3/2/14

Solicitude de actuacións sobre o uso do bus urbano de Vigo pola veciñanza de Nigrán


Varias persoas asinaron unha solicitude presentada no Rexistro municipal o pasado dia 27 de xaneiro e dirixida ao Sr. Alcalde de Nigrán, na que expuñan as seguintes consideracións:

Que o goberno local do Concello de Vigo anunciou que proximamente as persoas non residentes no município vigués non se poderán beneficiar dos descontos que xenera a utilización da tarxeta verde ou bonobús, actualmente cun custo de 0,86 € por viaxe, no lugar de 1,32 € que vale o billete ordinario, é dicir 0,46 € de aforro por cada desprazamento; o que suporá para alguén que o usa diariamente pola semana un incremento aproximado duns 20 € mensuais -ida e volta-  (recentemente o Concello xa deixou de emitir esta tarxeta para todos aqueles que non estén empadroados no mesmo). Cabe lembrar que é o importe máis caro dos buses urbanos de Galicia.

Que no municipio de Nigrán existen varias persoas que necesitan forzosamente desprazarse a Vigo por motivos de estudos, comerciais, laborais, médicos (o hospital de referencia é Povisa, ubicado nunha zona na que prácticamente todas as prazas de aparcamento son de pago), etc.

Que no actual contexto de crise, con moitas familias que teñen a tódolos seus membros desempregados sen cobrar prestación algunha, estas non poden asumir ese custo, xa que ademáis deben facer frente ao pago dos recibos da luz, telefonía, auga, gas, seguros, tributos, etc., que se viron fortemente incrementados nos últimos tempos.

Que isto suporá un prexuízo importante para todos, que afectará moi negativamente ao medio ambiente –co uso masivo de vehículos particulares que desprenderán grandes cantidades de dióxido de carbono-, ao tráfico pola súa saturación, etc.

Por elo propuséronlle ao Sr. Alcalde de Nigrán a adopción das seguintes medidas urxentes para tratar de solucionar este problema, que afecta especialmente ás parroquias do interior, como a de Chandebrito, ao carecer esta de transporte público:

-          Solicitude ao Concello de Vigo de datos do censo de usuários e usuárias da tarxeta verde do bus urbano empadroados en Nigrán.
-          Contactar cos outros concellos da área afectados para expoñerlle de xeito común un acordo que evite ese incremento aos habitantes non residentes en Vigo.
-          No caso de non ser posible o citado no punto anterior, propoñer a sinatura dun convenio entre os dous concellos mediante o cal se subvencione o billete aos veciños/as de Nigrán, a través dun acordo coa Deputación de Pontevedra ou outras administracións, para que abonen os importes necesarios.

No hay comentarios: