2/1/15

Reclamación á aprobación da modificación da ordenanza da taxa do lixo

A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807”, presentou no prazo de exposición publica unha reclamación á aprobación inicial da modificación da Ordenanza Fiscal da Taxa pola prestación do servizo de recollida de lixo do Concello de Nigrán.

A reclamación presentada fundaméntase principalmente no firme rexeitamento desta asociación á redución da cuota do 40% para as industrias, talleres e farmacias, negocios nos que teñen intereses algúns membros do goberno municipal, mentres que para outros como os da hostalería (bares, cafeterías, restaurantes, hoteis), supermercados e locais comerciais en xeral non se reduce absolutamente nada o que significa un claro agravio comparativo. No que sí estamos de acordo é na redución da taxa ás vivendas nun 3,5 %, a pesar de chegar tarde e só en época pre-electoral.

Esta Asociación non vai aceptar presións de ningún tipo para que retire a reclamación presentada no Concello e se ao alcalde non lle foron suficientes os prazos para aprobar a modificación que pretendía para aplicala no exercicio 2015 só debeuse a súa propia incompetencia e debe asumir as súas propias responsabilidades por aprobar inicialmente e publicar a modificación da ordenanza tarde.

Por outra banda, estamos agardando a que este goberno municipal resposte algunha das moitas solicitudes que lle fixemos para colaborar  con esta Asociación na mellora de obras necesarias, da conservación e posta en valor do patrimonio cultural e medio ambiental, etc., xa que polo momento, ademáis de non contestar, menosprezan o noso traballo.

Ante a falta de actuación dos grupos políticos actualmente representados na corporación municipal a hora de exercer o seu dereito de reclamar as modificacións das taxas non significa que non o vaia a facer esta Asociación agora e sempre que o considere oportuno aínda que o alcalde de turno se queixe.

No hay comentarios: