No ano 2008 o Concello de Nigrán creou o Consello Sectorial do Plan Xeral de Ordenación Muncipal, órgano que segue a estar vixente, pero que desde hai uns dez anos só se convocou en contadas ocasións para ser informado de forma xeral polo goberno municipal, pero non para non para a participación efectiva, asesoramento, consulta, proposta, información e debate nas cuestións relacionadas con PXOM.
Tendo en conta o establecido no Regulamento orgánico aprobado o 28.05.2008 coa finalidade de regular este órgano para canalizar a participación da veciñanza na tramitación do referido documento urbanístico, a Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 (que forma parte do mesmo) ven de solicitar ao Concello de Nigrán por escrito que se convoque o Consello Sectorial do PXOM para a participación efectiva, asesoramento, consulta, proposta, información e debate nas cuestións importantes relacionadas co Plan Xeral.16/12/20
9/12/20
Instamos ao Concello de Nigrán a reparar deficiencias en lugares públicos de Chan de Brito
No dia de hoxe, a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 ven de solicitar por escrito ante o Concello de Nigrán que se realicen os arranxos e melloras oportunas en varios viais municipais da parroquia de Chan de Brito, amplamente solicitadas pola veciñanza e que teñen na maior parte dos casos a finalidade de evitar posibles danos e prexuízos aos usuarios das mesmas ao existir defectos que causan perigo.
- Corrección de fochas na rede de sumidoiros na Estrada de Chandebrito.
- Modificar valo metálico e posta en rasante de muro localizados na estrada na Rúa da Igrexa 9
- Arranxo de valo métálico na Estrada de Chandebrito, sito a uns 500 metros desde o límite con Coruxo
- Adecuación de dous noiros ubicados na Rúa da Igrexa, que causan desprendementos.
- Substitución dunha superficie de 140 m2 de asfalto por adoquinado de pedra na Rúa da Igrexa, entre os números 41 e 24, no lugar das Eiras, ao tratarse dun dos núcleos poboacionais máis antigos da parroquia e ao atoparse o pavimento actual moi deteriorado e con moitos parches de cemento.
- Pintado de dúas marquesiñas nas paradas de bus ubicadas na Rúa de Chandebrito
- Arranxo de camiño entre a estrada de Pracíns e o lugar do Horto.
- Colocación de placas indicadoras estragadas dos viais municipais Camiño das Pereiras e Estrada de Chandebrito.
- Arranxos na parcela municipal sita na R/ Igrexa núm. 2, na que se localiza a antiga escola e parque infantil: tellado edificación auxiliar, cancela e peche do parque, pintado de paredes, reparación do piso. Remitiuse memoria valorada das obras que se consideran máis necesarias, que ascenden a un importe total de 5.521, 23 € (IVE incluido).
Algunhas das actuacións citadas anteriormente, en especial a primeira e a última, trátanse de reivindicacións realizadas por esta Agrupación desde hai varios anos, xa que o estado de conservación das instalacións referidas é deplorable, sen que polo momento fosen atendidas polo goberno municipal.
22/8/20
Novo ataque ao patrimonio cultural
Esta Agrupación formula nestes días denuncia ante a Garda Civil por un atentado ao patrimonio cultural da parroquia.
Entre os días 15 e 21 de agosto unha persoa descoñecida ocasionou danos en placas de pedra indicadoras dos nomes de lugar (topónimos), colocadas nas vías públicas da parroquia de Chandebrito, danos consistentes en rotura e pintado de cor azul, co obxecto de ocultar a información que proporcionan as citadas placas. A valoración dos bens danados é de 450 euros.
Os lugares nos que se sitúan estes indicadores son: Rúa da Igrexa á altura do cruce coa Rúa da Barreira; Rúa da Igrexa á altura do número 43-45; e Estrada de Chandebrito na confluencia coa Rúa das Laxes.
Trátase dun atentado ao rico e interesante patrimonio cultural da zona (difundido en varios medios de comunicación a nivel local e autonómico, ademais de publicarse un libro ao respecto elaborado por dúas asociacións sen ánimo de lucro coa colaboración do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, obra que se pode consultar na páxina web https://toponimia.xunta.gal/es/node/169 e https://www.nigran.es/wp-content/uploads/toponimia_chandebrito.pdf – páx. 3 a 10-).
Sospeitamos que se trata dalgún veciño desta parroquia e que os feitos poden continuar producíndose nos próximos días, xa que hai máis de 20 placas de pedra colocadas na referida parroquia.
Así mesmo solicitamos a apertura dunha investigación co obxectivo de determinar a persoa ou persoas responsable/s dos danos mencionados, a imposición das sancións que procedan, e a reparación dos danos para devolver os bens ao seu estado orixinal.
Desde esta Entidade non imos consentir que estas agresións queden impunes.
1/7/20
Obradoiro gratuíto de Introdución á lingua de signos (I)

28/2/20
Xornada de iniciación ao enxerto
