13/9/22

Proxecto de valorización da fraga dos muíños de Rodas

A Asociación Chandebrito 1807 congratúlase de que o Concello de Nigrán, coa financiación da Deputación de Pontevedra, apoie finalmente a solicitude que realizou esta Agrupación no seu dia, hai agora uns catro anos, para valorizar a contorna dos muíños de Rodas, na parroquia de Chan de Brito.

Esta Asociación ía máis alá da actuación realizada polo momento, tal e como consta no proxecto presentado ao respecto no Concello de Nigrán, e publicabamos o dia 12.07.2018 a seguinte nota de prensa:

No dia de onte, a Asociación Chandebrito 1807 presentou no Concello de Nigrán o proxecto sobre a posta en valor da fraga e muíño de Rodas, en Chan de Brito, xunto coa solicitude de colaboración para executar esta interesante actuación.

Agardamos obter o apoio e axuda da administración local, xa que sen ela, non sería posible poder desenvolver o citado proxecto, debido á carencia de recursos por parte desta Agrupación sen ánimo de lucro. Por outra banda, cabe salientar que este asunto forma parte do programa electoral deste goberno para o mandato 2015-2019.

Con esta actuación, esta Asociación, que leva máis de dez anos traballando na divulgación, conservación e valorización do patrimonio, pretende poñer en valor unha das zonas de maior beleza e interese etnográfico e medioambiental da parroquia, ao igual que xa fixo hai uns anos co lugar dos Matos e das Loureiras, donde recuperou dous dos muíños de auga máis antigos do municipio, xa que, ao igual que o muíño de Rodas de Arriba, foron construidos a principios do século XVIII.

Nas fotografías pódese apreciar o proxecto e solicitude presentada, xunto á fraga e o muíño de arriba de Rodas


Máis información en: