo anteriormente exposto, e para concluír, SOLICITAMOS que, á maior brevidade posible, e en todo caso, no prazo máximo de tres meses que se estipulan, emitan resolución ó respecto, agardando que a mesma sexa acorde ó noso sentir, e se executen as obras de ampliación, ensanche da EP2102 Vincios – Nigrán ao seu paso polas parroquias de Chandebrito e Camos, co fin de crear unha senda verde peonil que ofreza condicións de seguridade ás moitas persoas que camiñan a diario polo citado vial, xa que actualmente fano pola calzada, sufrindo un grave risco de atropelo e de colisión entre vehículos. Non cesaremos nos nosos esforzos, vainos a vida nelo.

Por todo o exposto, procede a execución solicitada xa.  


A esta solicitude achégase un escrito de apoio asinado por 661 persoas co seguinte texto:

Á iniciativa da veciñanza e demais usuarios que se sinten afectados, os abaixo firmantes, solicitamos ante quen corresponda, o inmediato inicio das obras de ampliación, ensanche e creación dunha senda verde aledaña a estrada EP2102, competencia da Deputación , no tramo comprendido entre o núcleo de poboación do barrio de Vilar, en san Roque de Camos, e o barrio de Pracíns, a altura do cruce das Rozadas, parroquia de Chandebrito. Podendo, se as circunstancias o demandan, ser ampliable a todo o trazado da antedita estrada. 

Esta petición, débese a que na actualidade, ese tramo concreto, ten moito tráfico rodado e ó mesmo tempo, moita itinerancia de persoas camiñando a cotío polas súas beiras, non podendo evitar invadir a estrada en moito do seu percorrido, dada a  sinuosidade e angostura  da mesma, e a que non conta con beirarrúas nin arcén, o que constitúe un perigro constante para os peóns viandantes e para os distintos conductores usuarios do vial. 

Así mesmo, comunicarlles que temos coñecemento de que a actuación reclamada, foi fai tempo anunciada. Pero a día de hoxe, a pesares de ser unha obra crucial para a vertebración, sostenibilidade, fomento de hábitos saludables e por suposto, para  seguridade viaria, segue sendo unha débeda para a ciudadanía da comarca. 

Por todo o exposto, procede a execución solicitada xa.  

31/12/25

O Concello de Nigrán desestima as nosas alegacións á modificación do Imposto de Plusvalías

Esta Asociación lamenta que o grupo municipal do PSOE e o concelleiro do BNG desestimasen as alegacións presentadas por esta entidade veciñal á modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor de terreos de natureza urbana, imposto coñecido popularmente como plusvalías municipais, que afecta tanto as herdanzas como ás ventas.

Esta agrupacion, na súa reclamación propuña que se mantivera, tal e como estaba contemplado na anterior ordenanza fiscal desde o ano 2.000, unha bonificación do 95 % da cuota resultante a pagar para os casos das herdanzas entre cónxuxes, descendentes e ascendentes, por natureza ou adopción, tanto para a vivenda habitual como para os terreos e outras propiedades urbanas.
O PSOE, conxuntamente co representante do BNG, reduciron drasticamente esta bonificación deixándoa só para a herdanza da vivenda habitual do cesante e cumprindo varias condicións restritivas, entre elas que non se poida vender durante 4 anos.
Por outra parte, tamén rexeitaron a alegación presentada que propuña reducir o tipo impositivo alto do 27 %, xa moi próximo ao máximo legal do 30 %, que se debe aplicar á base impoñible resultante dos coeficientes máximos que teña actualizado o Estado para cada período de xeración.
Na opinión desta Asociación, é só afán recaudatorio o que se persegue por parte do actual goberno municipal co apoio do BNG coa aprobación definitiva da ordenanza fiscal deste imposto, o que resultará tremendamente inxusto e gravoso para a economía das familias de Nigrán.


16/12/25

Presentamos reclamación contra a subida do imposto de "plusvalías"

Esta Asociación, ante a Modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana -antigamente denominado "plusvalías"-, aprobada provisionalmente polo Concello de Nigrán, na sesión ordinaria do pleno celebrada o 28-10-2025, e publicado o anuncio de exposición ao público no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 03-11-2025, de conformidade coa Lei, ven de presentar unha reclamación, solicitando que non se aprobe definitivamente polo pleno do Concello de Nigrán a Modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto tal como están redactados os artigos 14º das bonificacións e 13º da cota tributaria, e sexan substituídos polas seguintes redaccións:

Artigo 13.-

A cota íntegra deste imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo do 15 %.

A cota liquida do imposto será o resultado de aplicar sobre a cota íntegra, no seu caso, a bonificación a que se refire o artigo seguinte.

Artigo 14.-

Aplicarase unha bonificación do 95 % aos suxeitos pasivos na cota integra resultante do imposto na transmisión de terreos e na transmisión ou constitución dos dereitos reais de goce limitativos do dominio cando sexan realizados a título lucrativo por causa de morte a favor do cónxuxe, descendentes e ascendentes, por natureza ou adopción. Tamén se aplicará esta bonificación ás herdanzas en vida, de pactos de mellora e apartacións. Aos efectos de acollerse a esta bonificación, equiparase ao cónxuxe a quen convivise co causante con análoga relación de afectividade e o acredite mediante certificado de inscrición no rexistro de unións de parellas de feito expedido para o efecto.




13/12/25

Reclamamos novamente medidas para evitar accidentes de tráfico nas estradas de Chandebrito e das Laxes

Esta Asociación ven de presentar solicitude dirixida ao Concello de Nigrán na que se indica:

Que se reciben habitualmente queixas da veciñanza polo perigo que supón a velocidade excesiva á que circulan numerosos vehículos polas Rúas de Chandebrito e das Laxes, ambas na parroquia de Chandebrito e limitadas a 40 e a 30 Kms./h, respectivamente.

Esta situación, que xa se trasladou hai tempo e por escrito ao Concello de Nigrán, é especialmente grave arredor das 9:00, 15:30 e 17:00 horas, de gran afluencia de vehículos nestes viais con motivo dos horarios de funcionamento do Colexio Estudio.  (...) 

Polo exposto, solicita novamente, que se adopten as medidas oportunas co fin de evitar o grave risco de accidentes de tráfico e atropelos de peóns que circulan polas estradas citadas anteriormente. 

Por elo, esta Agrupación veciñal propón as seguintes: 

- Vixilancia pola policía local nos horarios indicados, especialmente entre as 16:30 e as 18:00 horas.

- Contrución de pasos elevados na contorna dos núm. 9 e 29 da Rúa das Laxes, e dos núm. 7, 11 e 23 da Rúa de Chandebrito (lugares con alto risco de accidente), coa súa correspondente sinalización vial vertical e horizontal.

 

Fotografía na que se observa o caos de tráfico na contorna da confluencia das rúas de Chandebrito e das Laxes, limitadas a 40 e a 30 Kms./hora

18/11/25

Esta Asociación pide que se remunicipalice a limpeza viaria e de praias Considera que co novo contrato a tarifa do lixo chegará aos 160 €

 


Esta Asociación, ante as informacións de irregularidades detectadas no proceso de licitación da contratación do Servizo de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias, tanto ao longo da tramitación nos dous últimos anos, que foi paralizado varias veces polos tribunais, como recentemente, tal como denunciou a mesa de contratación, por un posible trato de favor por parte dun concelleiro co apoio do alcalde a unha das empresas concursantes, pide que se deteña inmediatamente a contratación.

Dada a complexidade do prego de contratación, que pode levar no futuro a incumprimentos da empresa adxudicataria como se está dando co actual servizo, esta Asociación considera que o goberno municipal debe rectificar, paralizando a actual licitación e comezar de cero cun novo prantexamento que leve a elaboración dun novo prego de contratación máis sinxelo que se estableza só para o servizo de recollida de residuos urbanos e remunicipalizar os traballos de limpeza viaria e de praias, limitados estes a uns poucos meses do ano e que pode facer perfectamente o Concello sen costes tan elevados.

O megacontrato de recollida do lixo licitado de chegar a aprobarse polo pleno municipal debido a un interese sospeitoso do goberno municipal pode ser desastroso para as arcas municipais e será en detrimento de cubrir melloras en servizos necesarios e infraestruturas. Un gasto fixo de mais de tres millóns de euros ao ano por un período de dez anos ademais de ser carga pesada para a elaboración dos orzamentos anuais implicará un incremento na taxa de recollida de lixo motivado pola obriga normativa da Unión Europea de repercutir todos os custes do servizo, neste caso dun mal contrato, na tarifa a pagar, co cal pode pasarse no caso das vivendas de 78 € anuais a uns 160 € como mínimo. Isto, engadido a suba do IBI do 20 % desde o 2024, situaría ao Concello de Nigrán como un dos maiores de carga impositiva.




4/11/25

Reclamación contra a taxa de documentos administrativos


Esta Asociación presentou no Rexistro do Concello de Nigrán un escrito de Reclamación á Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola expedición de documentos administrativos, aprobada provisionalmente polo pleno municipal o 29.07.2025.

Na modificación desta ordenanza fiscal inclúese de forma inadecuada unha tarifa de 23 € pola entrega de cada placa de Vado permanente como si de un documento máis calquera se tratase.

Pretende o alcalde para aprobar esta modificación argumentar que se trata de restablecer unha taxa que xa existía na Ordenanza fiscal reguladora da taxa por entrada de vehículos a través de beirarrúas, ordenanza derrogada desde o ano 2018. Argumentación falsa porque nela contemplábase que as placas de vado permanente, cando se solicitaban por primeira vez, e nos casos de entradas a través de beirarrúas, se entregaban de forma gratuíta, mentres que na proposta de modificación en todos os casos será abonando 23 €.

Carece de sentido incluír a entrega das placas de vado permanente na ordenanza de expedición de documentos administrativos sen aportar unhas normas de xestión que regulen a concesión das licenzas de vados permanentes que debería facerse cunha ordenanza específica que regulase ditas licenzas.

Despois de oito anos seguidos sen cobrar pola entrega das placas de vado permanente pretender facelo agora e de forma incorrecta queda claro que só é cunha finalidade recaudatoria nun concello que desde o ano 2024 está aplicando unha suba do 20% no recibo do Imposto de Bens Inmobles (IBI).


Por todos este motivos, esta Agrupación solicita ao pleno municipal que non aprobe a Modificación da Ordenanza de expedición de documentos administrativos nos termos que se aprobou provisionalmente.

22/8/25

Apoiamos as peticións da veciñanza para a limpeza do monte lindeiro ás vivendas

Esta Asociación apoia as peticións da veciñanza da parroquia para que se fagan xestións de limpeza do monte veciñal lindeiro coas vivendas, co fin de evitar danos a estas no caso de producirse lumes forestais.

En vista de que a Xunta Rectora da Comunidade de Montes non resposta os escritos presentados hai varios meses para realizar as tarefas de mantemento do monte próximo ás casas, dirixiuse solicitude á Xunta de Galicia para requerirllo, e asi mesmo, o pasado dia 9 de xullo presentouse solicitude ao Concello de Nigrán indicando o seguinte:

O 13.05.2025 entregouse escrito por parte da veciñanza á Comunidade de Montes de Chandebrito pedindo a roza e limpeza do monte desa Comunidade lindeiro ás vivendas.

A dia de hoxe, o único que se limpou foron unhas pequenas faixas do referido monte na contorna das vivendas nº 4 e 6, pero por parte dos propietarios destas.

Esta situación é vista con moita preocupación pola veciñanza desta parroquia, que sufriu as devastadoras e nefastas consecuencias dos lumes forestais, entre outras ocasións, o 15 de outubro de 2017, provocando o falecemento de dúas veciñas do lugar, a queima de dúas vivendas, un autobús, e cando menos dous turismos na mesma zona, ademáis de cuantiosos danos materiais.

O escrito entregado por correo certificado á mencionada Comunidade dí literalmente:

“En vista do deficiente estado de conservación do monte veciñal en man común de Chandebrito, de propiedade desta Comunidade de Montes, e de conformidade ao establecido na vixente Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, diríxome a Vde. e

Solicítolle que faga as xestións necesarias para realizar as pertinentes tarefas de roza e limpeza do referido monte (no lugar “da Rega”, na parte superior dos inmobles nº 2 a 6 do Camiño da Igrexa; e demáis zonas da parroquia que así o necesiten), creando unha faixa de seguridade de 50 metros de distancia ás vivendas lindeiras con este monte que evite danos e prexuízos graves á veciñanza e ás mencionadas no caso de lumes forestais.

No caso de que chegado o vindeiro 31 de maio, non se executaran os traballos de roza e limpeza sinalados, darase traslado ao organismo competente da Xunta de Galicia para a adopción das medidas necesarias.”

Por elo, e co fin de evitar danos irreparables á veciñanza e aos bens do lugar,  SOLICITA que se requira de urxencia á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chandebrito para a realización das tarefas necesarias de roza e limpeza dos terreos da súa titularidade lindeiros ás vivendas nunha faixa de 50 metros, con referencias catastrais 54035A00900001, 54035A00700042, entre outras.



3/6/25

Solicitamos a limpeza de camiños municipais nos que o Concello nunca actuou

En setembro de 2021 o Concello de Nigrán aprobou o actual inventario de vías municipais, aprobado definitivamente o 28.03.2022. Este documento contempla 22 camiños inventariados na parroquia de Chandebrito, dos cales 14 foron incorporados nesas datas.

En varios destes últimos o Concello non realizou polo momento ningún traballo de mantemento e conservación, como os camiños do Soeido, de Cordiñas e das Pereiras (barrio da Igrexa), e o das Vesadas do Río (As Rozadas). 

De conformidade ao establecido no artigo 25.2 d) e 26.1 a) da Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local, que atribúe aos concellos o execicio en todo caso como competencias propias en materia de infraestrutura viaria e outros equipamientos da súa titularidade, e a obrigatoriedade de prestar os servizos de limpeza dos viais públicos, respectivamente,

Esta Asociación, apoiando as demandas da veciñanza, ven de solicitar por escrito ao Concello de Nigrán que proceda a realizar á maior brevidade posible os traballos de mantemento e conservación dos camiños do Soeido, de Cordiñas e das Pereiras (sitos no barrio da Igrexa), e o das Vesadas do Río (As Rozadas), especialmente a roza e limpeza da superficie e marxes dos mesmos, xa que se atopan en mal estado de conservación, causando molestias, danos e prexuízos aos peóns que circulan por eles.


Camiño das Vesadas do Río


27/5/25

Solicitamos a mellora do Camiño das Pereiras e da antiga escola de Chan de Brito

Esta Asociación, recibiu nos últimos meses peticións da veciñanza de arranxo e melloras nos seguintes bens inmobles localizados na parroquia de Chandebrito de titularidade municipal:

- Mellora do Camiño das Pereiras á altura do núm. 2: recheo de focha na parte alta do vial 

- Mantemento e reparacións na parcela da antiga escola infantil sita na Rúa da Igrexa núm. 2: Roza, limpeza, arranxo de xogos infantís, reparación do peche e cancela, arranxo da planta baixa, etc.

Por elo, esta Agrupación ven de presentar no rexistro municipal de Nigrán memoria valorada xa entregada o 09/12/2020 e sen resposta despois de transcorrer máis de catro anos, solicitando a execución das actuacións citadas anteriormente para a mellora do Camiño das Pereiras e de mantemento e reparación da antiga escola infantil, ao atoparse ambos nun deficiente estado de conservación e ser de competencia municipal.



11/4/25

A Asociación solicita a mellora de varios viais na parroquia



A Rúa da Barreira (sito no barrio de Pracíns, da parroquia de Chandebrito), conta cun pavimento asfáltico desde o ano 1998 no que se practicaron calas para dotar á zona da rede xeral de sumidoiros, ademáis de existir raíces de arborado que afectan á calzada, polo que a capa de rodadura desta vía municipal atópase moi deteriorado, co conseguinte risco de danos e prexuízos a vehículos e peóns que circulan pola mesma.

Igualmente, a superficie do vial Rúa da Igrexa, nesta mesma parroquia, á altura do inmoble número 2 (de titularidade municipal), e do camiño de baixada ao torreiro vello da festa e á igrexa parroquial, na mesma zona, atópanse nun mal estado de conservación e causando un impacto visual nun lugar que conta con importantes valores históricos e etnográficos pola existencia de diversos elementos do patrimonio cultural e de edificacións tradicionais. 

Tamén consideramos necesaria a instalación dun valo metálico á altura do núm. 5 da Rúa da Igrexa, que se atopa nun plano moi inferior, para evitar caídas, adecuando o marxe do vial ata o valo. 

Vistos os artigos 25 e 26 da Lei 7/1985, solicitouse a realización das obras de dotación de nova capa de asfalto en toda o vial municipal denominado Rúa da Barreira, na Rúa da Igrexa á altura do núm. 4 e de adecuación do Camiño de baixada á igrexa parroquial, e da marxe da rúa da Igrexa núm. 5, en Chandebrito, de conformidade ao exposto anteriormente.



19/12/23

Presentamos reclamación contra a subida do IBI

No dia de hoxe presentamos no Concello reclamación contra a aprobación provisional da Modificación da Ordenanza fiscal do Imposto de Bens Inmobles "contribución urbana" en Nigrán, polo que, conforme ao establecido na Lei, debe tratarse novamente nunha sesión do pleno municipal.

Na reclamación desta Agrupación cuestiónase a suba do tipo de gravame do 0,50% ao 0,60%, que de aprobarse definitivamente, a modificación aplicaríase á base liquidable do valor catastral para os bens inmobles de natureza urbana, o que suporía un incremento do 20 % na cuota tributaria.  A modo de exemplo, un propietario dun ben inmoble urbano con un valor catastral de 100.000 € que no ano 2023 pagou 500 € de cota, no ano 2024 terá que pagar 600 €.

Esta subida do goberno municipal para os bens inmobles urbanos é totalmente inxusta tendo en conta a grave crise económica que padecemos e que afectará especialmente ás persoas con menos recursos económicos nun momento en que o custo da vida sube e cunha continua perda de poder adquisitivo.

Ademáis da referencia ao tipo de gravame a aplicar, esta Asociación na súa Reclamación denuncia as irregularidades na tramitación do expediente da modificación porque se convocou para a aprobación provisional unha sesión extraordinaria do pleno de carácter urxente, con menos de dous día hábiles de antelación, sen motivar debidamente a urxencia. Tampouco se convocou a Comisión Informativa de Facenda e polo tanto esta non ditaminou o asunto para o pleno.

Non existe no expediente informe sobre a viabilidade económica da Modificación da ordenanza fiscal, porque non existe un informe propio e especifico da intervención municipal no que se avalíe a incidencia económica-financeira da modificación. Tampouco puido ser examinado o expediente polos interesados na sede electrónica do Concello a pesar de que no edicto do Alcalde do 03.11.2023 e o anuncio no BOP do 06.11.2023 se indicaba tal posibilidade.

En base a argumentación exposta na reclamación, tanto referida ás irregularidades na tramitación do expediente como no contido da cota tributaria, solicita que non se aprobe definitivamente polo pleno a Modificación da Ordenanza fiscal do Imposto sobre os Bens Inmobles, manténdose o actual tipo de gravame para os bens inmobles de natureza urbana no 0,50 %.

12/9/23

Denuncia oscurantismo das charlas sobre o PXOM de Nigrán

 

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 quere denunciar publicamente a forma oscurantista con que o equipo de goberno municipal do PSOE está levando a cabo charlas polas parroquias do municipio para explicar o contido do futuro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que pretenden aprobar definitivamente por parte do do Concello antes que remate este ano.

Nun medio de comunicación o 30 de xullo anunciaron que no mes de setembro farían unha xira polas parroquias e que xa estaban dúas datas marcadas e pechadas  que serían o 4 de setembro en Chandebrito e do día 6 en Camos.

A reunión de Chandebrito do luns día 4 non chegou a celebrarse e cambiouse para o venres día 8 sen ningunha nota aos medios de comunicación nin publicidade por parte do Concello, e se houbo algunha foi só por parte da directiva dunha asociación determinada para os seus asociados pero non para toda a veciñanza desta parroquia.

O xoves día 7 celebrouse na parroquia de Panxón outra destas reunións informativas sen ningun tipo de publicidade por parte do goberno municipal, a única publicidade  que houbo foi na rede social Facebook dunha asociación veciñal determinada.

As reunións para dar a coñecer un documento tan importante para o futuro do municipio non poden ser parte os poucos socios dunha asociación, senón para toda a veciñanza polo que se require a maior difusión por parte do Concello na convocatoria.

Esta Asociación sen ánimo de lucro, ante esta actitude do equipo do goberno que parece pretender que ás reunións informativas acuda o menor número posible de veciñas e veciños (a pesar de anunciar na prensa que quere dar a coñecer o PXOM por unha cuestión de “transparencia”), pide que rectifiquen e volvan repetir as reunións de Chandebrito e Panxón e as que aínda están pendentes de convocar se lles dea a maior difusións posible.

Asi mesmo, pide que o goberno municipal ofreza a súa opinión sobre o documento, e que convoque tamén aos restantes grupos municipais para que poidan asistir as reunións se o desexan e, o que é máis importante, se recolla das persoas asistentes os posibles erros e cambios sustanciais no documento exposto respecto ao da aprobación inicial.

Por último, solicita tamén que se convoque ao Consello Sectorial do PXOM para que se pronuncie ao respecto, órgano que leva paralizado máis de doce anos ao non ser convocado polo goberno de Nigrán para consultas e dictames na construción do documento urbanístico.



13/9/22

Proxecto de valorización da fraga dos muíños de Rodas

A Asociación Chandebrito 1807 congratúlase de que o Concello de Nigrán, coa financiación da Deputación de Pontevedra, apoie finalmente a solicitude que realizou esta Agrupación no seu dia, hai agora uns catro anos, para valorizar a contorna dos muíños de Rodas, na parroquia de Chan de Brito.

Esta Asociación ía máis alá da actuación realizada polo momento, tal e como consta no proxecto presentado ao respecto no Concello de Nigrán, e publicabamos o dia 12.07.2018 a seguinte nota de prensa:

No dia de onte, a Asociación Chandebrito 1807 presentou no Concello de Nigrán o proxecto sobre a posta en valor da fraga e muíño de Rodas, en Chan de Brito, xunto coa solicitude de colaboración para executar esta interesante actuación.

Agardamos obter o apoio e axuda da administración local, xa que sen ela, non sería posible poder desenvolver o citado proxecto, debido á carencia de recursos por parte desta Agrupación sen ánimo de lucro. Por outra banda, cabe salientar que este asunto forma parte do programa electoral deste goberno para o mandato 2015-2019.

Con esta actuación, esta Asociación, que leva máis de dez anos traballando na divulgación, conservación e valorización do patrimonio, pretende poñer en valor unha das zonas de maior beleza e interese etnográfico e medioambiental da parroquia, ao igual que xa fixo hai uns anos co lugar dos Matos e das Loureiras, donde recuperou dous dos muíños de auga máis antigos do municipio, xa que, ao igual que o muíño de Rodas de Arriba, foron construidos a principios do século XVIII.

Nas fotografías pódese apreciar o proxecto e solicitude presentada, xunto á fraga e o muíño de arriba de Rodas


Máis información en: