13/9/22

Proxecto de valorización da fraga dos muíños de Rodas

A Asociación Chandebrito 1807 congratúlase de que o Concello de Nigrán, coa financiación da Deputación de Pontevedra, apoie finalmente a solicitude que realizou esta Agrupación no seu dia, hai agora uns catro anos, para valorizar a contorna dos muíños de Rodas, na parroquia de Chan de Brito.

Esta Asociación ía máis alá da actuación realizada polo momento, tal e como consta no proxecto presentado ao respecto no Concello de Nigrán, e publicabamos o dia 12.07.2018 a seguinte nota de prensa:

No dia de onte, a Asociación Chandebrito 1807 presentou no Concello de Nigrán o proxecto sobre a posta en valor da fraga e muíño de Rodas, en Chan de Brito, xunto coa solicitude de colaboración para executar esta interesante actuación.

Agardamos obter o apoio e axuda da administración local, xa que sen ela, non sería posible poder desenvolver o citado proxecto, debido á carencia de recursos por parte desta Agrupación sen ánimo de lucro. Por outra banda, cabe salientar que este asunto forma parte do programa electoral deste goberno para o mandato 2015-2019.

Con esta actuación, esta Asociación, que leva máis de dez anos traballando na divulgación, conservación e valorización do patrimonio, pretende poñer en valor unha das zonas de maior beleza e interese etnográfico e medioambiental da parroquia, ao igual que xa fixo hai uns anos co lugar dos Matos e das Loureiras, donde recuperou dous dos muíños de auga máis antigos do municipio, xa que, ao igual que o muíño de Rodas de Arriba, foron construidos a principios do século XVIII.

Nas fotografías pódese apreciar o proxecto e solicitude presentada, xunto á fraga e o muíño de arriba de Rodas


Máis información en:

25/8/22

Os alcumes na parroquia de Chan de Brito no século XX


Nestes dias presentouse un novo traballo de recompilación dunha parte do patrimonio cultural inmaterial da parroquia de Chan de Brito: os alcumes ("apodos") ou nomes coloquiais da veciñanza.








7/6/22

Éxito da II ruta de plantas silvestres

O sábado dia 30 de abril, desde as 16:30 ata as 20:30 horas tivo lugar a II Ruta de recoñecemento de plantas e froitos silvestres comestíbeis, organizada pola Asociación Chandebrito 1807, con saída e chegada na antiga escola infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa núm. 2).

Unha vez máis, a xornada desenvolveuse con gran éxito, identificando e degustando prantas silvestres comestíbeis da man do biólogo César Lema, que mantivo en todo momento o interese dos asistentes, preto de corenta persoas, que percorreron os lugares da Penís, A Rega, O Valiño, o monte dos Cruceiros, As Chans do Castro, e o Outeiro do Corvo.






26/4/22

II Ruta de recoñecemento de plantas e froitos silvestres de Chan de Brito

O sábado dia 30 de abril, desde as 16:30 ata as 19:30 horas realizarase a II Ruta de recoñecemento de plantas e froitos silvestres comestíbeis, con saída e chegada na antiga escola infantil de Chan de Brito (Rúa da Igrexa núm. 2).

Plantas e froitos silvestres medran de forma natural e espontánea, e aportan ao noso organismo elementos nutritivos de alto valor biolóxico, vitaminas, sales minerais e outras moitas substancias activas de propiedades preventivas e curativas, que na súa inmensa maioría, están ainda por descubrir.

As plantas silvestres teñen máis vitalidade e mellor calidade biolóxica, ademáis de posuir mellor capacidade de adaptación ao medio que as de cultivo. Esta calidade da que gozan os vexetais consiste na adaptación ás condicions especiais e ambientais do hábitat onde medran. Ofrecendo os nutrientes e os elementos protectores máis axeitados para as persoas da súa zona, sempre que medren sen sufrir grandes danos a causa dos fertilizantes químicos e fumigacións tóxicas, coma os pesticidas.

Pasaremos unha xornada identificando e degustando prantas silvestres comestíbeis con César, e ao final poderemos compartir merenda co que traiamos cadaquén e/ou o que apañemos

Nesta actividade organizada pola Asociación Chandebrito 1807 non é necesario inscribirse, e ten un prezo Libre (cada participante pon o valor en función da calidade da información, profesor, entorno, a súa economía, etc.).





28/3/22

Execución de novas actuacións con Traballos en Beneficio da Comunidade

Esta Agrupación, no marco da colaboración co CIS de Vigo, Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias desde o ano 2011, para o cumprimento de penas con traballos en beneficio da comunidade no ámbito territorial da parroquia de Chan de Brito, ven de realizar desde o 22 de xaneiro ata o 5 de marzo (durante un total de 48 horas) as seguintes actuacións na zona:


- Limpeza das marxes dos camiños antigos do Campo Novo e do Soeido
- Limpeza, roza e sinalización da contorna do muíño dos Matos (edificio, levada de auga, tellado, sendeiro de pés, etc.)
- Recollida de lixo nas marxes e cunetas de diversas vías públicas
- Sinalización horizontal parcial do roteiro histórico etnográfico de Chan de Brito, deseñado no ano 2006
- Tarefas de conservación e mantemento de varios indicadores de topónimos tradicionais (Cova de Lobo, As Pereiras, Pedra Grande...)

9/2/22

Obradoiro gratuíto de lingua de signos (II)

Esta agrupación convocou o segundo obradoiro de lingua de signos, que dará comezo o vindeiro luns dia 14 de febreiro en horario de 18:30 a 20:30 horas no seu local social, a antiga escola infantil de Chan de Brito.

Esta actividade desenvolverase tódolos luns desde o 14 de febreiro ata o 27 de xuño, ambos incluidos (un total de 20 xornadas de dúas horas cada unha).

Observaranse as medidas marcadas polas autoridaded sanitarias para a prevención de contaxios por coronavirus, Covid-19; recomendándose aos participantes que leven mascarilla axeitada (se algúen non leva poderase proporcionar unha á entrada o primeiro dia), e informamos que se ventilará o local convenientemente, disporemos de xel hidroalcohólico no acceso á aula -así como demáis material preciso- e cada un dos asistentes estará como mínimo a 1,5 metros de distancia entre sí.

Este obradoiro é completamente de balde, incluido o material didáctico necesario (principalmente fotocopias), pero cadaquén pode levar unha libreta para tomar notas, se o desexa. As persoas participantes poderán colaborar con esta Agrupación no que desexen, que iría destinado ao mantemento desta, do local social, e/ou a fins sociais.


As persoas interesadas poden obter máis información no teléfono 620097930 e as inscricións poderán realizaranse por whatsapp no mesmo número ou dirixindo un e-mail a chandebrito1807@gmail.com . Indicarán nome e apelidos, idade, núm. de teléfono e enderezo de correo-e.

Coa realización desta actividade, agardamos avanzar nos dereitos sociais de tódalas persoas, romper barreiras e a plena integración das persoas discapacitadas, ademáis de que os asistentes disfruten e que lles sexa útil.