29/6/26

Criticamos o uso que fai o goberno municipal do consello sectorial do PXOM

Desde esta Asociación criticamos duramente a utilización do Consello Sectorial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Nigrán ao antollo do alcalde e equipo de goberno, xa que a asemblea do citado órgano convocouse e celebrouse no dia de onte de xeito fraudulento, ao non ser notificado a todos os membros (entre eles a esta Asociación), non entregárselle a dia de hoxe documentación algunha en soporte papel a todas as Asociacións (tal e como anunciou o alcalde publicamente hai varios dias), informar só con poucos dias de antelación da máis que recente colocación na sede electrónica do Concello dos planos e demáis documentos do referido planeamento cuxo contido sufriu cambios sustanciais desde o borrador que se expuso polas parroquias no ano 2023 cara a futura aprobación provisional (e xa non digamos, da variación con respecto á aprobación inicial do 2013), e ao realizar unha mera reunión informativa e non actuar como órgano de verdadeira participación veciñal que debería emitir informes e dictámenes a someter á corporación.

En todos estes anos o alcalde e presidente do Consello non o convocou coa frecuencia que establece o acordo do propio pleno (do ano 2008), nin tampouco se actualizou os membros que forman parte do referido órgano, co que éste é irregular, ademáis de tratalo como un grupo de persoas ás que simplemente se lles informa das liñas xerais deste importante instrumento de ordenación.

No ambiente deste Consello Sectorial palpouse que varios colectivos non están de acordo en cómo se tramitou o asunto, xa que non se lles dá marxe a estudar e analizar con tempo o PXOM. O Alcalde que practicamente non dixo nada, ante o descontento manifestado por aqueles, unha vez máis non deu a cara e fuxiu pola porta de atrás, abandonando o salón de sesións.

Ante este atropelo, algúns dos membros do citado órgano municipal alí presentes formularon un escrito solicitando ao pleno que se aprace ata o mes de setembro a aprobación do Plan Xeral por este, prevista para o vindeiro 1 de xullo, co fin de poder estudar o documento cun mínimo de garantías. Desde esta Asociación agardamos que o alcalde e demáis membros do goberno apliquen o sentido común e atendan as nosas demandas.

9/6/26

PEDIMOS TRANSPARENCIA NA PRESENTACIÓN DO PXOM DE NIGRÁN

Esta Asociación, ante as afirmacións do goberno municipal de Nigrán de que vai aprobar provisionalmente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) o próximo 1 de xullo, con esta decisión de aprobar un documento tan importante para o desenvolvemento urbanístico do municipio nun escaso periodo de tempo, considera que non se corresponde cun equipo de goberno que practique a transparencia e a participación das entidades veciñais antes de levalo ao pleno municipal. De feito, este alcalde utilizou o Consello Sectorial só para anunciar o que xa tiña decidido aprobar, pero non para a participación cidadá na elaboración de propostas como correspondería a un órgano deste tipo.

Esta Asociación veciñal esixe unha maior transparencia e participación cidadá e pide que a posible aprobación se leve a pleno despois do verán e se poña o documento canto antes na páxina web do Concello e non esperar a facelo pouco antes do pleno, ademáis de entregar de inmediato unha copia física do documento as asociacións veciñais para a súa valoración.

Na opinión desta Asociación, necesítase como mínimo tres meses para analizar debidamente o resultado final deste plan urbanístico, mais aínda si se ten en consideración que o documento da aprobación inicial é totalmente diferente ao que se pretende aprobar agora e haberá que comprobar que o equipo redactor e os técnicos municipais incorporaron todas as correcións tanto das alegacións ao documento de aprobación inicial como ao borrador do documento exposto polas parroquias no ano 2023 e no que se observaron numerosos erros.