Esta Agrupación formula nestes días denuncia ante a Garda Civil por un atentado ao patrimonio cultural da parroquia.
Entre os días 15 e 21 de agosto unha persoa descoñecida ocasionou danos en placas de pedra indicadoras dos nomes de lugar (topónimos), colocadas nas vías públicas da parroquia de Chandebrito, danos consistentes en rotura e pintado de cor azul, co obxecto de ocultar a información que proporcionan as citadas placas. A valoración dos bens danados é de 450 euros.
Os lugares nos que se sitúan estes indicadores son: Rúa da Igrexa á altura do cruce coa Rúa da Barreira; Rúa da Igrexa á altura do número 43-45; e Estrada de Chandebrito na confluencia coa Rúa das Laxes.
Trátase dun atentado ao rico e interesante patrimonio cultural da zona (difundido en varios medios de comunicación a nivel local e autonómico, ademais de publicarse un libro ao respecto elaborado por dúas asociacións sen ánimo de lucro coa colaboración do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra, obra que se pode consultar na páxina web https://toponimia.xunta.gal/es/node/169 e https://www.nigran.es/wp-content/uploads/toponimia_chandebrito.pdf – páx. 3 a 10-).
Sospeitamos que se trata dalgún veciño desta parroquia e que os feitos poden continuar producíndose nos próximos días, xa que hai máis de 20 placas de pedra colocadas na referida parroquia.
Así mesmo solicitamos a apertura dunha investigación co obxectivo de determinar a persoa ou persoas responsable/s dos danos mencionados, a imposición das sancións que procedan, e a reparación dos danos para devolver os bens ao seu estado orixinal.
Desde esta Entidade non imos consentir que estas agresións queden impunes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario