25/12/18

Solicitude de melloras nos viais de acceso a Vigo



Esta Asociación, logo de recibir queixas da veciñanza, e atendendo ao que establece o artigo 25.2 da Lei 7/1985 reguladora das Bases de Réxime Local, solicitou por escrito hai máis dun mes ao Concello de Nigrán que proceda á maior brevidade posible a realizar as accións necesarias co fin de limpar as marxes e cunetas da Rúa de Chandebrito (especialmente a marxe dereita dun tramo de 1 Km. desde o cruce do Camiño das Pereiras ata o lugar das "Centieiras", no límite coa parroquia de Coruxo) e do Cmño. da Lapela.

Asi mesmo, solicitouse novamente a reposición do asfaltado deste último vial en toda a súa sección (duns 4 m.), cando menos no tramo de 650 metros de lonxitude localizado entre a pista da presa da Lapela e a entrada da canteira, ao tratarse dun acceso a Vigo importante para a veciñanza que se atopa nunhas condicións pésimas (presenta zonas con fochas e terras que causan perigo de atropelos, colisión entre vehículos e outros danos aos mesmos).

Esta Agrupación xa realizou peticións neste sentido en varias ocasións, ademáis da recollida de residuos nas marxes dos viais e actuacións puntuais de limpeza e desatascado de tuberías e cunetas nestes.




10/11/18

IV Festa do muíño e senda dos Matos


Esta Agrupación ven de celebrar as “Actividades etnográficas da senda e muiño dos Matos”, tamén denominada “IV Festa do Muiño dos Matos”, organizada por esta Asociación e coa colaboración económica do Concello de Nigrán.

Realizouse unha charla e partiuse dende o barrio de Pracíns cun roteiro guiado por expertos en historia e natureza da zona hacia este muiño de auga, donde houbo moenda, demostracións, charlas, exposicións, etc.

Dende o comezo da xornada e especialmente, dende o remate do roteiro, e por mor das previsións meteorolóxicas adversas, no local social da antiga escola infantil da parroquia houbo música folck protagonizada por un grupo de gaitas, exposición de pezas de muíños de auga e de fotos, textos, planos, etc. deste e doutros muiños de Galicia; desenvolvemento de oficios tradicionais artesáns (cestería con follato de millo, cesteiro en palla de centeo, zoqueiro), degustación gratuíta de pans bionaturais realizados por un artesán local, e de produtos ecolóxicos elaborados por agricultores da zona coa fariña de cereais.

Despois de 41 anos abandonado (no 1973), volveu funcionar o muiño dos Matos, no que  ademáis de moer millo durante este dia especial, realizouse unha exposición de fotografías antigas relacionadas cos cereais cultivados na zona, de utensilios empregados con estes traballos, de pezas do muiño e de variedades locais de millo.

Esta actividade contou coa participación dun grupo de gaitas vigués, membros ecoloxistas, un muiñeiro, un zoqueiro artesán, un cesteiro, e outros artesáns da contorna, ademáis de agricultores bio da zona, entre outros colaboradores. Ademáis, asistiron como público preto de 40 persoas procedentes da localidade de Nigrán e doutras da contorna (Baiona, Vigo, etc.).


O Muíño de auga, localizado no barrio das Rozadas, da parroquia de Chan de Brito (término municipal de Nigrán), está encravado nun fermosísimo lugar privilexiado e forma parte dun grupo de catro muíños fariñeiros (os outros tres localízanse xa dentro da parroquia de Camos- Nigrán). Ubícase a carón do camiño medieval que percorre os lugares coñecidos tradicionalmente como “Campos do Paso, Os Matos e A Lama”, de grande importancia para a veciñanza de Chandebrito durante centos de anos (ata o 1786 debían pasar por el para ir á igrexa parroquial). Dende o 2005, forma parte imprescindible do sendeiro natural e cultural do “Camiño dos Matos”, do Concello de Nigrán e, dende o punto de vista de interese etnográfico, é moi importante, xa que é un dos muíños máis antigos 11 localizados nesta parroquia (de principios do s. XVIII) e probablemente de todo o municipio de Nigrán (aparece rexistrado no Catastro do marqués da Ensenada no ano 1753). Debido ao seu abandono no 1973, estaba en ruínas, e no ano 2009 esta Asociación conquire a cesión do seu uso e a autorización por parte dos propietarios herdeiros para a súa restauración e uso por este colectivo, obra que ten lugar en xuño de 2013, xa logo de limpar o muíño, contorna e accesos con persoal de traballos en beneficio da comunidade e con voluntariado. No ano 2014 complétase a restauración coa instalación de mecanismos e pezas. O 8 de novembro de 2015 desenvólvese a “I Festa do muíño e senda dos Matos”. En novembro de 2016 realízanse reparacións na quenlla, e na levada, no cubo e a substitución da sateira do muíño para evitar perdas de auga.






11/10/18

Actuacións para a protección do patrimonio cultural

Esta Asociacion ven de instalar diversa carteleria en madeira e chapa para sinalizar diversos bens culturais da parroquia, tales como os petroglifos e muiños rupestres situados na Chan das Tomadas, as Ventaniñas, na Presa dos Soldados, O Piñeiro, e A Cañoteira, entre outros.

Nas proximas datas tamen está prevista a instalacion de placas graniticas en varios lugares, indicadoras de catorce toponimos tradicionais.

Por outra banda, vai insistir en que se recollan no Plan Xeral de Ordenacion Municipal de Nigran todos os bens q inventariou este colectivo, algo que a Xunta de Galicia exixiu en varias ocasions ao Concello de Nigran, xa que no borrador do citado documento do PXOM non se incluiron mais que unha parte dos mencionados elementos obxecto de proteccion.

Deste xeito, esta Agrupacion, con mais de dez anos de antigüidade, segue apostando pola recuperacion, conservacion, divulgacion e posta en valor de todo o patrimonio cultural de Chandebrito.



Un dos paneis colocados xunto ao petroglifo da Chan das Tomadas.

Solicitude instalación fibra óptica

Esta Asociacion, recibiu suxestions da veciñanza da parroquia de Chan de Brito sobre a dotacion de fibra optica na zona.

O Concello de Nigrán ven de anunciar a xestion coas diferentes teleoperadoras da implantación de fibra óptica nas zonas con peor cobertura de internet co obxectivo de que a finais de 2019 sexa unha realidade en todo o municipio. Actualmente estanse a realizar obras de instalación nalgunhas zonas costeiras do municipio, e a maiores, o Concello agarda que o seguinte núcleo con fibra sexa Camos a través da rúa San Roque, xa que nas obras de humanización foi dotada de canalización subterránea, punto que xa está sendo analizado por varios operadores.

Asi mesmo, desde ese goberno afirmase que "estan a traballar coas teleoperadoras co obxectivo de priorizar os núcleos do municipio con peor cobertura, no caso de Nigrán é urxente que chegue ao interior, onde a conexión é en moitos casos pésima”.

Por outra banda, anunciouse a proxima existencia doutra liña de subvencións a nivel autonómico este ano, e que dende o Concello xa se están mantendo reunións de traballo coas empresas operadoras para intentar chegar as zonas que aínda quedan sen fibra.

Esta Agrupacion comparte a idea de que as administracions teñen a obriga de rachar coa fenda tecnolóxica que existe entre o urbano e o rural. Hoxe en día internet é case imprescindible e ten fortes vantaxes para realizar moitos tramites administrativos e outras xestions necesarias da vida cotiá.

Por todo o exposto, e tendo en conta as carencias do lugar en materia de comunicacions ; esta Asociación solicitou hai varios dias que se fagan as xestions oportunas para dotar de fibra óptica a parroquia de Chan de Brito en breve, o que beneficiaria a medio milleiro de habitantes.


8/9/18

Entrevista co concelleiro de medio ambiente e urbanismo

O pasado 20 de agosto mantivemos xuntanza co concelleiro de medio ambiente e urbanismo do concello de Nigrán.

Nesta entrevista expuséronselle diversos asuntos de interese da parroquia de Chan de Brito, que o edil se comprometeu a estudar e tratar de poñer en marcha:

- Posta en valor do muíño de auga de arriba de Rodas e da súa contorna.
- Catalogación de 38 bens culturais inventariados por esta Agrupación e posta en valor de algúns deles.
- Aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal recollendo as alegacións desta Asociación, corrixindo diversos erros, ampliando núcleos rurais, e promovendo un crecemento ordenado de vivendas. Tamén se lle pediu que se convoque a Asemblea do Consello Sectorial do PXOM, donde están representadas todas as Asociacións do municipio.
- Inclusión de catro viais no inventario de camiños públicos e corrección de 58 erros detectados por nós no actual inventario municipal.
- Colaboración en actuacións de mellora do muíño dos Matos, sendeiro e a súa contorna.
- Reparación de viais públicos: Parte urbana da Estrada de Chan de Brito, Camiño da Lapela.
- Melloras no transporte público por estrada, prolongando o servizo do bus urbano que chega ata Fragoselo para que dea cobertura á parroquia, e co uso efectivo do transporte escolar, para o que esta Asociación presentou enquisas realizadas a máis do 10 % da poboación de Chan de Brito no Concello e en Vitrasa.
- Ensanche e mellora da estrada de Pracíns.
- Diversas reparacións na escola infantil e contorna.
- Limpeza de fincas con maleza.

Reparación da estrada de Chan de Brito

Tal e como solicitaramos en multitude de ocasións por escrito desde a Asociación Veciñal Chandebrito 1807, no mes de setembro vaise reparar a Estrada de Chan de Brito, repoñendo o firme do tramo urbano que está en mal estado de conservación, tanto o que presenta fochas (baches) como o afundido por mor da rede xeral de sumidoiros.
Desde esta Agrupación tamén se volverá pedir a sinalización horizontal desta vía e da Rúa das Laxes, ao consideralas dúas das principais da parroquia, co fin de mellorar a seguridade vial na zona.


4/8/18

Queixas polo reparto do correo postal


Ante as queixas da veciñanza da parroquia de Chandebrito, no municipio de Nigrán, que afirman que non reciben correo postal algún dende hai varias semanas; a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 ven de solicitar de Correos e por escrito información a respecto de se o reparto nesta zona se ven realizando de xeito regular, e se non é así, nos expliquen o motivo da incidencia, e que se poñan os medios axeitados para a súa solución inmediata.