26/4/22

II Ruta de recoñecemento de plantas e froitos silvestres de Chan de Brito

O sábado dia 30 de abril, desde as 16:30 ata as 19:30 horas realizarase a II Ruta de recoñecemento de plantas e froitos silvestres comestíbeis, con saída e chegada na antiga escola infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa núm. 2).

Plantas e froitos silvestres medran de forma natural e espontánea, e aportan ao noso organismo elementos nutritivos de alto valor biolóxico, vitaminas, sales minerais e outras moitas substancias activas de propiedades preventivas e curativas, que na súa inmensa maioría, están ainda por descubrir.

As plantas silvestres teñen máis vitalidade e mellor calidade biolóxica, ademáis de posuir mellor capacidade de adaptación ao medio que as de cultivo. Esta calidade da que gozan os vexetais consiste na adaptación ás condicions especiais e ambientais do hábitat onde medran. Ofrecendo os nutrientes e os elementos protectores máis axeitados para as persoas da súa zona, sempre que medren sen sufrir grandes danos a causa dos fertilizantes químicos e fumigacións tóxicas, coma os pesticidas.

Pasaremos unha xornada identificando e degustando prantas silvestres comestíbeis con César, e ao final poderemos compartir merenda co que traiamos cadaquén e/ou o que apañemos

Nesta actividade organizada pola Asociación Chandebrito 1807 non é necesario inscribirse, e ten un prezo Libre (cada participante pon o valor en función da calidade da información, profesor, entorno, a súa economía, etc.).





28/3/22

Execución de novas actuacións con Traballos en Beneficio da Comunidade

Esta Agrupación, no marco da colaboración co CIS de Vigo, Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias desde o ano 2011, para o cumprimento de penas con traballos en beneficio da comunidade no ámbito territorial da parroquia de Chan de Brito, ven de realizar desde o 22 de xaneiro ata o 5 de marzo (durante un total de 48 horas) as seguintes actuacións na zona:


- Limpeza das marxes dos camiños antigos do Campo Novo e do Soeido
- Limpeza, roza e sinalización da contorna do muíño dos Matos (edificio, levada de auga, tellado, sendeiro de pés, etc.)
- Recollida de lixo nas marxes e cunetas de diversas vías públicas
- Sinalización horizontal parcial do roteiro histórico etnográfico de Chan de Brito, deseñado no ano 2006
- Tarefas de conservación e mantemento de varios indicadores de topónimos tradicionais (Cova de Lobo, As Pereiras, Pedra Grande...)

9/2/22

Obradoiro gratuíto de lingua de signos (II)

Esta agrupación convocou o segundo obradoiro de lingua de signos, que dará comezo o vindeiro luns dia 14 de febreiro en horario de 18:30 a 20:30 horas no seu local social, a antiga escola infantil de Chan de Brito.

Esta actividade desenvolverase tódolos luns desde o 14 de febreiro ata o 27 de xuño, ambos incluidos (un total de 20 xornadas de dúas horas cada unha).

Observaranse as medidas marcadas polas autoridaded sanitarias para a prevención de contaxios por coronavirus, Covid-19; recomendándose aos participantes que leven mascarilla axeitada (se algúen non leva poderase proporcionar unha á entrada o primeiro dia), e informamos que se ventilará o local convenientemente, disporemos de xel hidroalcohólico no acceso á aula -así como demáis material preciso- e cada un dos asistentes estará como mínimo a 1,5 metros de distancia entre sí.

Este obradoiro é completamente de balde, incluido o material didáctico necesario (principalmente fotocopias), pero cadaquén pode levar unha libreta para tomar notas, se o desexa. As persoas participantes poderán colaborar con esta Agrupación no que desexen, que iría destinado ao mantemento desta, do local social, e/ou a fins sociais.


As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono 620097930 e as inscricións poderán realizaranse por whatsapp no mesmo número ou dirixindo un e-mail a chandebrito1807@gmail.com . Indicarán nome e apelidos, idade, núm. de teléfono e enderezo de correo-e.

Coa realización desta actividade, agardamos avanzar nos dereitos sociais de tódalas persoas, romper barreiras e a plena integración das persoas discapacitadas, ademáis de que os asistentes disfruten e que lles sexa útil.

8/5/21

Axudamos a adecentar e rematar inmobles na parroquia


Esta Asociación apoiará e axudará na solicitude de subvencións para actuacións para a corrección de impactos paisaxísticos a aquelas persoas interesadas que teñan inmobles na parroquia de Chan de Brito.


As actuacións que poden ser obxecto de axuda son as seguintes:

- Tratamento de paredes medianeiras vistas, mediante cobertura con materiais de revestimento, pintado ou tratamento vexetal, adaptadas aos criterios da Guía de cor e materiais de Galicia (CGCMG).

- Revestimento e pintado de fachadas actualmente rematadas en ladrillo cerámico ou bloque de formigón sen revestir, adaptados aos CGCMG.

- Renovación do acabamento exterior das fachadas de edificacións (paramentos e carpintarías) que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabamento, para substituílo por solucións adaptadas á GCMG.

- Remate exterior de cubertas realizadas con pranchas de fibrocemento, mediante a instalación ben de tella cerámica ben de lousa, en función do material tradicional da comarca, de acordo coas recomendacións da GCMG.

- Acondicionamento e mellora de peches de predios de gran dimensión (altura superior a 1,50 m.), mediante a substitución de muros opacos por solucións diáfanas ou sebes vexetais adaptadas aos criterios da Guía de boas prácticas de caracterización e integración paisaxística de valados (GBPCIPV).

- Revestimento de muros de cerramento de predios realizados con bloques de formigón, con fábrica de pedra semellante á cachatería tradicional, adaptada aos criterios da GBPCIPV.

- Substitución de celosías e outros tipos semellantes de pezas prefabricadas de cerámica ou de formigón, en cerramentos de predios, por solucións diáfanas ou sebes vexetais adaptadas aos criterios da GBPCIPV.

O prazo de solicitude remata o vindeiro luns dia 31 de maio, e poderase realizar a través da páxina web https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=MT402A 

Ademáis, esta Asociación concederá unha axuda complementaria no caso de que as persoas interesadas non poidan completar a obra cos seus medios, para poder rematar tellados, recebar ou pintar fachadas, portas, fiestras, etc.

Para maior información, poden contactarnos escribindo ao enderezo de correo-e chandebrito1807@gmail.com .

Propomos ao Concello de Nigrán unha ordenanza para a prevención de incendios


Desde a Asociación “Chandebrito 1807”, en relación coa prevención dos incendios, consideramos que o Concello de Nigrán precisa dunha ordenanza que regule diversas cuestións co obxectivo dunha eficiente prevención de lumes no territorio municipal.
O seu propio pleno aprobou no 2018, instar ao alcalde e goberno municipal a que se elabore un Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais; a elaborar un Plan de Emerxencias Municipal; e a exercer as obrigas contempladas no artigo 7 da Lei de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia.” Un ano despois elaborouse un plan de acción municipal fronte a lumes forestais, que é clónico e adolece de moitas cousas, e que en relación coa normativa cuxa adopción solicita esta Agrupación non ten máis que unha complementariedade.
O Concello de Ribadeo aprobou no 2018 unha ordenanza relativa á prevención de lumes e de limpeza de terreos que nos parece moi axeitada para a súa adaptación á nosa localidade en xeral e para a nosa parroquia en particular. Dada as características da zona e as consecuencias fatais dos terribles lumes de 2017, parécenos digna de tomar en consideración.
En Chan de Brito realizouse algunha actuación, pero considerámola insuficiente. O Concello de Nigrán debería avanzar xa no carácter preventivo dun xeito eficaz parar evitar as lamentables consecuencias do 2017. Por elo, no futuro máis inmediato, entendemos que se debe confeccionar urxentemente unha ordenanza rigorosa para poder previr incendios forestais e regular plantacións arbóreas, xerar obrigas de xestión da biomasa e os usos do lume en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable alí onde a Administración Municipal debe exercer súas competencias.
Desde a concienciación pero tamén a firmeza, o Concello de Nigrán debe velar polo cumprimento da lexislación para que a veciñanza propietaria e, polo tanto, responsables das parcelas en núcleos de poboación habitados, se ocupen do seu mantemento, roza e limpeza como marca a Lei de Prevención de Incendios Forestais. Limpar estes espazos de especies pirófitas coma eucaliptos, acacias e piñeiros e substitución, se procede, de especies frondosas autóctonas e especies froiteiras.
Por iso, en abril de 2021 solicitamos por escrito ao Concello de Nigrán:

- Elaborar a ORDENANZA PARA A PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS E A SALVAGARDA DAS CONDICIÓNS DE LIMPEZA, ORNATO, SALUBRIDADE E SEGURIDADE DOS TERREOS POLA QUE SE REGULAN AS PLANTACIÓNS ARBÓREAS, AS OBRIGAS DE XESTIÓN DE BIOMASA E OS USOS DO LUME NO SOLO URBANO, DE N.R. E URBANIZABLE DO CONCELLO DE NIGRÁN, para a súa aprobación polo pleno municipal.

- O Concello ten que encamiñar con medidas incentivadoras para lograr este cambio e completala con axudas para repoboar estas franxas con especies frondosas autóctonas que cumplan unha función “bombeira”. Para isto debe abrirse unha partida económica específica e realizar unha convocatoria para a concesión dunhas axudas económicas a través da rebaixa no prezo e obtención de especies resistentes ao lume que os particulares poidan adquirir e plantar.

- O Concello porá en marcha un viveiro propio para levar a cabo esta acción nun futuro pero provisionalmente concertará e encargará a un viveiro da localidade a obtención da planta necesaria para a primeira fase.

- Facer unha relación dos particulares que por razóns de incapacidade, minusvalía física, económica ou suma delas, non poidan actuar; e asumir si se debe economicamente tanto a limpeza como as a plantación das especies a substituír ou incorporar.

- Indicar un Lugar Seguro nun punto non ingniscible, e que, ante a ausencia dun plan de emerxencias visible da Xunta de Galicia, sexa o propio Concello quen o realice, propondo desde esta Asociación que este lugar sexa a contorna do Colexio Estudio, nas Chans de Rapadouro.