26/4/22

II Ruta de recoñecemento de plantas e froitos silvestres de Chan de Brito

O sábado dia 30 de abril, desde as 16:30 ata as 19:30 horas realizarase a II Ruta de recoñecemento de plantas e froitos silvestres comestíbeis, con saída e chegada na antiga escola infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa núm. 2).

Plantas e froitos silvestres medran de forma natural e espontánea, e aportan ao noso organismo elementos nutritivos de alto valor biolóxico, vitaminas, sales minerais e outras moitas substancias activas de propiedades preventivas e curativas, que na súa inmensa maioría, están ainda por descubrir.

As plantas silvestres teñen máis vitalidade e mellor calidade biolóxica, ademáis de posuir mellor capacidade de adaptación ao medio que as de cultivo. Esta calidade da que gozan os vexetais consiste na adaptación ás condicions especiais e ambientais do hábitat onde medran. Ofrecendo os nutrientes e os elementos protectores máis axeitados para as persoas da súa zona, sempre que medren sen sufrir grandes danos a causa dos fertilizantes químicos e fumigacións tóxicas, coma os pesticidas.

Pasaremos unha xornada identificando e degustando prantas silvestres comestíbeis con César, e ao final poderemos compartir merenda co que traiamos cadaquén e/ou o que apañemos

Nesta actividade organizada pola Asociación Chandebrito 1807 non é necesario inscribirse, e ten un prezo Libre (cada participante pon o valor en función da calidade da información, profesor, entorno, a súa economía, etc.).