6/10/23

INFORMACIÓN Á VECIÑANZA SOBRE O PXOM DE NIGRÁN


A Asociación Veciñal “Chandebrito 1807” co obxecto de fomentar a transparencia sobre un documento tan importante e transcendental como o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vai ter o local utilizado por esta asociación, na antiga Escola Infantil de Chan de Brito, aberto os LUNS de 19 A 20 HORAS para informar e aclarar dúbidas á veciñanza que o desexe sobre o PXOM exposto parcialmente na páxina web do Concello respecto á parroquia de Chan de Brito.

Esta Agrupación, ante a demanda de citas para consultas cos técnicos municipais, para comunicar erros ou observacións así como aclarar dúbidas respecto ao documento exposto, pide que se amplie o prazo destas consultas. Así mesmo, aconsella que, ademais dos erros e os cambios non xustificados detectados respecto o documento de aprobación inicial, se presenten polo rexistro do Concello sen prexuízo de que sexa necesaria unha nova exposición pública para que a cidadanía de Nigrán poida alegar o que considere oportuno ao haber cambios substanciais entre o documento da aprobación inicial e definitiva.

Por outra banda, este mesmo colectivo volve a insistir que o documento do PXOM exposto na web municipal debe expoñerse completo, como é de obriga legal, e non parcialmente como fai o goberno municipal, ao cal lle falta a transparencia da que pretende presumir.  Así, na citada páxina web deste documento están colgadas unhas sabas por parroquias, nas que non se distinguen os graos do solo de núcleo rural común, e algunhas fichas máis,  pero faltan os documentos do Catálogo, da Estrutura Xeral e Orgánica e da Clasificación dos solos rústicos, entre outros. O documento da normativa urbanística está incompleto, polo que figura como un borrador.


Pódese mirar o vídeo do acto público realizado o venres dia 29 de setembro de 2023 clicando no seguinte enlace da internet:

https://www.youtube.com/watch?v=vvla7NEUI5I