28/3/13


Recuperación da toponimia de Chandebrito

A Asociación "Chandebrito 1807”, dentro do seu plan iniciado no ano 2009 para a recuperación de topónimos menores (nomes de lugares da parroquia de Chandebrito) co fin de contribuír non só a que non desaparezan, senón a que se fomente o seu uso, xa que o considera unha parte moi importante do patrimonio cultural inmaterial; leva recollidos uns 660 topónimos a través de diversos medios (documentación histórica, escrituras de transmisión de fincas, entrevistas a varios veciños e veciñas maiores, etc.) e ubicado a metade deles nun plano co fin de que se publique no futuro, xunto co estudo da súa orixe.

Outra das accións que está desenvolvendo é a realización de placas de pedra nas que se grava o nome tradicional dos lugares nos que os propietarios da casa ou finca os colocarán nun lugar visible dende a vía pública (ata o momento lévanse sinalizado uns dez sitios: A Rega, A de Per Costas, As Cancelas, O Vargo, A Alén, A Castiñeira, As Pías, A Eira, O Valiño; e agárdase que durante este ano 2013 se chegue aos vinte). Deste xeito, garántese o coñecemento, o uso e a conservación destes nomes.




Moita xente (incluso da zona) descoñece o nome dos lugares, e con este traballo favorécese a recuperación deste patrimonio cultural inmaterial, que corre o risco de perderse en poucos anos, xa que o último eslavón da sabedoría tradicional son a veciñanza de maior idade, e cando finen, con eles irá toda esa sabería, e entre ela os topónimos, algúns deles levan varios centos de anos dando nome aos lugares (así se constata en documentos como o Catastro da Ensenada, Escrituras de foros, etc).



No hay comentarios: