22/2/19

Demostración gratuíta de cestería tradicional

A Asociación Chandebrito 1807, coa colaboración da Fundación Liste do Concello de Vigo, promove unha demostración de cestería tradicional gratuíta para o luns dia 11 de marzo, en horario de 19:00 a 20:30 horas.

As persoas interesadas en asistir, deberán previamente indicar o seu nome e apelidos, lugar de residencia, núm. de teléfono, e enderezo de correo electrónico enviando un e-mail  con estes datos a chandebrito1807@gmail.com .

Publicación do libro "O que contaron de nós, Chan de Brito no século XX"

En datas recentes publicouse o libro "O que contaron de nós, Chan de Brito na prensa do século XX", escrita o ano pasado por Carlos Gómes e promovida por esta Agrupación.

O caderno, de 32 páxinas, contén unha selección das noticias de maior interese daquelas que integraron a exposición realizada durante varios meses na antiga escola de Chan de Brito, local social desta Asociación dende xullo de 2015. Cada un destes artigos de prensa leva ao seu carón un resume, e algúns deles van comentados polo propio autor.

Naquela ocasión, logo dun importante traballo de búsqueda en nove xornais galegos, escolléronse pouco máis de 70 noticias publicadas en nove xornais galegos durante un século (de 1898 a 1999), época na que o uso da internet no país era inexistente.

Esta iniciativa tivo como obxectivo devolver á veciñanza a memoria histórica da parroquia. Foron ducias de chandebriteños os que visitaron a mostra de noticias, moitas delas descoñecidas pola gran maioría.

Unha das primeiras publicacións sobre o lugar, o 26.05.1891, é o anuncio no Boletín Eclesiástico do Bispado de Tui sobre a subasta de obras de reparación e ampliación da igrexa (cun orzamento base de 3.750 ptas.),

Algunhas relataban sucesos tráxicos, como aquel dia do ano 1903 no que se produciu un tiroteo nas Tomadas contra dous veciños, ou aqueles nos que as festas da parroquia víronse alteradas polas brutais agresións entre algúns dos asistentes. Outras deron a coñecer cuestións moito máis felices, como a creación no 1923 da primeira escola pública, ou do sindicato de agricultores no 1936 –que non durou máis que uns poucos meses, ao estalar a guerra civil-, o da chegada da luz eléctrica no 1953, ou a celebración dunha multitudinaria competición do xogo da chave no 1962. Tamén se seleccionaron recortes de sucesos curiosos, como o premio de 15.000 ptas. concedido no 1959 a unha parella (primeiros veciños dos que saiu foto na prensa) por concebir a 16 fillos. Outro grande bloque de noticias ten que ver coa difusión do interesante patrimonio cultural da zona, que comezou a finais dos anos 1970 e principios dos 80. Pero sen dúbida un dos apartados de maior orgullo para a veciñanza é o do importante traballo desta desenvolto para poder contar con servizos precisos para a colectividade: a rehabilitación da escola, as traídas de auga, os accesos viarios á parroquia…

Aviso dun verquido de residuos na Lapela

Membros da Asociacion Veciñal Chandebrito 1807 deron conta á policia local de Nigran o pasado 8 de febreiro dun verquido de residuos de automóbiles localizado no monte da Lapela desta parroquia, á beira da pista que conduce ao Monte Alba.

Os axentes persoaronse no lugar pouco despois para realizar o informe correspondente.

Este deposito de lixo,  produciuse moi probablemente poucas horas antes, afectando a un regato. Uns dias despois retirouse do lugar.

Desde esta Agrupacion lamentamos q se sigan realizando este tipo de actos q provocan un serio impacto visual e medio ambiental, e fai un chamamento ao uso dos puntos limpos habilitados para elo, como o existente no Porto Molle, en Nigran.


Segunda edición do curso da cesta de vimbio con pau

Logo do éxito de participación no curso de Cestería en vimbio "A cesta con pau" realizado o sábado 2 de febreiro, esta Asociación organizou unha nova edición do mesmo o sábado 16 de febreiro, dando así resposta á demanda de todas e cada unha das persoas interesadas, nada menos que 16, dos cales asistiron 14.

11/1/19

Curso de cestería en vimbio con pau

Esta Agrupación convoca un novo curso de Cestería en vimbio en Chan de Brito "A cesta con pau", previsto para o sábado 2 de febreiro.

As persoas interesadas en asistir ou obter máis información, poden enviar un correo electrónico ao enderezo chandebrito1807@gmail.com , ou chamar ao teléfono núm. 667 380 223.


25/12/18

Solicitude de melloras nos viais de acceso a Vigo



Esta Asociación, logo de recibir queixas da veciñanza, e atendendo ao que establece o artigo 25.2 da Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local, solicitou por escrito hai máis dun mes ao Concello de Nigrán que proceda á maior brevidade posible a realizar as accións necesarias co fin de limpar as marxes e cunetas da Rúa de Chandebrito (especialmente a marxe dereita dun tramo de 1 Km. desde o cruce do Camiño das Pereiras ata o lugar das "Centieiras", no límite coa parroquia de Coruxo) e do Cmño. da Lapela.

Asi mesmo, solicitouse novamente a reposición do asfaltado deste último vial en toda a súa sección (duns 4 m.), cando menos no tramo de 650 metros de lonxitude localizado entre a pista da presa da Lapela e a entrada da canteira, ao tratarse dun acceso a Vigo importante para a veciñanza que se atopa nunhas condicións pésimas (presenta zonas con fochas e terras que causan perigo de atropelos, colisión entre vehículos e outros danos aos mesmos).

Esta Agrupación xa realizou peticións neste sentido en varias ocasións, ademáis da recollida de residuos nas marxes dos viais e actuacións puntuais de limpeza e desatascado de tuberías e cunetas nestes.




10/11/18

IV Festa do muíño e senda dos Matos


Esta Agrupación ven de celebrar as “Actividades etnográficas da senda e muiño dos Matos”, tamén denominada “IV Festa do Muiño dos Matos”, organizada por esta Asociación e coa colaboración económica do Concello de Nigrán.

Realizouse unha charla e partiuse dende o barrio de Pracíns cun roteiro guiado por expertos en historia e natureza da zona hacia este muiño de auga, donde houbo moenda, demostracións, charlas, exposicións, etc.

Dende o comezo da xornada e especialmente, dende o remate do roteiro, e por mor das previsións meteorolóxicas adversas, no local social da antiga escola infantil da parroquia houbo música folck protagonizada por un grupo de gaitas, exposición de pezas de muíños de auga e de fotos, textos, planos, etc. deste e doutros muiños de Galicia; desenvolvemento de oficios tradicionais artesáns (cestería con follato de millo, cesteiro en palla de centeo, zoqueiro), degustación gratuíta de pans bionaturais realizados por un artesán local, e de produtos ecolóxicos elaborados por agricultores da zona coa fariña de cereais.

Despois de 41 anos abandonado (no 1973), volveu funcionar o muiño dos Matos, no que  ademáis de moer millo durante este dia especial, realizouse unha exposición de fotografías antigas relacionadas cos cereais cultivados na zona, de utensilios empregados con estes traballos, de pezas do muiño e de variedades locais de millo.

Esta actividade contou coa participación dun grupo de gaitas vigués, membros ecoloxistas, un muiñeiro, un zoqueiro artesán, un cesteiro, e outros artesáns da contorna, ademáis de agricultores bio da zona, entre outros colaboradores. Ademáis, asistiron como público preto de 40 persoas procedentes da localidade de Nigrán e doutras da contorna (Baiona, Vigo, etc.).


O Muíño de auga, localizado no barrio das Rozadas, da parroquia de Chan de Brito (término municipal de Nigrán), está encravado nun fermosísimo lugar privilexiado e forma parte dun grupo de catro muíños fariñeiros (os outros tres localízanse xa dentro da parroquia de Camos- Nigrán). Ubícase a carón do camiño medieval que percorre os lugares coñecidos tradicionalmente como “Campos do Paso, Os Matos e A Lama”, de grande importancia para a veciñanza de Chandebrito durante centos de anos (ata o 1786 debían pasar por el para ir á igrexa parroquial). Dende o 2005, forma parte imprescindible do sendeiro natural e cultural do “Camiño dos Matos”, do Concello de Nigrán e, dende o punto de vista de interese etnográfico, é moi importante, xa que é un dos muíños máis antigos 11 localizados nesta parroquia (de principios do s. XVIII) e probablemente de todo o municipio de Nigrán (aparece rexistrado no Catastro do marqués da Ensenada no ano 1753). Debido ao seu abandono no 1973, estaba en ruínas, e no ano 2009 esta Asociación conquire a cesión do seu uso e a autorización por parte dos propietarios herdeiros para a súa restauración e uso por este colectivo, obra que ten lugar en xuño de 2013, xa logo de limpar o muíño, contorna e accesos con persoal de traballos en beneficio da comunidade e con voluntariado. No ano 2014 complétase a restauración coa instalación de mecanismos e pezas. O 8 de novembro de 2015 desenvólvese a “I Festa do muíño e senda dos Matos”. En novembro de 2016 realízanse reparacións na quenlla, e na levada, no cubo e a substitución da sateira do muíño para evitar perdas de auga.