Ante o acordo de aprobación inicial polo Concello de Nigrán do Orzamento Xeral para o ano 2026 na sesión ordinaria do pleno celebrada o 03.03.2026, publicado no BOP do 05.03.2026, esta Asociación ven de presentar reclamación ao mesmo xa que no citado Orzamento non se recolle partida presupostaria algunha para o arranxo e mellora da antiga escola infantil de Chandebrito, un inmoble de titularidade municipal desde o ano 1960 usado desde o 2011 por dúas Asociacións desta parroquia que desenvolven actividades abertas a tódalas persoas.
Neste ben non se executaron obras de conservación, mantemento ou reparación como mínimo desde hai uns 20 anos, polo que se atopa nun deficiente estado de conservación, especialmente o parque infantil (con xogos que causan risco de danos e prezuízos para usuarios); bancos enterrados; papeleiras esnaquizadas; parcela forestal moi descoidada (con abundante matogueira que provoca risco de danos graves no caso de lume forestal); tellado estragado en edificación anexa (con desprendementos de tellas que poden causar danos ás persoas en caso de ventos fortes); piso de corcho moi deteriorado e levantado (provocando tropezóns); carencia de rodapés; pintura das paredes interiores e entre as dobres fiestras en moi mal estado e con suciedade; mobiliario moi estragado (mesas, armario e outros); carencia de aseos no baixo; xuntas da soleira de pedra no exterior da parte superior da edificación sen tomar con cemento (motivando que as herbas medren a carón do inmoble); valos coa pintura estragada; partes metálicas oxidadas; cancela de acceso ao parque estragada e tirada; peche de finca con aramado moi deteriorado (provocando risco de caídas desde varios metros de altura sobre a vía pública); etc.
Este mal estado de conservación provoca risco de danos e prexuízos a todas as persoas usuarias, polo que esta Asociación presentou diversas solicitudes no rexistro do concello de Nigrán para que se adoptaran medidas dirixidas a frear o deterioro deste inmoble, solucionar as eivas sinaladas, garantindo a seguridade, salubridade e accesibilidade, e así tratar de evitar os riscos para a poboación. Estas solicitudes, presentadas no rexistro municipal en novembro de 2015, maio de 2016, o 07.02.2017, o 09.12.2020 (xunto cunha memoria valorada), e o 27.05.2025, entre outras, non foron atendidas polo momento.
A principios deste ano, volvéuselle solicitar directamente a
mellora deste ben ao Sr. Alcalde, respostando este que o goberno estaba traballando
nos orzamentos deste exercicio, e que se contemplaría a dotación necesaria para
atender este asunto, que el consideraba necesario, polo que adquiriu unha
obriga ao respecto.
Trátase do único inmoble do Concello de Nigrán na parroquia de Chandebrito que pode ser obxecto de uso por parte da administración como local electoral nas eleccións europeas, xerais, autonómicas e local. De feito, utilízase para tal fin desde o ano 1979.
Ademáis, é un inmoble cun importante valor histórico e etnográfico para a veciñanza e a vida da citada parroquia, construido no ano 1918 e con actividade educativa pública documentada desde o ano 1923 (máis información en https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/9464346.pdf ), que se atopa formando parte e na contorna dun conxunto de bens inventariados do patrimonio cultural (igrexa parroquial, reitoral, palco e torreiro da festa).Por elo, solicitouse ao Concello de Nigrán que non se aprobe definitivamente polo pleno o Orzamento Xeral para o exercicio 2026 tal e como se atopa, e se recolla unha partida orzamentaria para o arranxo e mellora da antiga escola infantil de Chandebrito, de titularidade municipal, polos motivos expostos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario