Esta Asociación solicitou ao Concello de Nigrán que pida a declaración de zona catastrófica para a parroquia de Chan de Brito e a súa contorna polo grave dano ocasionado polos lumes provocados o pasado domingo dia 15 de outubro de 2017, que arrasou por completo o seu monte e parte dos cultivos, causando ademáis da morte de dúas veciñas do lugar e outros dous máis no resto de Galicia, que se incendiasen vivendas, alpendres, vehículos, arborado, terras de cultivo, etc.
Esta Agrupación, que recibiu numerosas chamadas pedindo información e tamén de apoio, solidariedade e colaboración de profesionais e da poboación en xeral, ofrecéndose desinteresadamente para limpar e tratar de restaurar a paisaxe, pero tamén os servizos de avogados, enxeñeiros, sicólogos, e a recadación de concertos benéficos, alimentos e bebidas, etc., algo que agradecemos enormemente; estuda a creación ou o apoio absoluto da constitución dunha plataforma cidadá para exixir responsabilidades e indemnizacions e mellora de servicios públicos.
Por elo,
SOLICITOU:
Que dende a Alcaldía do
Concello de Nigrán se promova, de xeito consensuado cos grupos da corporación
local, a aprobación dunha ordenanza de limpeza de fincas que sexa acorde coa
realidade do municipio.
Que dende ese Concello, en
colaboración coas Asociacións do municipio, se realicen campañas de
concienciación da importancia de coidar as nosas terras e os nosos montes,
manténdoos limpos e ordeados e non practicar neles actividades agresivas que
poidan danar á fauna e flora.
Que se solicite a declaración de
Zona Catastrófica con motivo do lume forestal, provocado, que calcinou máis de
300 Ha. nesta parroquia dentro do seu término municipal, xerando importantes
danos agrícolas e medioambientais. Pídese ademáis, que de xeito urxente se
traslade o acordo á Subdelegación do Goberno para que tramite a petición ante
as instancias correspondentes e se adopten medidas urxentes que axuden a paliar
os danos.
Que se faga
fincapé ante as autoridades competentes na necesidade de investigar a fondo as
orixes dos incendios e para determinar os responsables deste atentado e que
cumpran a máxima pena posible.
Queremos
deixar constancia do enfado da veciñanza coas consecuencias do gran sinistro,
da falta de prevención e de medios para combater estas catástrofes.
Consideramos que existe acumulación de maleza en camiños e no monte do pobo,
que favoreceu a propagación do lume ata chegar a poñer en perigo á poboación.
Este
colectivo, prácticamente sen medios, intenta dende hai varios anos concienciar
á poboación para a preservación e valorización do patrimonio e do medio
ambiente da zona, pedindo á Comunidade de Montes e a propietarios en xeral que
se realicen as necesarias labores de roza de maleza, eliminación de vexetación
perxudicial, clareos e poda de arborado, entre outras. Por outra banda, adica
boa parte dos seus recursos humanos, voluntariado e persoal de traballos en
beneficio da comunidade, á limpeza de camiños de uso público e do monte
veciñal, que en varios casos sofren o abandono e a desidia.
Por último, condenamos estes ataques terroristas que tanto dano nos causan, solidarizámonos coas familias das vítimas mortais e cos afectados, ofrecéndolles a nosa axuda, e agradecemos á veciñanza, empresas e ao Concello de Nigrán o traballo realizado durante e despois dos lumes, axudando cos seus escasos medios a minimizar o impacto dos lumes e apoiando ás familias afectadas. Ao mesmo tempo, brindamos a nosa colaboración a ese Concello no que precise para poder alcanzar os obxectivos propostos neste escrito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario