22/2/15

Inicio da recuperación do muiño das Loureiras

Esta Asociación prevé comezar os traballos de limpeza do muiño de auga das Loureiras, da súa contorna e accesos, así como a restauración da súa estrutura (muros exteriores), no mes de marzo ou abril deste ano 2015.

Este muiño, que está completamente en ruinas, construise probablemente no século XVIII e quedou abandonado a mediados dos anos 1930, coincidindo coa construción dos muiños do Regueiro, en Chan de Brito. Asi mesmo, é un dos 38 bens culturais desta parroquia para os que esta Asociación solicitou por escrito en multitude de ocasións ao Concello de Nigrán e á Consellería de Cultura da Xunta a consideración de ben inventariado, co fin de proporcionarlle unha protección legal axeitada, petición que aínda non atenderon.

Durante o ano pasado asinouse con varios propietarios / herdeiros deste muiño un documento de cesión do seu uso durante 25 anos, no que este colectivo comprométese a restauralo, de acadar algunha subvención para elo, facilitando o seu uso a aqueles.

Nesta actuación colabora a Deputación de Pontevedra con financiamento procedente do Programa de Acción Comunitaria 2014.

Para elo, xa pediu colaboración ao Concello de Nigrán, asociacións sen ánimo de lucro e persoas poidan estar interesadas, para así fomentar a participación do voluntariado neste proxecto, cuxa primeira fase estará concluida a mediados deste ano.

Todas as persoas que esten interesadas en colaborar nas tarefas citadas deben poñerse en contacto coa Asociación a través do correo-e chandebrito1807@gmail.com ou chamando ao núm. de teléfono 667 380 223.

No hay comentarios: