3/1/26

Solicitamos a execución de obras da senda peatonal na E.P. 2102 entre Chandebrito e Camos

Esta Asociación presentou no dia de hoxe solicitude á Deputación de Pontevedra que dí así:

Na procura de que teñan en conta a nosa petición como algo ineludible e necesario, apelamos a esa parte mais sensible, empática e humana que as veces, as persoas, deixamos de escoitar por priorizar a economía e outros intereses que pouco teñen que ver coa mellora das condicións de vida dos que temos mais preto, a cidadanía.

Seguindo co argumentario, consideramos que non se debe demorar mais o inicio das obras reclamadas, pois ademais do dito na documentación aportada coas sinaturas, constitúen xa de por si un dereito de obrigado cumprimento, pois xogámonos de cotío a vida e a nosa integridade física e mental, cada día e cada hora que temos que facer uso da estrada que nos atinxe, sexa como viandantes ou como condutores. Que dicir cabe que as circunstancias, se non se acomete a obra reclamada ou similar, van a mudar a peor.

Primeiro, porque a actuación que si se está a acometer, a colocación de valos quitamedos pegadas ó firme asfaltado, ó ser a estrada tan estreita, sen liña divisoria de carril sequera, dificulta aínda mais a circulación e maniobrabilidade dos vehículos. Para os peóns, ciclistas e ciclomotores, ó ser os mais desprotexidos e lentos, xa non queda escapatoria posible.

Segundo, pero igual de transcendente, porque ademais do devandito aumento de tráfico experimentado nos últimos anos, por ser unha vía que vertebra poboacións que están crecendo de forma exponencial, Nigrán, Camos, Chandebrito, Vincios ou Valadares, e porque nos vindeiros meses, coa creación do futuro parque forestal Matos-Táboas, esta estrada será a principal vía de acceso ó único parque forestal do Concello de Nigrán.

Se poñen en dúbida algo do que aquí se lles expón, emprazámolos a que veñan nos seus vehículos, que cada vez, para mais contraste, os fabrican mais anchos, a comprobar in situ a veracidade das nosas afirmacións e argumentos.

Emprazámolos, como non, a que se acheguen a esta estrada que lles merece tan pouca importancia. Tanto a vostedes, señoras e señores do ente provincial, como as señoras e señores do Concello de Nigrán, pois a pesares de que agora estes últimos queren apuntarse un tanto cara a galería, polo que se desprende da derradeira nota de prensa enviada a un medio de comunicación, na que eluden toda responsabilidade da paralización dun proxecto do que participaban no 30%, e para mais atrevemento, mentres a cidadanía estamos dando a cara e facendo o traballo que eles tiñan que encabezar, permítense mentir en canto quen está propiciando a recolleita das sinaturas de apoio da petición, branqueando a súa xestión e a das asociacións inoperantes que manteñen, pretendendo aproveitar as coiunturas que os demais coas nosas inquietudes e conciencia, lles brindamos.

Polo anteriormente exposto, e para concluír, SOLICITAMOS que, á maior brevidade posible, e en todo caso, no prazo máximo de tres meses que se estipulan, emitan resolución ó respecto, agardando que a mesma sexa acorde ó noso sentir, e se executen as obras de ampliación, ensanche da EP2102 Vincios – Nigrán ao seu paso polas parroquias de Chandebrito e Camos, co fin de crear unha senda verde peonil que ofreza condicións de seguridade ás moitas persoas que camiñan a diario polo citado vial, xa que actualmente fano pola calzada, sufrindo un grave risco de atropelo e de colisión entre vehículos. Non cesaremos nos nosos esforzos, vainos a vida nelo.

Por todo o exposto, procede a execución solicitada xa.  


A esta solicitude achégase un escrito de apoio asinado por 661 persoas co seguinte texto:

Á iniciativa da veciñanza e demais usuarios que se sinten afectados, os abaixo firmantes, solicitamos ante quen corresponda, o inmediato inicio das obras de ampliación, ensanche e creación dunha senda verde aledaña a estrada EP2102, competencia da Deputación , no tramo comprendido entre o núcleo de poboación do barrio de Vilar, en san Roque de Camos, e o barrio de Pracíns, a altura do cruce das Rozadas, parroquia de Chandebrito. Podendo, se as circunstancias o demandan, ser ampliable a todo o trazado da antedita estrada. 

Esta petición, débese a que na actualidade, ese tramo concreto, ten moito tráfico rodado e ó mesmo tempo, moita itinerancia de persoas camiñando a cotío polas súas beiras, non podendo evitar invadir a estrada en moito do seu percorrido, dada a  sinuosidade e angostura  da mesma, e a que non conta con beirarrúas nin arcén, o que constitúe un perigro constante para os peóns viandantes e para os distintos conductores usuarios do vial. 

Así mesmo, comunicarlles que temos coñecemento de que a actuación reclamada, foi fai tempo anunciada. Pero a día de hoxe, a pesares de ser unha obra crucial para a vertebración, sostenibilidade, fomento de hábitos saludables e por suposto, para  seguridade viaria, segue sendo unha débeda para a ciudadanía da comarca. 

Por todo o exposto, procede a execución solicitada xa.  

31/12/25

O Concello de Nigrán desestima as nosas alegacións á modificación do Imposto de Plusvalías

Esta Asociación lamenta que o grupo municipal do PSOE e o concelleiro do BNG desestimasen as alegacións presentadas por esta entidade veciñal á modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor de terreos de natureza urbana, imposto coñecido popularmente como plusvalías municipais, que afecta tanto as herdanzas como ás ventas.

Esta agrupacion, na súa reclamación propuña que se mantivera, tal e como estaba contemplado na anterior ordenanza fiscal desde o ano 2.000, unha bonificación do 95 % da cuota resultante a pagar para os casos das herdanzas entre cónxuxes, descendentes e ascendentes, por natureza ou adopción, tanto para a vivenda habitual como para os terreos e outras propiedades urbanas.
O PSOE, conxuntamente co representante do BNG, reduciron drasticamente esta bonificación deixándoa só para a herdanza da vivenda habitual do cesante e cumprindo varias condicións restritivas, entre elas que non se poida vender durante 4 anos.
Por outra parte, tamén rexeitaron a alegación presentada que propuña reducir o tipo impositivo alto do 27 %, xa moi próximo ao máximo legal do 30 %, que se debe aplicar á base impoñible resultante dos coeficientes máximos que teña actualizado o Estado para cada período de xeración.
Na opinión desta Asociación, é só afán recaudatorio o que se persegue por parte do actual goberno municipal co apoio do BNG coa aprobación definitiva da ordenanza fiscal deste imposto, o que resultará tremendamente inxusto e gravoso para a economía das familias de Nigrán.


16/12/25

Presentamos reclamación contra a subida do imposto de "plusvalías"

Esta Asociación, ante a Modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana -antigamente denominado "plusvalías"-, aprobada provisionalmente polo Concello de Nigrán, na sesión ordinaria do pleno celebrada o 28-10-2025, e publicado o anuncio de exposición ao público no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra do 03-11-2025, de conformidade coa Lei, ven de presentar unha reclamación, solicitando que non se aprobe definitivamente polo pleno do Concello de Nigrán a Modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto tal como están redactados os artigos 14º das bonificacións e 13º da cota tributaria, e sexan substituídos polas seguintes redaccións:

Artigo 13.-

A cota íntegra deste imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo do 15 %.

A cota liquida do imposto será o resultado de aplicar sobre a cota íntegra, no seu caso, a bonificación a que se refire o artigo seguinte.

Artigo 14.-

Aplicarase unha bonificación do 95 % aos suxeitos pasivos na cota integra resultante do imposto na transmisión de terreos e na transmisión ou constitución dos dereitos reais de goce limitativos do dominio cando sexan realizados a título lucrativo por causa de morte a favor do cónxuxe, descendentes e ascendentes, por natureza ou adopción. Tamén se aplicará esta bonificación ás herdanzas en vida, de pactos de mellora e apartacións. Aos efectos de acollerse a esta bonificación, equiparase ao cónxuxe a quen convivise co causante con análoga relación de afectividade e o acredite mediante certificado de inscrición no rexistro de unións de parellas de feito expedido para o efecto.




13/12/25

Reclamamos novamente medidas para evitar accidentes de tráfico nas estradas de Chandebrito e das Laxes

Esta Asociación ven de presentar solicitude dirixida ao Concello de Nigrán na que se indica:

Que se reciben habitualmente queixas da veciñanza polo perigo que supón a velocidade excesiva á que circulan numerosos vehículos polas Rúas de Chandebrito e das Laxes, ambas na parroquia de Chandebrito e limitadas a 40 e a 30 Kms./h, respectivamente.

Esta situación, que xa se trasladou hai tempo e por escrito ao Concello de Nigrán, é especialmente grave arredor das 9:00, 15:30 e 17:00 horas, de gran afluencia de vehículos nestes viais con motivo dos horarios de funcionamento do Colexio Estudio.  (...) 

Polo exposto, solicita novamente, que se adopten as medidas oportunas co fin de evitar o grave risco de accidentes de tráfico e atropelos de peóns que circulan polas estradas citadas anteriormente. 

Por elo, esta Agrupación veciñal propón as seguintes: 

- Vixilancia pola policía local nos horarios indicados, especialmente entre as 16:30 e as 18:00 horas.

- Contrución de pasos elevados na contorna dos núm. 9 e 29 da Rúa das Laxes, e dos núm. 7, 11 e 23 da Rúa de Chandebrito (lugares con alto risco de accidente), coa súa correspondente sinalización vial vertical e horizontal.

 

Fotografía na que se observa o caos de tráfico na contorna da confluencia das rúas de Chandebrito e das Laxes, limitadas a 40 e a 30 Kms./hora

7/12/25

Visita da Cooperativa Casa das Redes

A Cooperativa A Casa das Redes, promotora do grupo de xóvenes da comarca O Febeiral visitou a Asociación Chandebrito 1807 o sábado día 6 ás 13:30 horas. «A idea desta iniciativa era crear un espazo común para a xente nova», explican. Un dos seus primeiros proxectos foi crear un mapeo colectivo das entidades sociais, culturais e artísticas que hai no Val Miñor e, este sábado,  divulgárono cunha ruta en autobús que visitou unha boa parte das iniciativas que descubriron.

Así, membros directivos da Asociación Chandebrito 1807 explicaron as actividades que esta leva a cabo e os obxectivos pretendidos, especialmente a colaboración con entidades privadas e públicas e a protección e posta en valor do patrimonio natural e cultural, tanto material como inmaterial.

O vindeiro domingo dia 21 de decembro, esta Agrupación estará presente na Praza do Concello de Baiona, na Feira Social e Artística do grupo de xente nova do Val Miñor Febeiral do Miñor.



5/12/25

Incumprimento do contrato das luces de nadal en Chandebrito


Esta Agrupación Veciñal quere denunciar públicamente o incumprimento do contrato de subministración da iluminación do Nadal 2025-2026 na parroquia de Chandebrito.

Según o anexo de localización de elementos do prego de prescricións  técnicas na parroquia de Chandebrito figura un elemento luminoso 3D de dimensións de 5 metros de altura con forma de estrela no Castro de Chandebrito e tamén un motivo luminoso na fachada da igrexa parroquial.

Como puido comprobarse por parte desta Asociación, estes dous elementos foron instalados no día de hoxe, venres 5, poucas horas antes do acto de encendido anunciado para as 19 horas. Ademais, a estrela contemplada para o Castro foi cambiada por dúas estrelas planas que aínda estando xuntas miden moito menos de 5 metros de altura, aparte de estar colocadas tan baixas que tan só se observa a figura superior desde o núcleo de poboación da Igrexa.

Tamén advírtese da realización de cambios na ubicación dos arcos de luces nalgunha rúa sen estar contemplado no prego e que deixaron resíduos de diversos elementos da instalación sen recoller na cume do Castro.

Este feito é un incumprimento claro do contrato porque o artigo 7 do prego de prescricións técnicas contempla que toda a instalación quede finalizada, lista e comprobada no último fin de semana de novembro.

O contrato do alumeado de nadal deste ano foi adxudicado por decreto do alcalde o 20-08-2025 a Isabel Alfonso Vázquez (nome comercial ALVAZ)  por un importe de 80.465 € a proposta da mesa de contratación.

O feito que esta empresa incumprise o calendario da instalación e elementos contemplado do prego de prescrición técnicas tendo en conta o alto importe do contrato fai dubidar se por parte da mesa de contratación se propuxo escoller a mellor oferta e máis aínda se hai a posibilidade de renovarlle automaticamente o contrato para o vindeiro ano.

21/11/25

Obradoiro de doces artesáns de nadal

O vindeiro luns dia 22 de decembro, en horario de  16:30 a 20:00 h. (aprox.), a Asociación Chandebrito 1807 desenvolverá na antiga escola infantil da parroquia (Rúa da Igrexa núm. 2, Chan de Brito) un Obradoiro de doces artesáns de nadal, cunha duración aproximada de tres horas e media.

Para elo, realizaranse varios produtos: mazapáns de améndoa e pataca, 2 turróns (duro e trufa/ chocolate branco, tronco navideño recheio de caramelo salgado e miso (un toque exótico, umami e diferente), e panettone express / roscón de reis 350 gr.

Todo inclúe recetario impreso, envoltorio e caixiña para levar as elaboracións.

Tan só é necesario que as persoas asistentes leven algúns brics ou moldes para os turróns.

(De regalo vai un paquetiño de galletas Linz, típicas destas datas en Austria e Alemania. Inclúe recetario).


Este taller, organizado por esta Asociación, impartirase, ao igual que en anos anteriores, por unha especialista na materia, Sonia de "Reishi Terapia".

Os gastos son 35 euros por persoa, que inclúen todo o material.

O obxectivo é promover un consumo máis responsable, unha alimentación máis sán, elaborando doces de xeito sinxelo, rápido e natural, e camiño á autosuficiencia.

Pódense realizar as inscricións enviando un correo-e a chandebrito1807@gmail.com cos nomes e apelidos, enderezo de correo-e, núm. de teléfono de contacto, idade, zona de residencia.


As peticións de inscrición realizaranse antes do venres dia 19 de decembro ás 14:00 h., reservándose a praza por orde de recepción das mesmas, ata un aforo máximo de 10 persoas.

Máis info. no tlf. 633363183 ou en www.chandebrito1807.blogspot.com