3/11/23
Denunciamos a subida do IBI que pretende o goberno de Nigrán
6/10/23
INFORMACIÓN Á VECIÑANZA SOBRE O PXOM DE NIGRÁN
A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” co
obxecto de fomentar a transparencia sobre un documento tan importante e
transcendental como o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vai ter o local
utilizado por esta asociación, na antiga Escola Infantil de Chan de Brito,
aberto os LUNS de 19 A 20 HORAS para informar e aclarar dúbidas á veciñanza que
o desexe sobre o PXOM exposto parcialmente na páxina web do Concello respecto á
parroquia de Chan de Brito.
Esta Agrupación, ante a demanda de citas para
consultas cos técnicos municipais, para comunicar erros ou observacións así
como aclarar dúbidas respecto ao documento exposto, pide que se amplie o prazo
destas consultas. Así mesmo, aconsella que, ademais dos erros e os cambios non
xustificados detectados respecto o documento de aprobación inicial, se
presenten polo rexistro do Concello sen prexuízo de que sexa necesaria unha
nova exposición pública para que a cidadanía de Nigrán poida alegar o que
considere oportuno ao haber cambios substanciais entre o documento da
aprobación inicial e definitiva.
Por outra banda, este mesmo colectivo volve a insistir que o documento do PXOM exposto na web municipal debe expoñerse completo, como é de obriga legal, e non parcialmente como fai o goberno municipal, ao cal lle falta a transparencia da que pretende presumir. Así, na citada páxina web deste documento están colgadas unhas sabas por parroquias, nas que non se distinguen os graos do solo de núcleo rural común, e algunhas fichas máis, pero faltan os documentos do Catálogo, da Estrutura Xeral e Orgánica e da Clasificación dos solos rústicos, entre outros. O documento da normativa urbanística está incompleto, polo que figura como un borrador.
Pódese mirar o vídeo do acto público realizado o venres dia 29 de setembro de 2023 clicando no seguinte enlace da internet:
https://www.youtube.com/watch?v=vvla7NEUI5I
27/9/23
Acto público sobre o PXOM de Urbanismo na parroquia
A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” organizou un acto público para o venres día 29 ás 20 horas na antiga Escola de Infantil de Chan de Brito para explicar o contido do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Coa finalidade de fomentar a transparencia e a participación, a esta xuntanza pública foron convidadas todas as agrupacións políticas con implantación no Concello de Nigrán, que a maioría xa confirmaron a súa asistencia, para que expoñan, tanto para a parroquia de Chan de Brito como para o resto do municipio de Nigrán, a súa opinión sobre o documento do PXOM exposto parcialmente na páxina web do Concello.
A razón pola que esta asociación veciñal tomou esta iniciativa debeuse a que o goberno municipal tiña convocada unha reunión para o 4 de setembro nesta parroquia para explicar o contido do PXOM pero que a realizou noutra data diferente sen informar publicamente do cambio, co cal gran parte da veciñanza da parroquia non se enterou da celebración e na súa actitude oscurantista negouse a convocar unha nova xuntanza publicitada polo propio goberno municipal.
Por outra parte, esta agrupación veciñal considera que o documento do PXOM exposto na web municipal debe expoñerse completo e non parcialmente, que ademais dos posibles erros, as suxerencias e observacións feitas pola veciñanza aos técnicos municipais nas citas en marcha organizadas sexan trasladados ao equipo redactor, goberno municipal e grupos da oposición para o seu coñecemento, e o que é mais importante, ao comprobarse que o documento exposto agora presenta cambios sustanciais respecto ao documento de Aprobación Inicial, se expoña de novo ao publico para que a cidadanía a cal lle cambiaron profundamente a cualificación urbanística das súas propiedades poida alegar.
12/9/23
Denuncia oscurantismo das charlas sobre o PXOM de Nigrán
A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 quere denunciar publicamente
a forma oscurantista con que o equipo de goberno municipal do PSOE está levando
a cabo charlas polas parroquias do municipio para explicar o contido do futuro
Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) que pretenden aprobar definitivamente
por parte do do Concello antes que remate este ano.
Nun medio de comunicación o 30 de xullo anunciaron que no
mes de setembro farían unha xira polas parroquias e que xa estaban dúas datas
marcadas e pechadas que serían o 4 de
setembro en Chandebrito e do día 6 en Camos.
A reunión de Chandebrito do luns día 4 non chegou a
celebrarse e cambiouse para o venres día 8 sen ningunha nota aos medios de
comunicación nin publicidade por parte do Concello, e se houbo algunha foi só
por parte da directiva dunha asociación determinada para os seus asociados pero
non para toda a veciñanza desta parroquia.
O xoves día 7 celebrouse na parroquia de Panxón outra
destas reunións informativas sen ningun tipo de publicidade por parte do
goberno municipal, a única publicidade
que houbo foi na rede social Facebook dunha asociación veciñal
determinada.
As reunións para dar a coñecer un documento tan
importante para o futuro do municipio non poden ser parte os poucos socios
dunha asociación, senón para toda a veciñanza polo que se require a maior
difusión por parte do Concello na convocatoria.
Esta Asociación sen ánimo de lucro, ante esta actitude do
equipo do goberno que parece pretender que ás reunións informativas acuda o
menor número posible de veciñas e veciños (a pesar de anunciar na prensa que
quere dar a coñecer o PXOM por unha cuestión de “transparencia”), pide que
rectifiquen e volvan repetir as reunións de Chandebrito e Panxón e as que aínda
están pendentes de convocar se lles dea a maior difusións posible.
Asi mesmo, pide que o goberno municipal ofreza a súa
opinión sobre o documento, e que convoque tamén aos restantes grupos municipais
para que poidan asistir as reunións se o desexan e, o que é máis importante, se
recolla das persoas asistentes os posibles erros e cambios sustanciais no
documento exposto respecto ao da aprobación inicial.
Por último, solicita tamén que se convoque ao Consello
Sectorial do PXOM para que se pronuncie ao respecto, órgano que leva paralizado
máis de doce anos ao non ser convocado polo goberno de Nigrán para consultas e
dictames na construción do documento urbanístico.
11/1/23
Balance de actuacións desenvoltas con traballos en beneficio da comunidade no ano 2022
Desde a Asociación Chandebrito 1807, no marco da colaboración co CIS de Vigo, Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias desde o ano 2011, para o cumprimento de penas con traballos en beneficio da comunidade no ámbito territorial da parroquia de Chan de Brito, vimos de desenvolver durante o ano 2022 (con cinco persoas que realizaron en total algo máis de 200 horas) as seguintes actuacións na zona:
13/9/22
Proxecto de valorización da fraga dos muíños de Rodas
A Asociación Chandebrito 1807 congratúlase de que o Concello de Nigrán, coa financiación da Deputación de Pontevedra, apoie finalmente a solicitude que realizou esta Agrupación no seu dia, hai agora uns catro anos, para valorizar a contorna dos muíños de Rodas, na parroquia de Chan de Brito.
Agardamos obter o apoio e axuda da administración local, xa que sen ela, non sería posible poder desenvolver o citado proxecto, debido á carencia de recursos por parte desta Agrupación sen ánimo de lucro. Por outra banda, cabe salientar que este asunto forma parte do programa electoral deste goberno para o mandato 2015-2019.
Con esta actuación, esta Asociación, que leva máis de dez anos traballando na divulgación, conservación e valorización do patrimonio, pretende poñer en valor unha das zonas de maior beleza e interese etnográfico e medioambiental da parroquia, ao igual que xa fixo hai uns anos co lugar dos Matos e das Loureiras, donde recuperou dous dos muíños de auga máis antigos do municipio, xa que, ao igual que o muíño de Rodas de Arriba, foron construidos a principios do século XVIII.
Nas fotografías pódese apreciar o proxecto e solicitude presentada, xunto á fraga e o muíño de arriba de Rodas






