24/11/13

Solicitude de mellora de pistas forestais na parroquia



Ante as queixas dos veciños da zona, debido ao mal estado de conservación no que se atopan as seguintes pistas forestais do monte veciñal “Regamán”, no barrio da Igrexa desta parroquia; esta Asociación solicitou o 20 de novembro á Consellería do Medio Rural que se adopten medidas oportunas coa finalidade de proceder ao seu arranxo:

-          As Chans dos Cruceiros (xunto ao muíño) – A Penís – O Horto (Pracíns)
-          A Penís – Outeiro Redondo (límite coa CMVMC de Vincios- Gondomar)
-          Lapela (á altura do encoro de auga) – Socrasto – Pista das Regueiras

Esta situación, provocada en gran medida polas intensas choivas de principios deste ano, agravouse, no caso da 1ª das pistas mencionadas, coa circulación por elas de tractores que realizaron cortas de arborado nos terreos da propiedade da Comunidade de Montes de Chan de Brito, polo que consideramos se debería requerir a reparación destas á empresa adxudicataria dos traballos.
  
Nos próximos dias porémonos en contacto cos responsables da mencionada Consellería para tratar de solventar este problema á maior brevidade posible, xa que os directivos da Comunidade de Montes non parecen ter interese neste asunto.

14/11/13

Visitas polo Camiño dos Matos no mes de novembro

O sábado 23 de novembro a partires das 10.30 da mañá, o Concello organizará unha ruta de sendeirismo polo camiño dos Matos, na que os asistentes visitarán o muíño restaurado pola nosa Asociación.

Ademáis, o dia seguinte, o domingo 24, partiremos aproximadamente ás 11.00 h. dende o mesmo lugar nunha visita organizada pola Asociación Cultural "O Coto" de Cabral, na que participarán ducias de nenos e nenas de Vigo, co obxectivo de ensinar aos cativos a importancia do respeto ao patrimonio cultural e natural da zona.

Durante o ano 2014, ademáis de realizarse a 2ª fase de restauración do muíño dos Matos para a súa posta en funcionamento, vaise a executar un paseo natural á beira do río Muiños dende o seu nacente en Chan de Brito. Actualmente estamos traballando na roza de maleza neste río, así como o arranxo do camiño polo que transcorre a ruta co fin de que non se formen pozas de auga no mesmo.

Propostas á Garda Civil para a mellora da seguridade na parroquia

Dende a Asociación Veciñal "Chandebrito 1807" manteremos nestes dias unha xuntanza con responsables da garda civil, na que realizaremos diversas propostas para a mellora da seguridade na parroquia a varios niveis. Por elo, agradeceríamos a todas as persoas interesadas que nos fixeran chegar suxerencias para trasladarllas a aqueles.

4/11/13

III Xornadas Micolóxicas o 16 de novembro

XORNADA MICOLÓXICA




A asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", organiza por terceira vez dende a súa fundación unha xornada de micogastronomía. A cita será o sábado dia 16 de novembro na "Lonquexa do Gañán" (Prado, núm. 80- Morgadáns- Gondomar) e guiarase polo experto José Luis Tomé Ortega, membro da Asociación Micolóxica “Brincabois” de Pontevedra, relator en múltiples cursos micolóxicos e autor de diversos artigos especializados en cociña de cogumelos.

O obxectivo desta xornada é presentar a riqueza micolóxica de Galicia xunto ao seu valor ambiental, económico e culinario. Dentro do gastronómico amosaranse os cogumelos comestibles cos seus diferentes sabores e matices únicos que ofrecen novas posibilidades á cociña galega. En definitiva, a idea é que os asistentes coñezan os distintos pratos e preparacions con cogumelos, pero esquecer la sustentabilidade deste recurso natural dos nosos montes.

Está dirixido a todo tipo de público, pero con especial interese para os afeccionados á micoloxía e gastronomía.



Dende as 10.30 h. ata as 13.30 h. da mañá realizarase a saída ao monte para a identificación e recollida de cogumelos. A partir das 16.00 h. terá lugar a exposición co material recollido. Ás 19.00 h. haberá unha charla; e para rematar, ás 20.00 h. procederase á degustación de diversos tipos de cogumelos.



Os interesados teñen ata o día 13 de novembro para inscribirse. O prezo é de 15 euros por persoa.



Pódese consultar a información na páxina web da asociación www.chandebrito1807.blogspot.com ou chamando ao núm. de teléfono 667380223.

28/10/13

TRABALLOS DESENVOLVIDOS CON PERSOAL DE TBC

Ante a falta de interese da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Chandebrito en manter o monte de xeito correcto; a Asociación "Chandebrito 1807" está desenvolvendo traballos diversos no mesmo para protexer e poñer en valor o patrimonio cultural e natural que temos na parroquia de Chan de Brito, entre outras cuestións.

Por elo, a principios de 2013, realizamos un extenso plan de traballo para todo o ano, a executar con persoal que debe cumplir penas con traballos en beneficio da comunidade e que abrangue entre outras, as seguintes actuacións:

- Roza de maleza no monte veciñal, arredor das propiedades particulares (nos barrios da Igrexa e de Pracíns) e da escola infantil (rúa da Igrexa núm. 2).

- Roza de vexetación, poda de arborado e sinalización nos accesos e entorno de bens culturais (muíños rupestres da Cañoteira e da Lapa do Piñeiro; dos muíños da Presa, do Outeiro e dos Matos, e do castro.)

- Roza de vexetación en diversas rutas de sendeirismo (Camiño do Gabián, dos Matos, do Valiño, camiño do Costal, ruta histórica e etnográfica de Chandebrito). Limpeza e restauración duns 300 m. do antigo camiño dos Matos hacia a igrexa de Camos (nos límites entre as dúas parroquias). Roza de camiños veciñais, como o que comunica a Rúa da Barreira á altura da vivenda núm. 2 e a estrada de Pracíns núm. 6).

- Limpeza de marquesiñas e entorno (Cruce da rúa de Chandebrito coa Rúa das Laxes).

- Reposición duns 30 metros de valo de madeira e roza de maleza na muralla exterior musealizada do Castro e do acceso ao seu cumio.

- Recollida de lixo nas rúas do Torreiro, campo de fútbol e parque forestal.

- Limpeza de fontes de auga de uso público (Cocho de Abaixo, das Laxes, da Penís, etc.).

- Realización de placas de pedra gravadas cos topónimos (nomes tradicionais dos lugares da parroquia) que se colocarán nos muros en lugares visibles dende a vía pública, para o que se asinan convenios de colaboración cos veciños (este ano 2013, realízanse un total de 7 placas con 11 nomes).





Para o ano 2014 realizarase un novo plan de traballo, que agardamos completar a roza  limpeza do monte veciñal lindeiro ás vivendas do barrio das Tomadas; a limpeza de máis rutas de sendeirismo e camiños veciñais; dos muíños de Rodas e da canle do muiño dos Matos. Proseguiremos tamén coa limpeza do acceso e do entorno de petroglifos que están moi descoidados, tales como os da Lapela, a Gabacha, Peneites, As Ventaniñas, etc.). Ademáis, colaboraremos na limpeza de cunetas de viais de uso público, recollida de lixo nestes e no monte e a mellora de fontes de auga, entre outras cuestións.

27/10/13

SEGUNDA FASE DA RESTAURACIÓN E POSTA EN FUNCIONAMENTO DO MUIÑO DOS MATOS



Dende a Asociación "Chandebrito 1807" imos a executar nos vindeiros meses a segunda fase de restauración do muíño dos Matos, situado nas Rozadas, parroquia de Chan de Brito.

Ao igual que na 1ª fase (roza, eliminación de terras e vexetación perxudicial no muiño e no seu entorno, reconstrución das paredes, colocación de tellado, porta e fiestra -tal e como se pode apreciar nas fotografías-), esta actuación é posible grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, á que hai que sumar o voluntariado e o persoal que temos dentro do convenio de realización de TBC.

As obras consistirán en instalación de pezas e mecanismos (moega, quenlla, moa, caixón, sateira, vara, rodicio, etc.), restauración da canle e posta en funcionamento do muíño, e estarán rematadas antes do 31 de marzo de 2014.

Esta actuación enmárcase na recuperación e posta en valor do Camiño dos Matos, un sendeiro que abrangue 4,2 Kms., no que se poden observar outros tres muiños de auga (un deles en funcionamento) e que discorre á beira da parte alta do río Muíños (o máis importante de Nigrán). Outros traballos realizados foron a sinalización, roza e limpeza do camiño (na que colaborou o Concello); edición de trípticos informativos, recuperación dun tramo duns 300 metros do antigo camiño; limpeza do rio e do entorno dos muiños.

Todas aquelas persoas que queiran colaborar neste proxecto, poden dirixirse a este colectivo a través do correo electrónico cmchandebrito@yahoo.es ou chandebrito1807@gmail.com .

18/10/13

Convocatoria de curso de cestería en palla


A Asociación Veciñal de Cultural de Chandebrito, coa finalidade de recuperar e divulgar os oficios tradicionais, organiza un curso - obradoiro de cestería en palla coas seguintes características:



“Creación dun cesto de palla de centeo, empregando as técnicas tradicionais desta nobre arte”

ORGANIZA: ASOCIACIÓN VECIÑAL E CULTURAL “CHANDEBRITO 1807”

ARTESÁN: RUBÉN BERTO COVELO (CARTA DE ARTESÁN: 4045)

DURACIÓN E DATAS: Novembro e Decembro de 2013 e Xaneiro de 2014. Tódolos luns de 18.00 a 20.30 horas (dende o 04/11/2013 ata o 27/01/2014)

Nº DE PARTICIPANTES: 8 min. – 12 máx.

LUGAR: Pranta baixa da antiga Escola de Preescolar de Chandebrito (Rúa da Igrexa, nº 2 – Chandebrito – Nigrán)



TÉCNICA: COSIDO EN ESPIRAL CON PALLA DE CENTEO

ELABORACIÓN DE CESTOS QUE CONTEÑAN GRANS E SEMENTES

MATRÍCULA: Data límite de inscrición: 31 de outubro. Prezo por persoa: 25 € mensuais (10 horas / mes).

Inscricións: Indicando nome e apelidos, núm. teléfono e dirección de e-mail, no teléf. nº. 667 380 223 ou no correo electrónico: chandebrito1807@gmail.com e cmchandebrito@yahoo.es