27/6/18

Punto limpo para recollida de residuos na parroquia


O Concello de Nigrán, a través da concesionaria Cespa Ferrovial, ven de estrear un punto limpo móbil que percorrerá todas as parroquias do municipio co obxectivo de facilitar á veciñanza a reciclaxe de pequenos residuos especialmente contaminantes sen necesidade de desprazarse ao punto limpo fixo situado na rúa Gándara.

O sistema consiste nun remolque habilitado para poder depositar en compartimentos diferenciados pequenos electro-domésticos, pilas, aceite, halóxenos, baterías, radiografías ou aerosois, residuos que se xeran en todos os fogares en pequena cantidade pero que raramente os cidadáns achegan ata o punto limpo fixo pese a súa alta toxicidade.

Este punto limpo estará xunto a marquesina de Chan de Brito (no lugar do “Cocho das Entre Paredes”) durante as seguintes datas:

-      Do dia 23 ao 29 de xullo
-      Do 24 ao 30 de setembro
-      A continuación, unha semana enteira cada 9 semanas

Os grandes electrodomésticos, restos de poda, entullos de obra e vidros (agás botes) deben levarse ao punto fixo da Ramallosa, de luns a venres de 16 a 19 horas e venres e sábados de 10.00 a 14.00 h.

A recollida a domicilio de restos voluminosos como mobles ou colchóns pode concertarse coa empresa concesionaria chamando ao teléfono gratuíto 900 700 111.

Esta Asociación repartirá unha guía sobre a correcta clasificación de residuos, para fomentar o coñecemento de cales se poden depositar e como, co obxectivo principal de coidar máis o noso medio ambiente.

No hay comentarios: