ESTADO DE ABANDONO DA PARCELA DA ESCOLA INFANTIL DE CHANDEBRITO
A Asociación de Veciños "Chandebrito 1807", solicitou hai meses e por
escrito ao Concello de Nigrán que realizara de xeito urxente os
necesarios traballos de roza e poda de piñeiros na parcela de
titularidade municipal na que se ubica a antiga escola infantil desta
parroquia (sen actividade escolar dende o ano 2009).
Este terreo, duns
2.000 m2 permanece dende entón en estado de abandono, cos xogos do
parque infantil estragados e o seu terreo forestal ateigado de maleza
(xestas, toxo, etc.), con piñeiros cheos de pólas que caen
constantemente, causando con elo riscos de incendio e de accidentes ao
caer ramallos sobre o citado parque no que xogan os cativos.
Varios pais e nais da parroquia veñen denunciando esta situación, da que
se fixo eco este colectivo, que chegado o caso, e se o propio Concello
non actúa, como é a súa responsabilidade, terá que adoptar medidas,
tales como acondicionar o lugar pola súa conta con voluntarios; ao igual
que está facendo no caso do monte veciñal en man común lindeiro ás
vivendas e tamén no que existen bens culturais, para evitar que no caso
de incendio forestal non cause danos irreparables.
No hay comentarios:
Publicar un comentario