8/11/14

Mellora da Estrada de Pracíns

Despois das peticións e xestións realizadas pola Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", a Deputación de Pontevedra adxudicou a obra de mellora das cunetas da Estrada Provincial de Vincios a Nigrán, na que se inclúe o tramo da Estrada de Pracíns, en Chan de Brito.
A obra, prevista para outubro / novembro deste mesmo ano; ten como obxectivo a correcta canalización das augas pluviais para favorecer a conservación do vial e evitar molestias e danos a vehículos e peóns que circulan por este.

20/9/14

Convocatoria de curso de cestería en palla (II)

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", consciente do éxito obtido noutras edicións realizadas e co fin de recuperar e poñer en valor un dos oficios tradicionais máis antigos, convoca para esta nova tempada 2014/2015 un curso de cestería tradicional, denominado CESTERÍA EN PALLA DE CENTEO (II), coas seguintes características:

 

TÉCNICA: COSIDO EN ESPIRAL CON PALLA DE CENTEO.
ELABORACIÓN DE CESTOS QUE CONTEÑAN GRANS E SEMENTES.
IMPARTIDO POR RUBÉN BERTO COVELO (VIGO), MESTRE CESTEIRO ARTESÁN.
FERRAMENTAS QUE DEBERÁN LEVAR OS ALUMNOS/AS: NAVALLA E PUNZÓN.
LUGAR: ESCOLA INFANTIL DE CHAN DE BRITO (RÚA DA IGREXA, 2).
DATAS: TÓDOLOS LUNS DENDE O 6 DE OUTUBRO ATA O 29 DE DECEMBRO DE 2014 (AMBOS INCLUIDOS) (12 SESIÓNS).
HORARIO: DE 18.00 A A 20.30 H.  (2,5 HORAS SEMANAIS).
Nº PARTICIPANTES: UN MÍNIMO DE 8 – E UN MÁXIMO DE 12 .
PREZO: 30 € MENSUAIS POR PERSOA (INCLÚESE TODO O MATERIAL PRECISO –PALLA, TIRETA DE VIMBIO, ETC.-).


MÁIS INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS: ATA O DIA 3 DE OUTUBRO, A TRAVÉS DO CORREO ELECTRÓNICO chandebrito1807@gmail.com OU NO TELÉFONO 667380223.

14/9/14

Curso de bailes latinos 2014 / 2015

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", ao igual que a tempada pasada, oferta un curso de bailes latinos, que se celebrará no seu local social (pranta baixa da escola infantil de Chandebrito, na Rúa da Igrexa, núm. 2) tódolos venres de 17.30 a 18.30 h. e que comezará o venres día 3 de outubro. A duración prevista é de nove meses. O prezo é de 11 euros mensuais por persoa.
Esta Asociación valora moi positivamente o resultado acadado no curso anterior, cunha media de 9 persoas asistentes por sesión, no que chegaron a participar un total de 20 persoas (dos cales un 55 % residían na parroquia); polo que decidiu continuar con esta actividade.
Os interesados/as poden informarse e/ou inscribirse no teléfono núm. 667380223 ou no correo-e chandebrito1807@gmail.com .

4/9/14

Solicitude de corrección do inventario municipal de camiños

Dende a Asociación "Chandebrito 1807" solicitamos en tres ocasións ao Concello de Nigrán que se engadisen tres viais existentes na parroquia de Chan de Brito que contan con diversos servizos urbanos de carácter público e tamén que se corrixisen un total de 58 erros (dous deles relativos ao grafiado das vías) que contén o plano núm. 3 do inventario de camiños do Concello de Nigrán (referido á citada parroquia), aprobado na sesión plenaria do 28/03/2012 (data de xaneiro de 2011).

Ao non obter resposta a estas peticións; solicitouse novamente o pasado 25 de agosto a través do rexistro de entrada da citada entidade local:

1º: Que se proceda a incluir no citado inventario os seguintes camiños:
-        Camiño de Florentino Rial (barrio das Tomadas).
-        Camiño dos Vargos (barrio das Tomadas).
-        Camiño da Lapela (barrio da Igrexa).

2º: Que se corrixan os 58 erros que contén o documento aprobado.

Para elo, remitiuselle anexo cos datos dos camiños para os que se pide a súa inclusión ademáis do mencionado plano do inventario aprobado no 2012, coas correccións oportunas.

Cabe ter en conta que existen varias vivendas con acceso por eses viais non contemplados no referido documento, o que supón un perxuizo para os seus titulares.

Consideramos que o goberno municipal non demostra ter interese en contar con inventarios realizados de xeito correcto, xa que nunca se puso en contacto coa veciñanza e/ou asociacións e tampouco se digna en contestar as peticións que se lle realizan, aínda que sexa de forma completamente constructiva, dándolle o traballo feito e sen custo algún para o propio concello, como neste caso.

28/8/14

RECLAMACIÓN DE SUBVENCIÓN OUTORGADA POLO CONCELLO DE NIGRÁN NO ANO 2008

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" remitiu hai uns meses ao Valedor do Pobo de Galicia copia das reclamacións e demáis documentos do expediente da Subvención de 660 € concedida polo concello de Nigrán a esta Asociación a principios do ano 2008 para actividades socio-culturais; debido a que este Concello a día ...de hoxe aínda non procedeu a pagar máis do 50 % da citada axuda.



A contestación que deu recentemente o Valedor do Pobo a este colectivo é que o concello aínda non lle remitiu o informe demandado pola mencionada Institución galega, polo que llo requeriron novamente (lembrándolle expresamente que tal envío resulta unha obriga legal, segundo dispón o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo).



Esta Asociación considera bochornosa esta e outras cuestións, tales como a desidia e o desprezo co que tratan a este e outros colectivos que reclaman actuacións absolutamente necesarias, urxentes e de competencia do Concello de Nigrán, e por elo, pide a dimisión do goberno municipal do PP por incompetente, algo que veñen reclamando incluso moitos dos seus propios votantes.

ACTUACIÓNS REALIZADAS ACTUALMENTE POLA ASOCIACIÓN "CHANDEBRITO 1807" A FAVOR DO PATRIMONIO CULTURAL E DO MEDIO AMBIENTE

Nestes dias, a Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 realizamos diversas actividades para a conservación e posta en valor do rico patrimonio da parroquia de Chan de Brito:




- Restauración da canle do muíño dos Matos, que culminará o mes que ven coa instalación de todas ...as pezas deste. Ademáis, limparase o tramo do sendeiro histórico-etnográfico preto da ponte ubicada uns cen metros máis abaixo do muíño.



- Colocación de indicadores de topónimos grabados en pedra (9 nomes, agardando que nos vindeiros dias se instalen máis placas sinalizando outros 16 nomes de lugar, que se sumarían aos 7 xa colocados con anterioridade -facendo así un total de 32-.)



- Arranxo do tellado do muíño das Chans dos Cruceiros e roza de maleza no seu perímetro.



- Reposición de sinalización e de valo de madeira de protección do castro.



- Limpeza das marxes e da superficie do camiño medieval do Soeido.



- Sinalización de varios grupos de muiños rupestres no barrio das Tomadas, cuxos accesos e contorna xa se limparan o ano pasado.



- Roza do acceso e perímetro de petroglifos na mesma zona.



- Limpeza e acondicionamento da fonte de auga do Cocho de Abaixo, en Pracíns.



- Limpeza do monte veciñal en man común lindeiro coas propiedades particulares e pistas forestais.



- Recollida, selección e reciclaxe de lixo depositado na contorna do Colexio Estudio, parque forestal, campo de fútbol, Torreiro de festas, etc.



Por outra banda, tamén se instalaron sinais de tráfico na rúa das Laxes.



Durante estes meses de agosto e setembro, prevese a realización de máis actuacións de limpeza, acondicionamento e outras melloras na parroquia con persoal voluntario e de traballos en beneficio da comunidade.



Tamén se solicitará novamente ao Concello de Nigrán a adopción de medidas para a mellora de certas zonas (arranxo dos camiños da Lapela, do Vargo, de Cordiñas, das Entre Paredes- Palleiros; colocación de reixas metálicas; construción de pasos elevados de peóns e dotación de nova sinalización na Rúa de Chandebrito; acondicionamento da parcela da antiga escola infantil -roza, poda e reposición de xogos do parque infantil-); etc.

30/6/14

Servizo de atención integral á veciñanza

SERVIZO DE ATENCIÓN INTEGRAL Á VECIÑANZA DE CHANDEBRITO



A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" prestará un servizo de asesoramento, recollida de peticións, queixas e suxerencias, etc. á veciñanza de Chandebrito para trámites ante as administracións públicas (Concello, Deputación, Xunta de Galicia, etc.). que se realizaría de xeito experimental na pranta baixa da escola infantil tódolos venres do mes de xullo e agosto (agás festivos) en horario de 17.30 a 18.30 horas.



Con esta actuación, preténdese dar unha maior participación e implicación nos asuntos públicos aos habitantes desta parroquia e achegarlles información do seu interese, xa que aínda a día de hoxe, teñen dificultades para chegar ás administracións, canalizando así as súas solicitudes, suxestións, etc. Ademáis, cabe ter en conta que ás veces, estas tampouco facilitan a participación cidadá do xeito máis oportuno.