20/10/15

XESTIÓNS PARA REPARACIÓN DE DANOS NA ESTRADA DA LAPELA E MELLORA DOUTROS VIAIS

Ante os constantes danos producidos na estrada da Lapela, que comunica o barrio da Igrexa en Chan de Brito co monte Alba, en Valadares, a causa da explotación da canteira granítica situada no lugar da Lapela, e ante a total pasividade da Comunidade de Montes da parroquia de Chan de Brito; a Asociación Veciñal Chandebrito 1807 mantivo en agosto unha entrevista co alcalde de Nigrán para pedirlle o arranxo do tramo deste vial na parte inferior da citada canteira, e que se lle requira á empresa arrendataria a colocación dunha adecuada sinalización de perigo nesta via e a reparación de danos, tales como limpeza de lodos na superficie (producidos coa escorrentía das augas pluviais), arranxo do pavimento no tramo próximo ao término municipal de Vigo, etc. Esta petición realizóuselle novamente ao rexedor no dia de onte.
Por outra banda, lembróuselle a necesidade de ensanchar a sección da Estrada Provincial de Pracíns, outra das demandas históricas da veciñanza, cuxa obra xa resultou aprobada hai máis de dez anos, pero que segue sen executarse, co conseguinte perigo para os vehículos e peóns que circulan por este vial tan estreito e de visibilidade escasa.

Ademáis, acábanse de manter contactos co concelleiro de Vías e Obras para o arranxo dun camiño de acceso ao lugar dos Matos, moi deteriorado polo efecto das choivas.

Outro aspecto que consideramos importante neste eido, é a corrección e actualización do inventario municipal de viais públicos, asunto no que xa incidiu esta Asociación presentando unha solicitude en agosto de 2014 na que se pedia corrixir 58 erros e a inclusión de tres camiños da parroquia no referido documento.


Fotografías do estado actual da estrada de Lapela, que une Chan de Brito con Valadares:




No hay comentarios: