A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807, con motivo do convenio asinado co Goberno Central o 30 de outubro de 2012, executou unha vez máis un extenso plan de traballos en beneficio da comunidade na parroquia de Chan de Brito durante o ano 2025, cun total de 154 horas realizadas por catro persoas penadas.
As tarefas consistiron, entre outras, na roza de camiños veciñais e de rutas de sendeirismo, recollida de lixo de lugares de uso común e posterior reciclaxe, sinalización de lugares de interese, limpeza de bens culturais para protexelos e poñelos en valor, colocación de reixas, valorización da toponimia, etc.
As actuacións concretas foron as seguintes:
- Sinalizacións do acceso do muíño dos Matos, de diversos lugares (Igrexa, Rozadas, Lapela), e dos límites da parroquia coas lindeiras (Valadares, Vincios, Camos).
![]() |
Limpeza do camiño do Soeido |
- Recollida de lixo en case todas as rúas da parroquia e posterior reciclaxe (retirando preto de 30 Kgs en total).
- Limpeza das fontes e lavadoiros de auga de uso público na Lameira e Darriba de Pracíns (lavadoiro e contorna).
- Limpeza e mantemento do muíño dos Matos, contorna e acceso. Limpeza do regato na zona.
- Realización e colocación de tres reixas para arquetas e tubos, no Camiño de Cordiñas e na Rúa das Laxes.
- Reparación de ferramentas para realizar os traballos.
- Realización e colocación de 4 placas de pedra gravadas con 12 topónimos tradicionais: no Xestal, na Cachada, na de Santos Espíritos, e nas Cancelas (Chans de Rapadouro). Limpeza e acondicionamento de outras 6 placas xa colocadas.
Carlos Gómes, encargado da xestión dos plans de execución, valora positivamente o traballo realizado, e prevé que no ano 2026 se realice un novo plan que contemple a roza e limpeza de parte do monte veciñal lindeiro ás vivendas; de rutas de sendeirismo e camiños veciñais; a retirada de lixo de viais e outros espazos comúns; e a limpeza, adecuación e mantemento de fontes de auga e diversos bens culturais (especialmente do acceso e da contorna de petroglifos que están moi descoidados). Así mesmo, indica que esta Agrupación sen ánimo de lucro recollerá as propostas que realice a veciñanza neste sentido, coa intención de realizar as actuacións de interese público que propoña a mesma.

No hay comentarios:
Publicar un comentario