24/11/13

Solicitude de mellora de pistas forestais na parroquia



Ante as queixas dos veciños da zona, debido ao mal estado de conservación no que se atopan as seguintes pistas forestais do monte veciñal “Regamán”, no barrio da Igrexa desta parroquia; esta Asociación solicitou o 20 de novembro á Consellería do Medio Rural que se adopten medidas oportunas coa finalidade de proceder ao seu arranxo:

-          As Chans dos Cruceiros (xunto ao muíño) – A Penís – O Horto (Pracíns)
-          A Penís – Outeiro Redondo (límite coa CMVMC de Vincios- Gondomar)
-          Lapela (á altura do encoro de auga) – Socrasto – Pista das Regueiras

Esta situación, provocada en gran medida polas intensas choivas de principios deste ano, agravouse, no caso da 1ª das pistas mencionadas, coa circulación por elas de tractores que realizaron cortas de arborado nos terreos da propiedade da Comunidade de Montes de Chan de Brito, polo que consideramos se debería requerir a reparación destas á empresa adxudicataria dos traballos.
  
Nos próximos dias porémonos en contacto cos responsables da mencionada Consellería para tratar de solventar este problema á maior brevidade posible, xa que os directivos da Comunidade de Montes non parecen ter interese neste asunto.

14/11/13

Visitas polo Camiño dos Matos no mes de novembro

O sábado 23 de novembro a partires das 10.30 da mañá, o Concello organizará unha ruta de sendeirismo polo camiño dos Matos, na que os asistentes visitarán o muíño restaurado pola nosa Asociación.

Ademáis, o dia seguinte, o domingo 24, partiremos aproximadamente ás 11.00 h. dende o mesmo lugar nunha visita organizada pola Asociación Cultural "O Coto" de Cabral, na que participarán ducias de nenos e nenas de Vigo, co obxectivo de ensinar aos cativos a importancia do respeto ao patrimonio cultural e natural da zona.

Durante o ano 2014, ademáis de realizarse a 2ª fase de restauración do muíño dos Matos para a súa posta en funcionamento, vaise a executar un paseo natural á beira do río Muiños dende o seu nacente en Chan de Brito. Actualmente estamos traballando na roza de maleza neste río, así como o arranxo do camiño polo que transcorre a ruta co fin de que non se formen pozas de auga no mesmo.

Propostas á Garda Civil para a mellora da seguridade na parroquia

Dende a Asociación Veciñal "Chandebrito 1807" manteremos nestes dias unha xuntanza con responsables da garda civil, na que realizaremos diversas propostas para a mellora da seguridade na parroquia a varios niveis. Por elo, agradeceríamos a todas as persoas interesadas que nos fixeran chegar suxerencias para trasladarllas a aqueles.

4/11/13

III Xornadas Micolóxicas o 16 de novembro

XORNADA MICOLÓXICA




A asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", organiza por terceira vez dende a súa fundación unha xornada de micogastronomía. A cita será o sábado dia 16 de novembro na "Lonquexa do Gañán" (Prado, núm. 80- Morgadáns- Gondomar) e guiarase polo experto José Luis Tomé Ortega, membro da Asociación Micolóxica “Brincabois” de Pontevedra, relator en múltiples cursos micolóxicos e autor de diversos artigos especializados en cociña de cogumelos.

O obxectivo desta xornada é presentar a riqueza micolóxica de Galicia xunto ao seu valor ambiental, económico e culinario. Dentro do gastronómico amosaranse os cogumelos comestibles cos seus diferentes sabores e matices únicos que ofrecen novas posibilidades á cociña galega. En definitiva, a idea é que os asistentes coñezan os distintos pratos e preparacions con cogumelos, pero esquecer la sustentabilidade deste recurso natural dos nosos montes.

Está dirixido a todo tipo de público, pero con especial interese para os afeccionados á micoloxía e gastronomía.



Dende as 10.30 h. ata as 13.30 h. da mañá realizarase a saída ao monte para a identificación e recollida de cogumelos. A partir das 16.00 h. terá lugar a exposición co material recollido. Ás 19.00 h. haberá unha charla; e para rematar, ás 20.00 h. procederase á degustación de diversos tipos de cogumelos.



Os interesados teñen ata o día 13 de novembro para inscribirse. O prezo é de 15 euros por persoa.



Pódese consultar a información na páxina web da asociación www.chandebrito1807.blogspot.com ou chamando ao núm. de teléfono 667380223.

28/10/13

TRABALLOS DESENVOLVIDOS CON PERSOAL DE TBC

Ante a falta de interese da Xunta Rectora da Comunidade de Montes de Chandebrito en manter o monte de xeito correcto; a Asociación "Chandebrito 1807" está desenvolvendo traballos diversos no mesmo para protexer e poñer en valor o patrimonio cultural e natural que temos na parroquia de Chan de Brito, entre outras cuestións.

Por elo, a principios de 2013, realizamos un extenso plan de traballo para todo o ano, a executar con persoal que debe cumplir penas con traballos en beneficio da comunidade e que abrangue entre outras, as seguintes actuacións:

- Roza de maleza no monte veciñal, arredor das propiedades particulares (nos barrios da Igrexa e de Pracíns) e da escola infantil (rúa da Igrexa núm. 2).

- Roza de vexetación, poda de arborado e sinalización nos accesos e entorno de bens culturais (muíños rupestres da Cañoteira e da Lapa do Piñeiro; dos muíños da Presa, do Outeiro e dos Matos, e do castro.)

- Roza de vexetación en diversas rutas de sendeirismo (Camiño do Gabián, dos Matos, do Valiño, camiño do Costal, ruta histórica e etnográfica de Chandebrito). Limpeza e restauración duns 300 m. do antigo camiño dos Matos hacia a igrexa de Camos (nos límites entre as dúas parroquias). Roza de camiños veciñais, como o que comunica a Rúa da Barreira á altura da vivenda núm. 2 e a estrada de Pracíns núm. 6).

- Limpeza de marquesiñas e entorno (Cruce da rúa de Chandebrito coa Rúa das Laxes).

- Reposición duns 30 metros de valo de madeira e roza de maleza na muralla exterior musealizada do Castro e do acceso ao seu cumio.

- Recollida de lixo nas rúas do Torreiro, campo de fútbol e parque forestal.

- Limpeza de fontes de auga de uso público (Cocho de Abaixo, das Laxes, da Penís, etc.).

- Realización de placas de pedra gravadas cos topónimos (nomes tradicionais dos lugares da parroquia) que se colocarán nos muros en lugares visibles dende a vía pública, para o que se asinan convenios de colaboración cos veciños (este ano 2013, realízanse un total de 7 placas con 11 nomes).





Para o ano 2014 realizarase un novo plan de traballo, que agardamos completar a roza  limpeza do monte veciñal lindeiro ás vivendas do barrio das Tomadas; a limpeza de máis rutas de sendeirismo e camiños veciñais; dos muíños de Rodas e da canle do muiño dos Matos. Proseguiremos tamén coa limpeza do acceso e do entorno de petroglifos que están moi descoidados, tales como os da Lapela, a Gabacha, Peneites, As Ventaniñas, etc.). Ademáis, colaboraremos na limpeza de cunetas de viais de uso público, recollida de lixo nestes e no monte e a mellora de fontes de auga, entre outras cuestións.

27/10/13

SEGUNDA FASE DA RESTAURACIÓN E POSTA EN FUNCIONAMENTO DO MUIÑO DOS MATOS



Dende a Asociación "Chandebrito 1807" imos a executar nos vindeiros meses a segunda fase de restauración do muíño dos Matos, situado nas Rozadas, parroquia de Chan de Brito.

Ao igual que na 1ª fase (roza, eliminación de terras e vexetación perxudicial no muiño e no seu entorno, reconstrución das paredes, colocación de tellado, porta e fiestra -tal e como se pode apreciar nas fotografías-), esta actuación é posible grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra, á que hai que sumar o voluntariado e o persoal que temos dentro do convenio de realización de TBC.

As obras consistirán en instalación de pezas e mecanismos (moega, quenlla, moa, caixón, sateira, vara, rodicio, etc.), restauración da canle e posta en funcionamento do muíño, e estarán rematadas antes do 31 de marzo de 2014.

Esta actuación enmárcase na recuperación e posta en valor do Camiño dos Matos, un sendeiro que abrangue 4,2 Kms., no que se poden observar outros tres muiños de auga (un deles en funcionamento) e que discorre á beira da parte alta do río Muíños (o máis importante de Nigrán). Outros traballos realizados foron a sinalización, roza e limpeza do camiño (na que colaborou o Concello); edición de trípticos informativos, recuperación dun tramo duns 300 metros do antigo camiño; limpeza do rio e do entorno dos muiños.

Todas aquelas persoas que queiran colaborar neste proxecto, poden dirixirse a este colectivo a través do correo electrónico cmchandebrito@yahoo.es ou chandebrito1807@gmail.com .

18/10/13

Convocatoria de curso de cestería en palla


A Asociación Veciñal de Cultural de Chandebrito, coa finalidade de recuperar e divulgar os oficios tradicionais, organiza un curso - obradoiro de cestería en palla coas seguintes características:



“Creación dun cesto de palla de centeo, empregando as técnicas tradicionais desta nobre arte”

ORGANIZA: ASOCIACIÓN VECIÑAL E CULTURAL “CHANDEBRITO 1807”

ARTESÁN: RUBÉN BERTO COVELO (CARTA DE ARTESÁN: 4045)

DURACIÓN E DATAS: Novembro e Decembro de 2013 e Xaneiro de 2014. Tódolos luns de 18.00 a 20.30 horas (dende o 04/11/2013 ata o 27/01/2014)

Nº DE PARTICIPANTES: 8 min. – 12 máx.

LUGAR: Pranta baixa da antiga Escola de Preescolar de Chandebrito (Rúa da Igrexa, nº 2 – Chandebrito – Nigrán)



TÉCNICA: COSIDO EN ESPIRAL CON PALLA DE CENTEO

ELABORACIÓN DE CESTOS QUE CONTEÑAN GRANS E SEMENTES

MATRÍCULA: Data límite de inscrición: 31 de outubro. Prezo por persoa: 25 € mensuais (10 horas / mes).

Inscricións: Indicando nome e apelidos, núm. teléfono e dirección de e-mail, no teléf. nº. 667 380 223 ou no correo electrónico: chandebrito1807@gmail.com e cmchandebrito@yahoo.es

26/9/13

A Asociación require ao Concello que acondicione a parcela e o parque da escola infantil

ESTADO DE ABANDONO DA PARCELA DA ESCOLA INFANTIL DE CHANDEBRITO

A Asociación de Veciños "Chandebrito 1807", solicitou hai meses e por escrito ao Concello de Nigrán que realizara de xeito urxente os necesarios traballos de roza e poda de piñeiros na parcela de titularidade municipal na que se ubica a antiga escola infantil desta parroquia (sen actividade escolar dende o ano 2009).

Este terreo, duns 2.000 m2 permanece dende entón en estado de abandono, cos xogos do parque infantil estragados e o seu terreo forestal ateigado de maleza (xestas, toxo, etc.), con piñeiros cheos de pólas que caen constantemente, causando con elo riscos de incendio e de accidentes ao caer ramallos sobre o citado parque no que xogan os cativos.

Varios pais e nais da parroquia veñen denunciando esta situación, da que se fixo eco este colectivo, que chegado o caso, e se o propio Concello non actúa, como é a súa responsabilidade, terá que adoptar medidas, tales como acondicionar o lugar pola súa conta con voluntarios; ao igual que está facendo no caso do monte veciñal en man común lindeiro ás vivendas e tamén no que existen bens culturais, para evitar que no caso de incendio forestal non cause danos irreparables.

CHARLA SOBRE O PXOM EN CHANDEBRITO O 13 DE SETEMBRO

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" organiza unha charla informativa sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Nigrán no seu local social (antiga escola infantil de Chandebrito) o vindeiro venres dia 13 de setembro a partires das 19.00 horas.

Esta Asociación, tras estudar os documentos que compoñen o PXOM, ten intención de presentar alegacións ao mesmo no trámite de información pública da súa aprobación inicial (ata o 4 de outubro), ao conter numerosos e importantes erros, non recoller 38 bens culturais e tamén para solicitar a ampliación do solo de núcleo rural para favorecer aos veciños/as; aínda que estas alegacións tamén van a depender do que opine e decida a maioría dos veciños/as desta parroquia.

Asi mesmo, anima aos veciños a que presenten as alegacións que consideren oportunas, para o que prestará a súa total disposición e colaboración gratuitamente co apoio dun técnico.

27/8/13

Curso de manexo do estrés e das emocións: Taller de Risoterapia

A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" oferta para o mes de setembro un curso de manexo do estrés e das emocións: taller de risoterapia, dirixido a persoas adultas, no local social desta Asociación (Escola de Infantil de Chandebrito, na rúa da Igrexa, núm. 2).

O taller introductorio desenvolverase os dias 12, 19, 26 de setembro e 3 de outubro en horario de tarde, dúas horas diarias (a partires das 19.45).

O número de participantes será un mínimo de 10 e un máximo de 20 persoas.

O prezo deste curso (co-financiado por esta Asociación), é de 30 euros en total por persoa.

Os obxectivos desta actividade son:

- Coñecer os beneficios das emocions positivas e a relaxación a nivel físico, mental e emocional.
- Desbloquear tensions facilitando a expresión de sentimentos variados: pasalo ben nas sesions, relaxarse.
- Agudizar a percepción enxeñosa e positiva: flexibilizar o pensamento.
- Aprender a utilizar a relaxación e as emocions positivas como autoterapia.
- Experimentar a risa interior: adquirir unha disposición ao bo humor a través do autocoñecemento.

As inscricións faranse ata o luns dia 9 de setembro a través do correo electrónico chandebrito1807@gmail.com ou no teléfono núm. 667 380 223.


9/8/13

Roteiro polos Matos o 12 de agosto

A Asociación Chandebrito 1807 colaborará co Concello de Nigrán na ruta dos Matos, organizada para o vindeiro luns dia 12 de agosto, que sairá ás 18.00 dende o Concello de Nigrán, para saír a pé aproximadamente ás 18.15 h. do punto de partida (Estrada de Pracíns, á altura do barrio de Pracíns).

Neste percorrido duns 4,2 Kms. pola parte alta do río Muíños, visitarase o muiño dos Matos e o antigo camiño medieval coa súa pontella do "Gancholo", recentemente recuperados e sinalizados por esta Asociación, así como o interior do muiño Darriba de Táboas (en funcionamento), o do medio e o de abaixo (en ruinas).

Para elo, editáronse trípticos informativos nos que se sinalan aspectos históricos do camiño, os lugares de interese, etc.

3/6/13

FESTAS DO CRISTO EN CHANDEBRITO

O vindeiro fin de semana (do 7 ao 9 de xuño) celebraranse as tradicionais festas do Cristo de Chandebrito.

O venres dia 7 a partires das 22.30 horas actuarán o grupo Limón e a orquestra Olympus.

O sábado dia 8 ás 13.00 terán lugar as típicas poxas de produtos agrícolas e a actuación do grupo de gaitas de Chan de Brito. Ás 16.30 h. haberá animación infantil a cargo de "Trova Animación". Ás 18.00 h. actuará o Coro mixto "Stella Maris" e a Charanga "Vai de Baile". Pola noite grandiosa verbena amenizada polo grupo América S.L. e a orquestra Filadelfia.

O domingo dia 9 ás 10.30 h. entrada e pasarúas a cargo da Banda de Música de Vincios. Pola noite, a partires das 20.30 h. a verbena contará coa citada agrupación e o grupo Iris.

Estas festas reciben unha importante axuda da Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807" (venta de rifas, colocación de carteis, cesión de persoal para preparativos, solicitude de subvencións e outorgamento de axuda económica para a actuación de grupo de música local que actuará o sábado dia 8 pola tarde, entre outras).
ARRANXO DA ESTRADA DE CHANDEBRITO A VALADARES

Nestes dias, o Concello de Nigrán está arranxando a estrada da Lapela. No mes de maio xa se remitiran ao Concello solicitudes promovidas pola Asociación "Chandebrito 1807", asinadas por case cen veciños e veciñas, pedindo a urxente reparación desta estrada que une a parroquia de Chandebrito (Rúa da Igrexa) coa de Valadares (Estrada do Zondal).

O vial estaba en moi mal estado, provocando que os vehículos que circulan en sentido descendente hacia Chandebrito teñan que facelo pola marxe esquerda para evitar os socavóns existentes, causando un gran perigo de colisión ou atropelos de peóns (algo que xa estivo a punto de pasar en varias ocasións).

Esta cuestión xa foi denunciada mediante numerosos escritos dirixidos ao concello por parte da Asociación "Chandebrito 1807", que pediu ao concelleiro de Vías e Obras que tomase as medidas oportunas, sen que polo momento se fixese nada ao respecto.

Ademáis, tamén se pediu a ampliación da sección desta vía nalgunhas curvas así como o asfaltado frente a vivenda núm. 6 da Rúa da Igrexa, xa que supón un serio perigo para os usuarios.

Agardamos que o goberno desta administración municipal sexa sensible tamén coas outras peticións que realizamos, todas elas xustas, para a mellora dos viais da súa competencia e doutros equipamentos de uso público (instalacións deportivas, fontes de auga, extensión da rede xeral de sumidoiros a tódalas vivendas da parroquia, etc.)



EXECUCIÓN DA OBRA DE RESTAURACIÓN DO MUÍÑO DOS MATOS

Esta semana pasada, a Asociación "Chandebrito 1807", tras rematar nestes dias as labores de limpeza interior e do entorno, comezou a executar as obras de rehabilitación do Muíño dos Matos, en Chan de Brito, coa colaboración da Deputación de Pontevedra. As obras consisten na reconstrución de muros e tellado, colocación de porta, fiestra e reixa no cubo (de xeito que quede o máis parecido posible ao seu estado orixinal). Ademáis, exporanse permanentemente no seu interior, pezas antigas do muíño, paneis interpretativos dos mecanismos e funcionamento do mesmo, etc. Como novidade, dicir que realizaremos unha bioconstrución, co uso de materiais naturais e característicos da zona, (carencia absoluta de fibrocemento, PVC, cemento, etc. e utilización de madeira tratada con aceite de liñaza, piso de pedra e terra, morteiro de cal nas xuntas das pedras pola parte interior, e no exterior irá ao natural). Agardamos finalizar esta actuación durante esta semana, e realizar a segunda fase de instalación de mecanismos para a posta en funcionamento do muíño a mediados do ano que ven.
Por outra banda, en breve, imos realizar con voluntariado os traballos de roza e acondicionamento do sendeiro de pés pola zona, de cara a que este verán se poida visitar este lugar de gran encanto e interese natural e etnográfico, conservado intacto e que desexamos con estas actuacións de posta en valor unha sensibilización para que así continúe.
Tamén pretendemos dende hai anos que a Xunta ou o Concello de Nigrán procedan a catalogar este ben cultural.

TRABALLOS PARA A PROTECIÓN DO CASTRO DE CHANDEBRITO

Nos vindeiros dias, imos a executar os traballos de reposición duns trinta metros de valo de madeira substraído, para a proteción do castro de Chan de Brito no seu lado Sureste, ademáis da súa sinalización e reiterar as peticións á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para que se tramite o oportuno expediente de consideración de Ben de Interese Cultural (co fin de que goce da maior proteción legal que pode ter un ben cultural, posto que entendemos que reúne as condicións necesarias).


EXPOSICIÓN E DEMOSTRACIÓN DE CESTERÍA TRADICIONAL

O domingo dia 9 de xuño durante toda a mañá no entorno do noso local social, a escola infantil de Chan de Brito, e co gallo das festas do Cristo, contaremos cunha exposición e demostración de cestería tradicional artesán, impartida polo mestre cesteiro Rubén Berto Covelo. Esta actividade, que organizamos dende a Asociación "Chandebrito 1807", conta coa colaboración da Concellería de Patrimonio Cultural de Nigrán.


Por outra banda, poderase visitar na escola infantil as exposicións de fotografías "Unha volta polo mundo" (relativa aos viaxes de dous veciños da parroquia por varios países do mundo) e outra dalgunhas das actividades e actuacións máis significativas deste colectivo.
ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NO OBRADOIRO DE ELABORACIÓN DE PAN ECOLÓXICO


 







22/4/13

Solicitudes en apoio aos afectados por produtos bancarios

A Federación Veciñal comarcal, a petición desta Asociación, remitiu escritos a principios deste mes dirixidos aos responsables de Novagalicia Banco e da Xunta de Galicia, solicitando a mediación do Instituto Galego de Consumo para que se adopten medidas co fin de devolverlle aos aforradores os importes totais depositados por estes en obrigas subordinadas e participacións preferentes. Do contrario, esta Federación estudará a posibilidade de exercitar as accións legais que estime oportunas, ademáis de promover outro tipo de medidas contra os responsables deste espolio, goberno e banco.
Ademáis, na mesma instancia, pediron tamén entrevistarse cos máximos responsables tanto do banco como da Xunta de Galicia.

A Asociación "Chandebrito 1807" colabora coas festas da parroquia


Esta Asociación, ao igual que nos anteriores anos, ven de confirmar á Comisión de Festas de Chan de Brito a súa colaboración nas festas do Cristo da parroquia, que se celebrarán os dias 7, 8 e 9 de xuño.
A axuda consistirá nunha achega económica para un grupo de música local que actuará o sábado, ademáis da solicitude de subvencións ante as Administracións públicas, e da remisión de notas de prensa aos medios en relación ás actividades, entre outras cuestións.

13/4/13

REITERACIÓN DA SOLICITUDE DE MELLORAS NA PARROQUIA  AO CONCELLEIRO DE VIAS E OBRAS

Ao non ter resposta ás peticións que lles remitimos os dias 15 e 24 de marzo e 4, 14 e 29 de abril, 13 de maio e 9 de xuño de 2012, e de conformidade á visita realizada hai uns meses á parroquia de Chandebrito co concelleiro de Vías e Obras; envióuselle novamente as solicitudes presentadas no Rexistro xeral do Concello de Nigrán a mediados do ano 2011 dirixidas ao citado concelleiro e que polo momento están sen contestar, nas que se pide a execución de diversas obras de pequena envergadura pero bastante necesarias en Chandebrito, coa finalidade de que sexan atendidas á maior brevidade posible:


-          Trasladar ao lugar máis axeitado o poste sito entre as vivendas nº. 27 da Rúa das Laxes e a nº. 1 da Rúa do Torreiro (na intersección destas dúas vías municipais), xa que quedou dentro desta última vía pública con motivo da obra de ensanche da mesma por parte do Concello no 2003 e constitúe un importante obstáculo e supón un grave perigo tanto para os vehículos como para os peóns que circulan pola zona (solicitouse a Fenosa dende novembro de 2009, enviando presuposto por importe total de 2.765,73 € (prezo válido ata o 31/05/2011). Este asunto solicitouse no Concello en abril de 2011.

-          Fixación de tapas de arquetas da rede de sumidoiros que se moven (causando ruidos constantemente e risco de desperfectos nos vehículos), na R/ Laxes, entre os nº 10 e 14 e R/ Igrexa, do nº 24 (Cruce do Cño. Pereiras) ata cruce da R/ Chandebrito.

-          Reparación ou substitución de reixas de arquetas de augas pluviais rotas e/ou soltas perigosas, na R/ Laxes entre os núm. 17 – 19 e 21.

-          Reposición de asfalto na Subida a Mirador Castro – pista de Lapela ao Monte Alba á altura da presa de Lapela e canteira; completar a sección en curvas (presa de Lapela; preto da entrada á canteira; preto do límite con Valadares; etc.)

-          Mellora do camiño das Regueiras á Lapela por Socrasto (capa de xabre pisado).

-          Mellora do acceso do Camiño de Cordiñas (rebaixar entrada), situado entre o cruce da R/ Chandebrito coa Rúa Igrexa e o núm. 1 desta vía.

-          Ensanche da curva ou colocación de espello na R/ Laxes no cruce de acceso ao Colexio Estudio (perigo por falta de visibilidade no acceso). Acondicionar Camiño campo de fútbol – Colexio (convenio con este).

-          Requerir á Deputación a execución do proxecto da obra de ensanche da Rúa de Pracíns (E.P. 2102 Vincios – Nigrán), ou cando menos, as curvas á altura dos nº. 1, 3, 6, 21, no límite con Vincios e no Osqueiro (entre Camos e cruce Chandebrito -valla), buscando a cesión dos propietarios. (xa solicitado en numerosas ocasións).

-          Instalación de sinalización de tráfico: Reposición de sinal vertical “Stop” no acceso á Rúa de Chandebrito dende a Rúa das Laxes.

-          Crear pasos elevados na R/ Laxes (limitada a 30 Kms./h.) e na R/ Chandebrito, pola excesiva velocidade dos numerosos coches e buses que se dirixen ao Colexio Estudio.

-          Limpeza de marquesiña no cruce da R/ Laxes coa R/ Chandebrito (parte posterior).

-          Mellora de 4 fontes de auga de uso público e adecuación do seu entorno (fontes do Cocho de Abaixo; Fonte Nova; Rapadouro e Penís (de Juan).

-          Estudar ampliación da rede xeral de sumidoiros na Rúa Laxes (dende a vivenda núm. 27 á 32) e nas Pereiras, (dende a R/ de Chandebrito núm. 15 ata as nº 29 – 31).

-          Mellora das instalacións deportivas: colocación de postes e rede na parte norte do campo de fútbol (tirados polo vento), substitución de reixas frente aos vestiarios (causan perigo), dotación de cuberta metálica en vestiarios (arrancada polo vento), reparación de porterías de futbito e substitución de alambrada do peche na pista polideportiva de cemento (colocada hai uns 10 anos e moi deteriorada).

Se seguimos sen ter respostas positivas a estes asuntos durante este mes, pediremos publicamente de novo a dimisión do mencionado concelleiro, ademáis de adoptar outro tipo de medidas de presión, posto que non é de recibo estar durante dous anos solicitando reiteradas veces estas cuestións sen recibir resposta.

11/4/13

OBRADOIRO DE ELABORACIÓN DE PAN BIO

Esta Asociación desenvolverá un curso / obradoiro de pan ecolóxico no seu local social (antiga escola de preescolar) o sábado 11 e o domingo 12 de maio, impartido polo biólogo, investigador e permacultor César Lema, que conta cunha ampla experiencia neste eido.

Horarios e programa *:
- Sábado 11, 10.00 - 14.00 h. e 16.00 - 20.00 h.: teoría e práctica do pan de levadura nai.
- Domingo 12, de 10 a 14.00 h.: pan de landra.

Prezo: libre, podendo aportar o que cada quen considere ou ben aceite doméstico usado.

Material necesario: Os participantes deberán levar un bol para amasar, uns trapos para tapar o pan e 1 Kg. de fariña de trigo integral bio (que tamén se poderá adquirir no curso).

O número máximo de persoas será de 15 e terá que asistir os dous dias que dura o obradoiro.

Os interesados poden inscribirse ata o dia 8 de maio a través do teléfono núm. 667380223 ou no correo-e chandebrito1807@gmail.com .


* Explicación do programa:
 
A primeira hora do sábado falarase do formento "levadura madre", cómo conseguila e conservala, a importancia de face-lo pan con formento, tamén sobre os diferentes cereais, a fariña, a auga, a moenda, etc.
Sobre as 13:00 - 14:00 h comezaremos a face-lo pan, explicaremos as diferentes fases de amasado.
Ás 17:00 h farase o formado e segunda fermentación ata as 19:00 h no momento que o pan estará para metelo ao forno, cada participante leva a masa fermentada para casa e o mete no seu forno.
Entre 16:00 e 19:00 h. volveremos a falar sobre qué lle ocurre a masa durante as fermentacions, o corte do pan, a coción: tempos, vapor...., os tipos de fornos e a conservación do pan.
 
O Domingo a 1ª hora farase a cata dos pans do sábado e elaborarase pan de landra, explicando o procesamento da landra ata chegar a fariña desamargada.
Ás 11:00 h comezarase co amasado de fariña de trigo cun pouco de fariña de landra para cada participante (ésta levaráa César Lema).
Ás 13:30 realizarase o formado dos bolos e deixarase 1,5 h de segunda fermentación e as 15:00 h cada participante na súa casa meterá o pan no forno.
 
Os participantes deberán levar:
- Un bol de madeira, porcelana, cristal ou metal (ainda que non é o mellor) e non pode ser plástico porque o medio ácido pode arrastrar contaminantes do plástico para a masa.
- Un trapo que non cheire moito a suavizante nin a xabro e algo de lan ou abrigoso para tapar o pan cando o leven para casa.
- 1 Kg de fariña de trigo bio integral ou semiintegral (tamén a poden mercar no curso).

Pódese descargar o cuaderno do pan bio nesta dirección da internet:

PRIMEIRA PUBLICACIÓN SOBRE O SENDEIRO DOS MATOS


Esta Asociación ven de publicar nestes dias, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, un tríptico informativo do sendeiro dos Matos, recuperado no ano 2005 entre os veciños e o Concello de Nigrán.

Deste xeito, nas rutas que se fagan deste sendeiro poderánse entregar de xeito gratuito aos participantes unha información detallada da historia, das características e dos elementos de interese que ten o mesmo (catro muíños de auga, pontellas medievais, a beleza do curso do río Muíños, a natureza, etc.).

Este camiño ten unha grande importancia histórica-etnográfica para os veciños da actual parroquia de Chandebrito, xa que foi empregado durante centos de anos ata o 1786 para ir á antiga igrexa de Camos, parroquia á que pertencían os catro barrios históricos que hoxe forman Chandebrito.

Ademáis de recuperar o muiño dos Matos durante as vindeiras semanas, prevese facer tamén a curto prazo a limpeza do carreiro de pés que pasa por este e por unha antiga pontella medieval que se localiza uns cen metros máis abaixo deste muiño. Deste xeito, de cara a esta primavera / verán todos poderemos disfrutar da beleza deste camiño e comprender mellor o interese que ten.

CURSO AVANZADO DE CESTERÍA PRÁCTICA TRADICIONAL


A Asociación Veciñal e Cultural "Chandebrito 1807", ante o alto grao de éxito obtido nos cursos prácticos de iniciación á cestería tradicional con vimbio (celebrados entre novembro de 2012 e abril de 2013), nos que se incribiron 23 persoas de todo o Val Miñor e área de Vigo; convoca un novo curso avanzado de cestería, que comezará o luns 22 de abril e se desenvoverá no seu local social, a escola de preescolar de chan de Brito, durante oito luns consecutivos en horario de 18.30 a 21.30 h (24 horas).

Tódolos interesados en participar neste novo curso poden inscribirse chamando ao teléfono núm. 667380223 ou indicando os seus datos persoais no enderezo de correo-e: chandebrito1807@gmail.com . Farase un único grupo de entre 6 e 10 persoas por riguroso orde de inscrición. Ao igual que nos cursos de iniciación, ao remate desta actividade entregaráselle aos participantes o correspondente diploma acreditativo.

Gracias á importante labor do mestre cesteiro Rubén Berto Covelo, ao que temos que agradecerlle o seu interese por ensinar a todos aqueles interesados que descoñecen unha forma de artesanía, vida e cultura que o home elaborou dende os albores da humanidade, pois a cestería incluso e anterior a cerámica, arte que con moi poucas modificacións durante milenios, demostra que a idea primixenia e a súa realización foron perfectas dende un principio, cousa que raras veces se consigue.

Non cabe dúbida, por tanto que os cesteiros, ó igual que outros oficios practicados en Galicia por desgracia esmorecen a causa dos avances das novas técnicas e do tan gabado progreso, asistindo á transformación das artes, oficios, tradicións e calquera tipo de manifestación da nosa cultura, polo que con este tipo de cursos tratamos de manter viva a tradición e cultura levada a cabo durante milleiros de anos polos nosos antepasados, non podendo permitir que se perda.