7/12/25

Visita da Cooperativa Casa das Redes

A Cooperativa A Casa das Redes, promotora do grupo de xóvenes da comarca O Febeiral visitou a Asociación Chandebrito 1807 o sábado día 6 ás 13:30 horas. «A idea desta iniciativa era crear un espazo común para a xente nova», explican. Un dos seus primeiros proxectos foi crear un mapeo colectivo das entidades sociais, culturais e artísticas que hai no Val Miñor e, este sábado,  divulgárono cunha ruta en autobús que visitou unha boa parte das iniciativas que descubriron.

Así, membros directivos da Asociación Chandebrito 1807 explicaron as actividades que esta leva a cabo e os obxectivos pretendidos, especialmente a colaboración con entidades privadas e públicas e a protección e posta en valor do patrimonio natural e cultural, tanto material como inmaterial.

O vindeiro domingo dia 21 de decembro, esta Agrupación estará presente na Praza do Concello de Baiona, na Feira Social e Artística do grupo de xente nova do Val Miñor Febeiral do Miñor.



5/12/25

Incumprimento do contrato das luces de nadal en Chandebrito


Esta Agrupación Veciñal quere denunciar públicamente o incumprimento do contrato de subministración da iluminación do Nadal 2025-2026 na parroquia de Chandebrito.

Según o anexo de localización de elementos do prego de prescricións  técnicas na parroquia de Chandebrito figura un elemento luminoso 3D de dimensións de 5 metros de altura con forma de estrela no Castro de Chandebrito e tamén un motivo luminoso na fachada da igrexa parroquial.

Como puido comprobarse por parte desta Asociación, estes dous elementos foron instalados no día de hoxe, venres 5, poucas horas antes do acto de encendido anunciado para as 19 horas. Ademais, a estrela contemplada para o Castro foi cambiada por dúas estrelas planas que aínda estando xuntas miden moito menos de 5 metros de altura, aparte de estar colocadas tan baixas que tan só se observa a figura superior desde o núcleo de poboación da Igrexa.

Tamén advírtese da realización de cambios na ubicación dos arcos de luces nalgunha rúa sen estar contemplado no prego e que deixaron resíduos de diversos elementos da instalación sen recoller na cume do Castro.

Este feito é un incumprimento claro do contrato porque o artigo 7 do prego de prescricións técnicas contempla que toda a instalación quede finalizada, lista e comprobada no último fin de semana de novembro.

O contrato do alumeado de nadal deste ano foi adxudicado por decreto do alcalde o 20-08-2025 a Isabel Alfonso Vázquez (nome comercial ALVAZ)  por un importe de 80.465 € a proposta da mesa de contratación.

O feito que esta empresa incumprise o calendario da instalación e elementos contemplado do prego de prescrición técnicas tendo en conta o alto importe do contrato fai dubidar se por parte da mesa de contratación se propuxo escoller a mellor oferta e máis aínda se hai a posibilidade de renovarlle automaticamente o contrato para o vindeiro ano.

21/11/25

Obradoiro de doces artesáns de nadal

O vindeiro luns dia 22 de decembro, en horario de  16:30 a 20:00 h. (aprox.), a Asociación Chandebrito 1807 desenvolverá na antiga escola infantil da parroquia (Rúa da Igrexa núm. 2, Chan de Brito) un Obradoiro de doces artesáns de nadal, cunha duración aproximada de tres horas e media.

Para elo, realizaranse varios produtos: mazapáns de améndoa e pataca, 2 turróns (duro e trufa/ chocolate branco, tronco navideño recheio de caramelo salgado e miso (un toque exótico, umami e diferente), e panettone express / roscón de reis 350 gr.

Todo inclúe recetario impreso, envoltorio e caixiña para levar as elaboracións.

Tan só é necesario que as persoas asistentes leven algúns brics ou moldes para os turróns.

(De regalo vai un paquetiño de galletas Linz, típicas destas datas en Austria e Alemania. Inclúe recetario).


Este taller, organizado por esta Asociación, impartirase, ao igual que en anos anteriores, por unha especialista na materia, Sonia de "Reishi Terapia".

Os gastos son 35 euros por persoa, que inclúen todo o material.

O obxectivo é promover un consumo máis responsable, unha alimentación máis sán, elaborando doces de xeito sinxelo, rápido e natural, e camiño á autosuficiencia.

Pódense realizar as inscricións enviando un correo-e a chandebrito1807@gmail.com cos nomes e apelidos, enderezo de correo-e, núm. de teléfono de contacto, idade, zona de residencia.


As peticións de inscrición realizaranse antes do venres dia 19 de decembro ás 14:00 h., reservándose a praza por orde de recepción das mesmas, ata un aforo máximo de 10 persoas.

Máis info. no tlf. 633363183 ou en www.chandebrito1807.blogspot.com  

18/11/25

Esta Asociación pide que se remunicipalice a limpeza viaria e de praias Considera que co novo contrato a tarifa do lixo chegará aos 160 €

 


Esta Asociación, ante as informacións de irregularidades detectadas no proceso de licitación da contratación do Servizo de recollida de residuos urbanos, limpeza viaria e de praias, tanto ao longo da tramitación nos dous últimos anos, que foi paralizado varias veces polos tribunais, como recentemente, tal como denunciou a mesa de contratación, por un posible trato de favor por parte dun concelleiro co apoio do alcalde a unha das empresas concursantes, pide que se deteña inmediatamente a contratación.

Dada a complexidade do prego de contratación, que pode levar no futuro a incumprimentos da empresa adxudicataria como se está dando co actual servizo, esta Asociación considera que o goberno municipal debe rectificar, paralizando a actual licitación e comezar de cero cun novo prantexamento que leve a elaboración dun novo prego de contratación máis sinxelo que se estableza só para o servizo de recollida de residuos urbanos e remunicipalizar os traballos de limpeza viaria e de praias, limitados estes a uns poucos meses do ano e que pode facer perfectamente o Concello sen costes tan elevados.

O megacontrato de recollida do lixo licitado de chegar a aprobarse polo pleno municipal debido a un interese sospeitoso do goberno municipal pode ser desastroso para as arcas municipais e será en detrimento de cubrir melloras en servizos necesarios e infraestruturas. Un gasto fixo de mais de tres millóns de euros ao ano por un período de dez anos ademais de ser carga pesada para a elaboración dos orzamentos anuais implicará un incremento na taxa de recollida de lixo motivado pola obriga normativa da Unión Europea de repercutir todos os custes do servizo, neste caso dun mal contrato, na tarifa a pagar, co cal pode pasarse no caso das vivendas de 78 € anuais a uns 160 € como mínimo. Isto, engadido a suba do IBI do 20 % desde o 2024, situaría ao Concello de Nigrán como un dos maiores de carga impositiva.




4/11/25

Reclamación contra a taxa de documentos administrativos


Esta Asociación presentou no Rexistro do Concello de Nigrán un escrito de Reclamación á Modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola expedición de documentos administrativos, aprobada provisionalmente polo pleno municipal o 29.07.2025.

Na modificación desta ordenanza fiscal inclúese de forma inadecuada unha tarifa de 23 € pola entrega de cada placa de Vado permanente como si de un documento máis calquera se tratase.

Pretende o alcalde para aprobar esta modificación argumentar que se trata de restablecer unha taxa que xa existía na Ordenanza fiscal reguladora da taxa por entrada de vehículos a través de beirarrúas, ordenanza derrogada desde o ano 2018. Argumentación falsa porque nela contemplábase que as placas de vado permanente, cando se solicitaban por primeira vez, e nos casos de entradas a través de beirarrúas, se entregaban de forma gratuíta, mentres que na proposta de modificación en todos os casos será abonando 23 €.

Carece de sentido incluír a entrega das placas de vado permanente na ordenanza de expedición de documentos administrativos sen aportar unhas normas de xestión que regulen a concesión das licenzas de vados permanentes que debería facerse cunha ordenanza específica que regulase ditas licenzas.

Despois de oito anos seguidos sen cobrar pola entrega das placas de vado permanente pretender facelo agora e de forma incorrecta queda claro que só é cunha finalidade recaudatoria nun concello que desde o ano 2024 está aplicando unha suba do 20% no recibo do Imposto de Bens Inmobles (IBI).


Por todos este motivos, esta Agrupación solicita ao pleno municipal que non aprobe a Modificación da Ordenanza de expedición de documentos administrativos nos termos que se aprobou provisionalmente.

11/10/25

Convocatoria de obradoiro de cestería en vimbio (III)

Esta Agrupación convoca a actividade seguinte:

Obradoiro de cestería en vimbio - Chan de Brito (III), de 20 horas:

- Lugar de celebración: Antiga escola infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa, 2 - Chan de Brito, C.P. 36360 Nigrán)

- Datas: desde o sábado 25 de outubro ata o 27 de decembro (ambos incluidos), durante oito sábados consecutivos (agás o 1 de novembro e 6 de decembro).

- Horario: de 16:30 a 19:00 h (2,5 horas). 

- Mestre: Suso Crespo de Tui, con ampla experiencia na materia.

- Número de participantes
: mínimo de 6 e máximo de 10 por aula.

- Custo: 30 euros mensuais por persoa, a abonar o primeiro día de cada mes do curso (de necesitar material, pagarase aparte na propia aula).

- Criterio de selección: por rigorosa orde de petición de inscrición.

- Inscrición e info.: Enviar correo-e entre o 13 e o 23 de outubro (incluidos) ao enderezo chandebrito1807@gmail.com indicando nome, apelidos, tlf. de contacto.

- De renunciar á participación nesta actividade, rógase que o comuniquen antes do dia de comezo. Do contrario, excluiríase en próximas actividades desta Agrupación.



22/8/25

Apoiamos as peticións da veciñanza para a limpeza do monte lindeiro ás vivendas

Esta Asociación apoia as peticións da veciñanza da parroquia para que se fagan xestións de limpeza do monte veciñal lindeiro coas vivendas, co fin de evitar danos a estas no caso de producirse lumes forestais.

En vista de que a Xunta Rectora da Comunidade de Montes non resposta os escritos presentados hai varios meses para realizar as tarefas de mantemento do monte próximo ás casas, dirixiuse solicitude á Xunta de Galicia para requerirllo, e asi mesmo, o pasado dia 9 de xullo presentouse solicitude ao Concello de Nigrán indicando o seguinte:

O 13.05.2025 entregouse escrito por parte da veciñanza á Comunidade de Montes de Chandebrito pedindo a roza e limpeza do monte desa Comunidade lindeiro ás vivendas.

A dia de hoxe, o único que se limpou foron unhas pequenas faixas do referido monte na contorna das vivendas nº 4 e 6, pero por parte dos propietarios destas.

Esta situación é vista con moita preocupación pola veciñanza desta parroquia, que sufriu as devastadoras e nefastas consecuencias dos lumes forestais, entre outras ocasións, o 15 de outubro de 2017, provocando o falecemento de dúas veciñas do lugar, a queima de dúas vivendas, un autobús, e cando menos dous turismos na mesma zona, ademáis de cuantiosos danos materiais.

O escrito entregado por correo certificado á mencionada Comunidade dí literalmente:

“En vista do deficiente estado de conservación do monte veciñal en man común de Chandebrito, de propiedade desta Comunidade de Montes, e de conformidade ao establecido na vixente Lei 3/2007 de prevención e defensa contra incendios forestais de Galicia, diríxome a Vde. e

Solicítolle que faga as xestións necesarias para realizar as pertinentes tarefas de roza e limpeza do referido monte (no lugar “da Rega”, na parte superior dos inmobles nº 2 a 6 do Camiño da Igrexa; e demáis zonas da parroquia que así o necesiten), creando unha faixa de seguridade de 50 metros de distancia ás vivendas lindeiras con este monte que evite danos e prexuízos graves á veciñanza e ás mencionadas no caso de lumes forestais.

No caso de que chegado o vindeiro 31 de maio, non se executaran os traballos de roza e limpeza sinalados, darase traslado ao organismo competente da Xunta de Galicia para a adopción das medidas necesarias.”

Por elo, e co fin de evitar danos irreparables á veciñanza e aos bens do lugar,  SOLICITA que se requira de urxencia á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chandebrito para a realización das tarefas necesarias de roza e limpeza dos terreos da súa titularidade lindeiros ás vivendas nunha faixa de 50 metros, con referencias catastrais 54035A00900001, 54035A00700042, entre outras.