Desde esta Asociación criticamos duramente a utilización do Consello Sectorial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Nigrán ao antollo do alcalde e equipo de goberno, xa que a asemblea do citado órgano convocouse e celebrouse no dia de onte de xeito fraudulento, ao non ser notificado a todos os membros (entre eles a esta Asociación), non entregárselle a dia de hoxe documentación algunha en soporte papel a todas as Asociacións (tal e como anunciou o alcalde publicamente hai varios dias), informar só con poucos dias de antelación da máis que recente colocación na sede electrónica do Concello dos planos e demáis documentos do referido planeamento cuxo contido sufriu cambios sustanciais desde o borrador que se expuso polas parroquias no ano 2023 cara a futura aprobación provisional (e xa non digamos, da variación con respecto á aprobación inicial do 2013), e ao realizar unha mera reunión informativa e non actuar como órgano de verdadeira participación veciñal que debería emitir informes e dictámenes a someter á corporación.
En todos estes anos o alcalde e presidente do Consello non o convocou coa frecuencia que establece o acordo do propio pleno (do ano 2008), nin tampouco se actualizou os membros que forman parte do referido órgano, co que éste é irregular, ademáis de tratalo como un grupo de persoas ás que simplemente se lles informa das liñas xerais deste importante instrumento de ordenación.
No ambiente deste Consello Sectorial palpouse que varios colectivos non están de acordo en cómo se tramitou o asunto, xa que non se lles dá marxe a estudar e analizar con tempo o PXOM. O Alcalde que practicamente non dixo nada, ante o descontento manifestado por aqueles, unha vez máis non deu a cara e fuxiu pola porta de atrás, abandonando o salón de sesións.
Ante este atropelo, algúns dos membros do citado órgano municipal alí presentes formularon un escrito solicitando ao pleno que se aprace ata o mes de setembro a aprobación do Plan Xeral por este, prevista para o vindeiro 1 de xullo, co fin de poder estudar o documento cun mínimo de garantías. Desde esta Asociación agardamos que o alcalde e demáis membros do goberno apliquen o sentido común e atendan as nosas demandas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario