14/11/08

Limpeza das pistas forestais


Despois de recibidas multitude de queixas por parte da veciñanza e visitantes pola existencia da densa maleza que invade camiños forestais da parroquia, establecemos contacto coa delegación de medio rural para que se ordene a realización de traballos de roce da vexetación das marxes do camiños, ou, no seu caso, que se lle requira á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chandebrito, como propietaria dos terreos, para que o faga; de conformidade ao establecido na Lei 3/2007 de prevención de incendios forestais.


Pola seguridade das persoas que transitan por eles e para organizar mellor o combate do lume e tamén salvagardar os investimentos forestais dos propietarios dos montes da zona, sería necesario rozar as marxes dos seguintes camiños forestais:


* Camiño da Rúa do Torreiro (Chandebrito) ao parque forestal de Vilar (Camos), ata o cortalumes que separa as dúas parroquias, situado nos montes de “Sanomedio”.


* Camiño Chans de Rapadouro, dende o Colexio concertado “Estudio”, uns 500 m. en dirección norte, así como o entorno do citado colexio, nos montes de “Sanomedio”.



* Presa dos Soldados cara Coruxo e entorno do petroglifo “As Ventaniñas” (considerado BIC), no monte “Sanomedio”.


* Pista da Lapela, que comunica o barrio Igrexa co monte Alba en Valadares (tramo dende a presa da Lapela ata a entrada nordeste da canteira), no monte “Regamán”.


* Camiño Alto das Rozadas – A Lama, paralelo ao estrada de enlace coa autoestrada AG 57 “Puxeiros–Miñor”, no monte “Rozadas” (entre as parroquias de Chandebrito e Camos).


11/11/08

Reunións co alcalde


A asociación leva mantidas varias xuntanzas co alcalde de Nigrán (a última tivo lugar o 10 de setembro), nas que se expuxeron os seguintes puntos:


- Reclamar ante a Deputación a mellora da seguridade viaria da estrada Vincios a Nigrán ao seu paso por Chandebrito (coa execución do proxecto de mellora da mesma); así como a xestión conxunta coa concellería de Vías e Obras para a dotación de capa de rodadura do camiño de Lapela (para a comunicación con Valadares) e dun tramo de 600 m. na Rúa das Rozadas.


- Execución da 2ª fase da rede xeral de sumidoiros para as vivendas da Rúa das Tomadas, parte alta da Rúa das Laxes, Rúa da Barreira, Rúa das Rozadas e parte alta da Rúa da Igrexa (contestounos que se comezarían as obras a principios do ano 2009)


- Xestionar ante a Dirección Xeral de Transportes da Xunta a mellora do transporte público por estrada e ter mellores comunicacións con Vigo (apuntando a posibilidade da ampliación do autobús urbano núm. 29 de Vigo, que chega a Fragoselo, dentro do transporte metropolitano da área de Vigo)


- Información do proxecto de recuperación do Río Muíños dende o seu nacente en Chandebrito


- Convocatoria de subvencións para actividades socio culturais no ano 2008


6/11/08

Chandebrito nos medios: A cabaza xigante


Unha cabaza xigante creceu no alto dunha viña. Non é ciencia ficción. Ocorreulle a un veciño da parroquia de Chandebrito, en Nigrán. Manuel Gómez Costas non sae do seu asombro cando observa a descomunal hortaliza que pesa ao redor de 50 quilos.


Viuna crecer durante os últimos meses sobre unha parra na entrada da súa vivenda e xamais se puido imaxinar que chegase a alcanzar semellantes dimensións.


Continua na Voz de Galicia


Tamén no Faro de Vigo




5/11/08

Fontes de Chandebrito


Nos últimos meses véñense de realizar unha serie actuacións no rico patrimonio de fontes do que conta Chandebrito, coa solicitude a empresa Novo Contorno, S.L. encargada do inventario das fontes a que inclúa no catalogo tres delas que non aparecen como son a fonte Nova, a fonte do Regueiro e a Fonte do Cocho para que se comunique á empresa Lema y Bandín, encargada da recollida e análise das mostras das augas das fontes do municipio semestralmente, así como a proceder á colocación de placas indicadoras coa potabilidade das súas augas, similares ás colocadas no ano 2005 – 2006.



Enviamos unha relación das cinco fontes de auga de uso público localizadas en Chandebrito que necesitarían de pequenas actuacións de mellora, polo que solicitamos na consellería de Vías e Obras que se faga unha valoración do estado de conservación e, no seu caso, que se proceda á realización das melloras necesarias nas seguintes fontes:


- Fonte do Cocho de Abaixo

- Fonte de Juan ou da Penís

- Fonte Nova

- Fonte do Regueiro

- Fonte dos Piollos


E por ultimo temos aumentado o patrimonio de fontes, suman xa catorce as fontes de auga de uso público, dende o pasado mes de marzo coa iniciativa para a reconstrución dunha fonte de auga para o uso público, no mesmo lugar no que antigamente existía a Fonte do Cocho de Abaixo (Pracíns), fonte que desapareceu hai xa moitos anos.



31/10/08

Verquidos nos montes de Chandebrito


O día que celebramos a xornada micolóxica, entre cogumelo e cogumelo encontromos unha desagradable sorpresa, como son uns recentes verquidos de residuos en diversos puntos do monte “Regamán”, propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chandebrito, localizados na parte Este da canteira de Lapela, preto das marxes da pista forestal que comunica o barrio da Igrexa co monte Alba (Valadares):


- Lugar da Costal / Lapela: verquido de roupas de traballo de obras (cascos, chalecos, pantalóns, botas, etc.) e de materiais de construcción (sacos de cemento); localizado entre a pista arriba mencionada e o camiño que ascende dende a presa da Lapela, a escasos metros da confluencia con aquela.



- Lugar da Lapela: verquido consistente en residuos procedentes de obras de demolición da construcción (ladrillos e cemento), na marxe esquerda da pista, a uns 500 metros da Estrada do Zondal (Valadares).



Polo que vimos de solicitar na concelleria de medio ambiente de Nigrán que se poñan en marcha os mecanismos pertinentes que determinen as responsabilidades no deterioro do entorno, ademais de dalo a coñecer o axente forestal da zona


30/10/08

Acondicionamento camiño dos Matos


A asociación solicitoulle a consellería de turismo do concello de Nigrán que se dean as ordes oportunas para proceder aos traballos de acondicionamento do Camiño dos Matos, así como do entorno do Muíño dos Matos (do século XVIII), situado na Ruta de sendeirismo denominada “PRG 61 - CAMOS-PARADA-CHANDEBRITO”, xa que o citado camiño, duns 2 metros de ancho, e a sinalización e paneis interpretativos están invadidos pola maleza. Tamén observamos que a sinalización do sendeiro de Nigrán na entrada deste camiño dende a pista que sube da igrexa parroquial de Camos, que indicaba “Camiño dos Matos”, está moi deteriorado, polo que se roga a súa reposición.



Trátase dun sendeiro con conexións coas rutas GR 53, 58; PRG 9, 60; que parte da parroquia de Santa Baia de Camos, comeza a subida cara ao lugar das Rozadas, pasando por unha zona de muíños (muíños de Táboas e dos Matos, nomes que recibe o río Muíños ao seu paso por esta zona). Continúa a ruta cara á aldea de Pracíns e, de xeito ascendente, remata entroncando no parque forestal da PRG 60. Dende Pracíns sae a derivación PRG 61.1. ou Variante de Chandebrito, que pasa polo castro de Chandebrito - miradoiro sobre a ría de Vigo - e pola fraga dos Muíños de Rodas para enlazar outra vez co PRG 60.


Por outra banda, solicitoulle que fagan as xestións pertinentes para proceder á reposición da información dos paneis interpretativos instalados no ano 2001 no entorno do Castro de Chandebrito (1 panel) e do Muíño das Chans (3), situado a uns cen metros do castro; xa que a información que contiñan, hai meses que se estragou.


23/10/08

Xestións realizadas para a mellora da estrada de Pracins


A A.V.C. Chandebrito 1807, congratulase de que, despois dunha dura loita por parte desta asociación, a Deputación de Pontevedra executase recentemente as obras de mellora dun tramo duns 6 Km. da Estrada Provincial Vincios – Nigrán, que estaba ata hai un par de meses en total estado de abandono; aínda así esta asociación presentou hai uns días unha solicitude na Deputación para que se melloren as curvas máis perigosas, xa que as obras non resolveron o problema fundamental da seguridade viaria.




Deixamos un listado coas principais xestións realizadas dende a asociación, para conseguir o arranxo da estrada de Pracins.


2007 denúnciase publicamente nos medios de comunicación o estado da estrada.


19/09/07 solicítase por escrito á Deputación o inicio urxente das obras de ensanche, pavimentado e sinalización do vial. Enviando de novo a petición o 14/11/07

10/01/08 mantense unha reunión co alcalde para pedirlle que reiterase ante o Presidente da Deputación a solicitude de mellora da estrada


15/01/08: reunión cos presidentes das AA.VV. de Vincios e de Camos para solicitar entre as tres asociacións o arranxo urxente da estrada, enviando dita solicitude o día seguinte.


14/03/08 solicítase por escrito á Deputación que se inicien urxentemente as obras de mellora da estrada, nun tramo de 6,24 KAS. (Salgueiro – A Cruz).


25/03/08 solicítase o bacheado da estrada de Pracíns, ao que accede a Deputación.


03/04/08 envíase novo escrito ao Presidente da Deputación esixindo que se comecen as obras e que se nos informe das xestións que realicen e dos datos do proxecto, contestando oito días despois que este ano se levará a cabo unha 1ª fase para mellorar o pavimento.


Maio do 2008 denúnciase publicamente o estado de conservación da estrada.


Tamén se falou en varias ocasións con deputados provinciais, o 30 de maio, o 2, o 4, o 30 de xuño, o 2 de xullo, etc.


O 5 de xullo, a Deputación anuncia que comezarán as obras en poucos días (empezando na seguinte semana).



Ademais, existen diversas publicacións nos xornais relativos a estas xestións:


- Atlántico, 25/01/08

- Faro, 26/01/08

- Faro, 29/01/08

- La Voz, 10/02/08

- Foro Metrop., Feb. 2008

- Atlántico, 01/06/08

- La Voz, 03/06/08

- La Voz, 05/07/08