16/12/20

Solicitude de convocatoria do Consello Sectorial do PXOM de Nigrán

No ano 2008 o Concello de Nigrán creou o Consello Sectorial do Plan Xeral de Ordenación Muncipal, órgano que segue a estar vixente, pero que desde hai uns dez anos só se convocou en contadas ocasións para ser informado de forma xeral polo goberno municipal, pero non para non para a participación efectiva, asesoramento, consulta, proposta, información e debate nas cuestións relacionadas con PXOM.

Tendo en conta o establecido no Regulamento orgánico aprobado o 28.05.2008 coa finalidade de regular este órgano para canalizar a participación da veciñanza na tramitación do referido documento urbanístico, a Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 (que forma parte do mesmo) ven de solicitar ao Concello de Nigrán por escrito que se convoque o Consello Sectorial do PXOM para a participación efectiva, asesoramento, consulta, proposta, información e debate nas cuestións importantes relacionadas co Plan Xeral. 

9/12/20

Instamos ao Concello de Nigrán a reparar deficiencias en lugares públicos de Chan de Brito

No dia de hoxe, a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 ven de solicitar por escrito ante o Concello de Nigrán que se realicen os arranxos e melloras oportunas en varios viais municipais da parroquia de Chan de Brito, amplamente solicitadas pola veciñanza e que teñen na maior parte dos casos a finalidade de evitar posibles danos e prexuízos aos usuarios das mesmas ao existir defectos que causan perigo.

En concreto, e de xeito resumido, as actuacións son as seguintes;

-  Corrección de fochas na rede de sumidoiros na Estrada de Chandebrito.

-  Modificar valo metálico e posta en rasante de muro localizados na estrada na Rúa da Igrexa 9

-  Arranxo de valo métálico na Estrada de Chandebrito, sito a uns 500 metros desde o límite con Coruxo

-  Adecuación de dous noiros ubicados na Rúa da Igrexa, que causan desprendementos.

-  Substitución dunha superficie de 140 m2 de asfalto por adoquinado de pedra na Rúa da Igrexa, entre os números 41 e 24, no lugar das Eiras, ao tratarse dun dos núcleos poboacionais máis antigos da parroquia e ao atoparse o pavimento actual moi deteriorado e con moitos parches de cemento.

-  Pintado de dúas marquesiñas nas paradas de bus ubicadas na Rúa de Chandebrito

-  Arranxo de camiño entre a estrada de Pracíns e o lugar do Horto.

-  Colocación de placas indicadoras estragadas dos viais municipais Camiño das Pereiras e Estrada de Chandebrito.

-  Arranxos na parcela municipal sita na R/ Igrexa núm. 2, na que se localiza a antiga escola e parque infantil: tellado edificación auxiliar, cancela e peche do parque, pintado de paredes, reparación do piso. Remitiuse memoria valorada das obras que se consideran máis necesarias, que ascenden a un importe total de 5.521, 23 € (IVE incluido).

Algunhas das actuacións citadas anteriormente, en especial a primeira e a última, trátanse de reivindicacións realizadas por esta Agrupación desde hai varios anos, xa que o estado de conservación das instalacións referidas é deplorable, sen que polo momento fosen atendidas polo goberno municipal.

Importantes fochas sobre a rede de saneamento na Estrada de Chandebrito

Barreira metálica perigosa por deficiencias graves na Estrada de Chandebrito a Coruxo

Muro e valo que causan importante risco de accidentes na Rúa da Igrexa 9

Deficiencias na cancela do parque da escola infantil, actualmente tirada no chan

Deficiencias no tellado de edificación auxiliar da escola infantil, con perigo por desprendemento de tellas

Deficiencias no peche do parque da escola infantil, con risco de caidas á vía pública desde gran altura