3/11/23

Denunciamos a subida do IBI que pretende o goberno de Nigrán

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 denuncia publicamente o abusivo incremento do tipo de gravame ata o 0'60 % (a proposta inicial era do 0,65 %) que pretende realizar o goberno municipal de Nigrán no imposto de bens inmobles, IBI (popularmente coñecido como Contribución urbana), e que aprobou inicialmente, co voto a favor do PSOE, no pleno hoxe venres día 3 as 8:30 da mañá, convocado de xeito urxente sen publicidade e para unha hora na que a maioría da cidadanía non podía asistir ao salón de sesións.

Consideramos que Non ten sentido que se realizase un pleno extraordinario despois de celebrar un ordinario tres días antes, no que se puido incluír este asunto, e isto só pode ser debido a que non se quere informar públicamente, ademais de supoñer un importante gasto para as arcas municipais polas indemnizacións aos concelleiros pola asistencia ao pleno.

Esta Agrupación realizará unha campaña de información á veciñanza sobre este despropósito, que vai repercutir moi negativamente nas economías domésticas das familias, moitas delas con dificultades para chegar a fin de mes), ao ter que pagar 100 € máis por unha vivenda cun valor catastral de cen mil euros.

En relación aos municipios da contorna, os valores catastrais en Nigrán son moi elevados, de ahí que durante moitos anos se mantivera o tipo de gravame do 0'40 %, actualmente no 0'50, e que pasará ao 0'60 % de aprobarse definitivamente, polo que consideramos que non procede ningunha subida máis, e pedimos ao goberno municipal que rectifique e non se expoña ao público para que non se aprobe definitivamente.

No hay comentarios: