24/9/26

Presentamos alegacións ao novo modelo de transporte da Xunta en Chandebrito

A Asociación Chandebrito 1807 ven de presentar alegacións ao anteproxecto do novo plan de transporte de viaxeiros da Xunta de Galicia para a comarca de Val Miñor, contrato XG883


https://share.google/bRbhpWup6jnQHMauU


Esta Asociación maniféstase en contra da proposta realizada pola Xunta de Galicia, ao comprobar que elimina completamente as liñas de bus que percorren as parroquias de Camos, Chandebrito e Parada do Miñor. A nova planificación deixa ao rural nunha situación aínda máis desfavorable.

 

Consideramos que a proposta supón un gran retroceso para a mobilidade da veciñanza destas zonas, que perderían o seu enlace directo con Vigo, mantido desde principios dos anos 1970.

 

O servizo municipal de transporte non debe repercutir no detrimento do servizo autonómico, xa que a veciñanza de Chandebrito está moito máis vinculada en tódolos sentidos (ensino, traballo, comercio, estudos, etc.)  co municipio de Vigo que co de Nigrán e/ou resto da comarca, atopándose o centro da cidade olívica a quince minutos en coche desde a referida parroquia. Así o levamos demandado por escrito en varias ocasións desde, cando menos, o ano 2003, incluso aprobándose propostas polo pleno do Concello de Nigrán para a ampliación do bus urbano de Vigo desde Fragoselo-Coruxo ata Chandebrito (a uns tres quilómetros de distancia).