30/1/26

OBRADOIRO DE COSMÉTICA NATURAL


O vindeiro venres dia 6 de febreiro, en horario de 18:00 a 19:30 h. a Asociación Chandebrito 1807 desenvolverá un obradoiro gratuíto de cosmética natural fresco e sustentable, no seu local social, sito na Rúa da Igrexa 2, en Chan de Brito.

As inscricións poden realizarse ata o mesmo dia enviando un correo-e ao enderezo chandebrito1807@gmail.com , co nome e apelidos, lugar de residencia, enderezo de correo-e e  núm. de teléfono de contacto.


24/1/26

Reiteración de solicitude á Comunidade de Montes para arranxo do Parque e Torreiro das Laxes

Esta Agrupación presentou hai días unha segunda solicitude ao Presidente e Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Chandebrito, á que se achega informe fotográfico no que se detallan diversas deficiencias graves observadas na contorna do parque infantil do Torreiro das Laxes, en Chandebrito, situados en terreos de propiedade desa Comunidade de Montes. Esta solicitude vai asinada por máis de 60 veciños/as.

Concretamente, algunhas deses defectos son os seguintes:

Xogo de balancín de muelle sen agarradeira; pedra lonxitudinal con arestas vivas no lateral Oeste do parque; postes metálicos no chan con puntas sobresaíntes;  poste con baleas de ferro sobresaíntes; placa con desprendementos; entullos de obra sen protección; e bordo de placa e escalóns de cemento en palco con desprendementos.


Entullos de obras sen protección e placas con desprendementos
Columna coas varillas sobresaíntes
Fileira de pedras coas arestas vivas

Estas eivas, presentes desde hai moitos anos e postas en coñecemento desta Asociación pola veciñanza desta parroquia, que apoia esta solicitude; precisan dunha subsanación urxente por ocasionar risco de accidentes graves.

Por elo, e tras remitir petición similar por correo certificado o 19/12/2025 sen que a Presidencia desa Comunidade a recollese; solicitamos novamente se atenda esta solicitude á maior brevidade posible, co fin de evitar danos importantes, que ademáis podería ocasionar un grave prexuízo económico a esa Comunidade.

23/1/26

Traballos en Beneficio da Comunidade desenvoltos no ano 2025

A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807, con motivo do convenio asinado co Goberno Central o 30 de outubro de 2012, executou unha vez máis un extenso plan de traballos en beneficio da comunidade na parroquia de Chan de Brito durante o ano 2025, cun total de 154 horas realizadas por catro persoas penadas.

As tarefas consistiron, entre outras, na roza de camiños veciñais e de rutas de sendeirismo, recollida de lixo de lugares de uso común e posterior reciclaxe, sinalización de lugares de interese, limpeza de bens culturais para protexelos e poñelos en valor, colocación de reixas, valorización da toponimia, etc.

As actuacións concretas foron as seguintes:

- Sinalizacións do acceso do muíño dos Matos, de diversos lugares (Igrexa, Rozadas, Lapela), e dos límites da parroquia coas lindeiras (Valadares, Vincios, Camos).

Limpeza do camiño do Soeido

- Roza de vexetación e retirada de troncos en diversas rutas de sendeirismo e viais públicos (Camiño dos Matos e no Valiño, Costal, Pereiras- A de Rial, Sobreiro, Cordiñas e Soeido (limpeza de parte da superficie e marxes), polos que transcorre a ruta histórica e etnográfica de Chandebrito).

- Recollida de lixo en case todas as rúas da parroquia e posterior reciclaxe (retirando preto de 30 Kgs en total).

- Limpeza das fontes e lavadoiros de auga de uso público na Lameira e Darriba de Pracíns (lavadoiro e contorna).

- Limpeza e mantemento do muíño dos Matos, contorna e acceso. Limpeza do regato na zona.

- Realización e colocación de tres reixas para arquetas e tubos, no Camiño de Cordiñas e na Rúa das Laxes.

- Reparación de ferramentas para realizar os traballos.

- Realización e colocación de 4 placas de pedra gravadas con 12 topónimos tradicionais: no Xestal, na Cachada, na de Santos Espíritos, e nas Cancelas (Chans de Rapadouro). Limpeza e acondicionamento de outras 6 placas xa colocadas.

Carlos Gómes, encargado da xestión dos plans de execución, valora positivamente o traballo realizado, e prevé que no ano 2026 se realice un novo plan que contemple a roza e limpeza de parte do monte veciñal lindeiro ás vivendas; de rutas de sendeirismo e camiños veciñais; a retirada de lixo de viais e outros espazos comúns; e a limpeza, adecuación e mantemento de fontes de auga e diversos bens culturais (especialmente do acceso e da contorna de petroglifos que están moi descoidados). Así mesmo, indica que esta Agrupación sen ánimo de lucro recollerá as propostas que realice a veciñanza neste sentido, coa intención de realizar as actuacións de interese público que propoña a mesma

3/1/26

Solicitamos a execución de obras da senda peatonal na E.P. 2102 entre Chandebrito e Camos

Esta Asociación presentou no dia de hoxe solicitude á Deputación de Pontevedra que dí así:

Na procura de que teñan en conta a nosa petición como algo ineludible e necesario, apelamos a esa parte mais sensible, empática e humana que as veces, as persoas, deixamos de escoitar por priorizar a economía e outros intereses que pouco teñen que ver coa mellora das condicións de vida dos que temos mais preto, a cidadanía.

Seguindo co argumentario, consideramos que non se debe demorar mais o inicio das obras reclamadas, pois ademais do dito na documentación aportada coas sinaturas, constitúen xa de por si un dereito de obrigado cumprimento, pois xogámonos de cotío a vida e a nosa integridade física e mental, cada día e cada hora que temos que facer uso da estrada que nos atinxe, sexa como viandantes ou como condutores. Que dicir cabe que as circunstancias, se non se acomete a obra reclamada ou similar, van a mudar a peor.

Primeiro, porque a actuación que si se está a acometer, a colocación de valos quitamedos pegadas ó firme asfaltado, ó ser a estrada tan estreita, sen liña divisoria de carril sequera, dificulta aínda mais a circulación e maniobrabilidade dos vehículos. Para os peóns, ciclistas e ciclomotores, ó ser os mais desprotexidos e lentos, xa non queda escapatoria posible.

Segundo, pero igual de transcendente, porque ademais do devandito aumento de tráfico experimentado nos últimos anos, por ser unha vía que vertebra poboacións que están crecendo de forma exponencial, Nigrán, Camos, Chandebrito, Vincios ou Valadares, e porque nos vindeiros meses, coa creación do futuro parque forestal Matos-Táboas, esta estrada será a principal vía de acceso ó único parque forestal do Concello de Nigrán.

Se poñen en dúbida algo do que aquí se lles expón, emprazámolos a que veñan nos seus vehículos, que cada vez, para mais contraste, os fabrican mais anchos, a comprobar in situ a veracidade das nosas afirmacións e argumentos.

Emprazámolos, como non, a que se acheguen a esta estrada que lles merece tan pouca importancia. Tanto a vostedes, señoras e señores do ente provincial, como as señoras e señores do Concello de Nigrán, pois a pesares de que agora estes últimos queren apuntarse un tanto cara a galería, polo que se desprende da derradeira nota de prensa enviada a un medio de comunicación, na que eluden toda responsabilidade da paralización dun proxecto do que participaban no 30%, e para mais atrevemento, mentres a cidadanía estamos dando a cara e facendo o traballo que eles tiñan que encabezar, permítense mentir en canto quen está propiciando a recolleita das sinaturas de apoio da petición, branqueando a súa xestión e a das asociacións inoperantes que manteñen, pretendendo aproveitar as coiunturas que os demais coas nosas inquietudes e conciencia, lles brindamos.

Polo anteriormente exposto, e para concluír, SOLICITAMOS que, á maior brevidade posible, e en todo caso, no prazo máximo de tres meses que se estipulan, emitan resolución ó respecto, agardando que a mesma sexa acorde ó noso sentir, e se executen as obras de ampliación, ensanche da EP2102 Vincios – Nigrán ao seu paso polas parroquias de Chandebrito e Camos, co fin de crear unha senda verde peonil que ofreza condicións de seguridade ás moitas persoas que camiñan a diario polo citado vial, xa que actualmente fano pola calzada, sufrindo un grave risco de atropelo e de colisión entre vehículos. Non cesaremos nos nosos esforzos, vainos a vida nelo.

Por todo o exposto, procede a execución solicitada xa.  


A esta solicitude achégase un escrito de apoio asinado por 661 persoas co seguinte texto:

Á iniciativa da veciñanza e demais usuarios que se sinten afectados, os abaixo firmantes, solicitamos ante quen corresponda, o inmediato inicio das obras de ampliación, ensanche e creación dunha senda verde aledaña a estrada EP2102, competencia da Deputación , no tramo comprendido entre o núcleo de poboación do barrio de Vilar, en san Roque de Camos, e o barrio de Pracíns, a altura do cruce das Rozadas, parroquia de Chandebrito. Podendo, se as circunstancias o demandan, ser ampliable a todo o trazado da antedita estrada. 

Esta petición, débese a que na actualidade, ese tramo concreto, ten moito tráfico rodado e ó mesmo tempo, moita itinerancia de persoas camiñando a cotío polas súas beiras, non podendo evitar invadir a estrada en moito do seu percorrido, dada a  sinuosidade e angostura  da mesma, e a que non conta con beirarrúas nin arcén, o que constitúe un perigro constante para os peóns viandantes e para os distintos conductores usuarios do vial. 

Así mesmo, comunicarlles que temos coñecemento de que a actuación reclamada, foi fai tempo anunciada. Pero a día de hoxe, a pesares de ser unha obra crucial para a vertebración, sostenibilidade, fomento de hábitos saludables e por suposto, para  seguridade viaria, segue sendo unha débeda para a ciudadanía da comarca. 

Por todo o exposto, procede a execución solicitada xa.