9/11/23

Resposta ás declaracións do alcalde sobre a modificación do IBI

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 ante as declaracións do alcalde de Nigrán despois do pleno que acordou a suba do Imposto de Bens Inmobbles (IBI), afirmando que “O goberno de Nigrán aprobou restablecer o 0,6 % do coeficiente do IBI urbano que rexeu ata 2016” quere manifestar que non dixo a verdade e que só pretendía xerar confusión entre os cidadáns manipulando os datos.

O tipo do gravame urbano do IBI ata o exercicio 2011 foi do 0,50% e mediante acordo plenario do 24-10-2011 gobernando o PP en Nigrán incrementouse ata o 0,52 %. Así entre os exercicios do 2012 e 2015 ambos incluídos o tipo de gravame mantívose no 0,52 % e se neses tres exercicios aplicouse no primeiro o 0,572 % e nos dous seguintes o 0,60 % non foi porque o acordara o pleno municipal senón que foi consecuencia da medida aprobada polo goberno central do PP presidido por Rajoy para sanear os Concellos cando se puxo en marcha os Plans para o Pago a Proveedores.

Máis grave aínda foi a afirmación de que “Fue precisamente este gobierno quien decidió bajar el coeficiente al 0,5 % al ser posible en ese momento esa rebaja” porque quen propuxo a rebaixa do tipo do 0,52 % ao 0,50 % na sesión do pleno municipal do 29-10-2015 para o exercicio 2016 e seguintes foi o concelleiro de UCN, aprobándose co voto en contra do alcalde e todo o grupo do PSOE que estaba en minoría nese momento. Calquera cidadán pode comprobalo leendo a acta desa sesión plenaria.

Esta Asociación Veciñal, ante tanta desinformación por parte do goberno municipal, realizará unha campaña informativa e non descarta presentar unha Reclamación contra esta modificación da ordenanza fiscal que vai supoñer un incremento do 20 % neste imposto.



3/11/23

Denunciamos a subida do IBI que pretende o goberno de Nigrán

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 denuncia publicamente o abusivo incremento do tipo de gravame ata o 0'60 % (a proposta inicial era do 0,65 %) que pretende realizar o goberno municipal de Nigrán no imposto de bens inmobles, IBI (popularmente coñecido como Contribución urbana), e que aprobou inicialmente, co voto a favor do PSOE, no pleno hoxe venres día 3 as 8:30 da mañá, convocado de xeito urxente sen publicidade e para unha hora na que a maioría da cidadanía non podía asistir ao salón de sesións.

Consideramos que Non ten sentido que se realizase un pleno extraordinario despois de celebrar un ordinario tres días antes, no que se puido incluír este asunto, e isto só pode ser debido a que non se quere informar públicamente, ademais de supoñer un importante gasto para as arcas municipais polas indemnizacións aos concelleiros pola asistencia ao pleno.

Esta Agrupación realizará unha campaña de información á veciñanza sobre este despropósito, que vai repercutir moi negativamente nas economías domésticas das familias, moitas delas con dificultades para chegar a fin de mes), ao ter que pagar 100 € máis por unha vivenda cun valor catastral de cen mil euros.

En relación aos municipios da contorna, os valores catastrais en Nigrán son moi elevados, de ahí que durante moitos anos se mantivera o tipo de gravame do 0'40 %, actualmente no 0'50, e que pasará ao 0'60 % de aprobarse definitivamente, polo que consideramos que non procede ningunha subida máis, e pedimos ao goberno municipal que rectifique e non se expoña ao público para que non se aprobe definitivamente.